35 anos da detención da vaca Pinta polo alcalde que marcou a política de Baiona

Contorna do Parador de Baiona na que o 3 de outubro de 1983 o alcalde da vila ordenou deter a vaca Pinta CC-BY-SA Praza Pública

O político máis relevante da historia recente de Baiona non é o agora conselleiro de Sanidade de Feijóo, Jesús Vázquez Almuiña, alcalde da vila entre 2004 e 2015, senón quen lle facilitou a alcaldía, o seu antecesor Benigno Rodríguez Quintas, rexedor independente entre 1979 e 1987 e novamente de 1999 a 2003, malia ser condenado e inhabilitado seis anos por fraude polo Tribunal Supremo en 1989. Pero non foi esa actuación ilegal a que lle deu sona mesmo internacional senón a súa decisión previa, hai agora 35 anos, de arrestar unha vaca por pastar en terreos que consideraba municipais ao pé do Parador de Turismo da vila. Malia os seus antecedentes, PP, PSdeG e BNG pactaron con el en distintas ocasións, o que para a vila fai que a efeméride da detención do animal sexa moito máis que unha curiosidade e supoña todo un símbolo da vida política local.

Rodríguez Quintas, coñecido na vila como Chicho, xa formaba parte da corporación municipal antes das primeiras eleccións locais democráticas de 1979, ás que se presentou coa súa propia formación independente obtendo 10 dos 13 concelleiros que daquela había en Baiona. Similar vitoria obtería catro anos despois, nos comicios de 1983. Pero aquel ano comezaron os problemas.

O daquela rexedor, na política local desde antes da democracia, foi despois inhabilitado por fraude noutro caso, pero volveu gobernar co apoio do PP, foi socio de PSdeG e BNG, e levou á alcaldía ao agora conselleiro de Sanidade de Feijóo

O 3 de outubro de 1983 o alcalde ordenaba que a policía local detivese unha vaca que o seu dono, José Costas, O Cabeco, levaba a pastar de xeito periódico aos terreos que circundan a fortaleza de Monterreal e o Parador de Turismo que esta alberga. Estaba en discusión se os terreos, nos que se tentara levantar unha urbanización co consentimento do rexedor, eran municipais ou doutros propietarios privados que permitiran ao dono do animal que este pastase alí. O resultado foi que a vaca acabou detida en dependencias municipais e muxida a diario por un policía local ata que o Concello a entregou en custodia a outra veciña con terreos para poder albergala. A historia atraeu a atención de numerosos medios de comunicación e hai quen di que foron estes os que rebautizaron a vaca co nome de Pinta, quen sabe se pola súa cor ou por ser ese o nome da carabela que arribara a Baiona cinco séculos antes coa nova da chegada a América.

A situación prolongouse e se a veciña que coidaba da vaca e o Concello consideraban que o animal lles estaba a supoñer uns gastos de manutención que debía pagar O Cabeco, este denunciaba o lucro cesante en leite e xatos que estaba a sufrir por non ter a súa vaca. Non foi ata máis de catro anos despois que un xuíz acabaría dando a razón ao segundo, que en febreiro de 1988 recuperaba a súa vaca e recibía unha indemnización do Concello.

O Supremo avalou a condena de Rodríguez Quintas a seis anos de inhabilitación por fraude por mercar como alcalde formigón para o Concello á súa propia empresa

O conflito do alcalde coa vaca Pinta foi paralelo a outro con menos repercusión na memoria colectiva da vila pero con efectos moito máis graves para a súa vida política. O 15 de novembro de 1983, mes e medio despois da mediática detención da vaca, Rodríguez Quintas constituíu cun irmán a sociedade Gondomar SL para a fabricación e venta de formigón. Segundo o relato que no seu momento fixo o Tribunal Supremo daqueles feitos, a finais de 1984 e principios de 1985 esa empresa subministrou formigón ao Concello, que pagou un total de 639.394 pesetas daquel momento. O rexedor, “tanto na súa condición de alcalde como de socio, administrador e representante de Gondomar SL tivo pleno coñecemento dos subministros, que se fixeron coa súa conformidade e seguindo as súas indicacións, e, ademais, asistiu ás sesións da Comisión Permanente nas que se acordou o pagamento das facturas, co seu voto favorable”.

Rodríguez Quintas, Chicho, foi condenado por fraude pola Audiencia Provincial de Pontevedra xunto con outros sete concelleiros a seis anos e un día de inhabilitación para os cargos de alcalde ou concelleiro e multa de 70.000 pesetas. A sentenza foi asinada o 31 de maio de 1987, dez días antes de que, nas eleccións municipais do 10 de xuño, Chicho volvese ser o candidato máis votado, pero desta volta sen obter a maioría absoluta, o que propiciou un pacto do resto de partidos para colocar na alcaldía a Alianza Popular.

Fragmento da sentenza do Tribunal Supremo contra Rodríguez Quintas CC-BY-SA Praza Pública

Tras non poder presentarse ás eleccións de 1991 e 1995 pola súa inhabilitación, nas de 1999 e 2003 Rodríguez Quintas volveu obter concelleiros cos que pactaron nun ou noutro momento PP, PSdeG e BNG

O Tribunal Supremo ratificou en maio de 1989 a sentenza de inhabilitación por seis anos, o que impediu que Chicho puidese presentarse aos comicios municipais de 1991 e 1995. Pero nas eleccións de 1999 volveu, e os seus catro concelleiros foron decisivos para afastar da alcaldía o PP malia ser o partido máis votado e pactar un goberno alternativo cos moi débiles PSdeG e BNG. Antes de que rematase o ano Rodríguez Quintas cambiaba de bando e impulsaba unha moción de censura xunto cos populares pola que acordaban repartirse a alcaldía, primeiro dous anos el mesmo e despois dous anos os populares. Pasado ese tempo, Chicho decidiu non cederlle a alcaldía ao PP e seguir el co bastón de mando en minoría.

As do próximo maio serán as primeiras eleccións ás que os principais partidos locais cheguen sen que o seu presente se vexa condicionado polos pactos pasados dos seus líderes co alcalde que hai agora 35 anos mandou deter unha vaca

Nas municipais de 2003 Chicho caeu a tres concelleiros e, malia os antecedentes, volveu pasar algo similar ao ocorrido anteriormente: o resto de formacións volveron pactar con el nun ou noutro momento do novo mandato. Primeiro os seus votos foron decisivos para darlle a alcaldía novamente ao PSdeG, con Carlos de la Peña á fronte, e participar nun tripartito xunto tamén co BNG. Pero meses despois o alcalde socialista botaríao do goberno, o que en novembro de 2004 acabaría levando a Chicho a apoiar unha moción de censura impulsada polo PP que colocaría na alcaldía a Jesús Vázquez Almuiña. Tras beneficiarse dos seus votos na censura, tempo despois o novo rexedor popular tamén botaría do goberno a Chicho, que nas seguintes municipais, as de 2007, xa non obtería representación. Iniciábase así a progresiva consolidación de Vázquez Almuiña no poder con dúas sucesivas maiorías absolutas en 2011 e 2015 ata que Feijóo o nomeou conselleiro en outubro dese ano e deixou a alcaldía a un curmán seu, Ángel Rodal Almuiña.

Así que unha década despois da saída de Chicho da Corporación municipal de Baiona, esta é a primeira vez en que os partidos presentes nela se achegan a unhas eleccións locais, as do próximo mes de maio, sen que o seu presente se vexa condicionado polos pactos pasados dos seus líderes co alcalde que hai agora 35 anos mandou deter unha vaca.

O ex-rexedor Rodríguez Quintas, segundo pola dereita, nunha imaxe de arquivo nun acto co seu sucesor Vázquez Almuiña, abaixo Dominio Público Concello de Baiona

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.