Rojo pide un "acordo" por escrito coas normas para visitar o Parlamento

Rojo, no encontro cos medios CC-BY-SA Praza Pública

Tras o conflito, a procura do "acordo". Os voceiros do Parlamento galego están convocados mañá a unha xuntanza coa presidenta, Pilar Rojo. Sobre a mesa estará a reclamación da popular de fixar por escrito as normas sobre os convites ás sesións plenarias, os mesmos que ata agora podían tramitar directamente os grupos políticos por cesión da Presidencia pero que Rojo vetou para que o único criterio de admisión sexa o seu propio e así evitar incidentes. Entre continuas alusións á protesta de afectados polas preferentes en decembro e tamén ás acontecidas o pasado martes -cando xa estaba en vigor a prohibición- a presidenta declárase "aberta ao diálogo", coa "man tendida á oposición".

Pero esa disposición a falar "non significa que non tiña a obriga de defender o Estado de Dereito", e iso para Pilar Rojo é sinónimo de que o PSdeG e, sobre todo, AGE e BNG, se responsabilicen das protestas que poidan protagonizar as persoas que conviden, algo ao que, por imprevisible, os grupos non están dispostos. "Mañá falaremos e pido a volta á normalidade", sinalou Rojo nun encontro coa prensa no que asegurou que a súa única vontade é que os deputados e deputadas poidan "traballar en liberdade e sen presión de ningún tipo". "Estamos defendendo a inviolabilidade do Parlamento", di. 

A presidenta non pecha a porta á imposición de sancións

Así e todo, a convocatoria deste encontro non pecha a porta, cando menos de momento, a que a presidenta promova sancións tanto para os cidadáns e cidadás que protestaron como para os deputados e deputadas que os apoiaron. A Presidencia está pendente de recibir informes dos servizos xurídicos e de seguridade do lexislativo galego e, unha vez consultados, "será o momento de comunicar" se hai algún tipo de sanción. Se as houber, todo parece indicar que estas serían para membros da oposición e non para cidadáns que protestaron, xa que no entorno da presidenta non se considera axeitado promover multas ou denuncias contra, por exemplo, afectados polas preferentes.

Devolver salarios por non asistir?

O que semella máis improbable é que Rojo asuma como propia a vía encetada o pasado mércores pola voceira do PP, Paula Prado, cando reclamou abertamente que, ademais de aceptar sancións, os deputados e deputadas da oposición devolvan o salario correspondente ao pleno ao que non asistiron para, precisamente, protestar polas restricións ás visitas. Entre outras cousas, esta posibilidade deixaría nunha situación politicamente complexa ao propio Grupo Popular, toda vez que nesa mesma sesión plenaria tamén se ausentaron membros do PP. Neste sentido, o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, amosa a súa "predisposición a escoitar" as propostas de Rojo, pero non a asumir a "demagoxia populista", xa que a ausencia do Bloque, igual que a dos socialista e de AGE, foi un "acto político". "Non se ausentaron para ir a un spa", ilustra.

Jorquera amosa disposición ao diálogo pero censura a "demagoxia populista"

Mentres, dende San Caetano, Alberto Núñez Feijóo gababa a "responsabilidade" de Pilar Rojo e censuraba o "espectáculo" da oposición, Jorquera reclamaba a volta ao sistema habitual, no que "os convites se canalizan a través dos grupos políticos" e non entran nos plenos "só persoas do perfil que lle interese ao PP". Tamén o voceiro socialista, Abel Losada, tomaba posición ao respecto pouco despois de coñecer o ofrecemento da presidenta; o PSdeG acudirá á xuntanza e colaborará na procura dun acordo cunha posición "construtiva", pero sempre partindo da base de que o Parlamento non pode ficar pechado á cidadanía ou restrinxido ao criterio arbitrario da presidenta con "filtros previos", explicou.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Rojo, no encontro cos medios CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.