A Xunta quere cobrar polo uso de estradas e autovías, segundo AGE

Autovía A-6 ao seu paso polas Nogais (Lugo) CC-BY-SA Adrián Estévez

Alternativa Galega de Esquerda denuncia que a Xunta quere deixar aberta a posibilidade de cobrar unha taxa polo uso das estradas e autovías públicas. A formación alerta de que a Consellaría de Infraestruturas mantén esa opción no proxecto de lei de estradas -agora en tramitación- a pesar de que o Consello Económico e Social criticou esta posibilidade. 

AGE sinala en concreto dous artigos (31 e 34) "agochados" no proxecto de lei de estradas e lembra que o propio Consello Económico e Social fixo constar, no seu informe sobre a norma, “a inoportunidade da introdución ou consolidación de novas cargas, xa que leva canda si un forte prexuízo para a cidadanía e para sectores empresariais como o do transporte, cun incremento de custos insostible”. E engade que mesmo o responsable de Infraestruturas, Agustín Hernández, negara a aplicación desta medida.

O deputado Antón Sánchez tamén denuncia que unha disposición (a adicional segunda e do artigo 34.3) prevé a creación dunha “axencia pública ou organismo autónomo” que asuma a xestión da rede de estradas de Galicia. Isto, engade Sánchez, suporía “un aínda menor control parlamentario dos labores do Goberno sobre estas infraestruturas”.

Autovía A-6 ao seu paso polas Nogais (Lugo) CC-BY-SA Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.