Aduanas vixiou dentro da Xunta o encontro de Cobián e un socio de Dorribo con Agustín Hernández

Cobián e Hernández, na consellería de Infraestruturas © Xunta

O operativo de vixilancia a presuntos implicados na Operación Campeón, na sede do Goberno galego. O 6 de abril de 2011 un funcionario da Brigada Móbil Terrestre de Vixilancia Aduaneira, corpo dependente da Axencia Tributaria con rango policial, sitúase na cafetaría do complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta. O seu obxectivo era presenciar o encontro entre un dos presuntos líderes da trama Campeón e o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández. Segundo as investigacións incluídas no sumario da operación, ao que tivo acceso Praza Pública, Aduanas tivo coñecemento de que se produciría o encontro a través de varias mensaxes de texto intercambiadas entre Carlos Monjero, un dos propietarios da asesoría luguesa Proitec, e o daquela deputado do PP Pablo Cobián, que tería "intermediado" para que a reunión se puidese celebrar. Cobián, supostamente, trataría de "interceder" na concesión de obras públicas.

Segundo o recollido na investigación, a intención inicial de Monjero era que Cobián lograse un xantar co conselleiro. "Dime Agustín que xantar complicado. Que nos pon hora para ir a velo, que dis??", pregunta o actual ex parlamentario nunha mensaxe telefónica do 2 de abril. "Vale", responde o propietario de Proitec, a quen o sumario sitúa como unha das empresas que traballa para Laboratorios Nupel, propiedade de Jorge Dorribo e centro da presunta rede corrupta. "Continuando coas súas manobras para a obtención de contratos públicos, Pablo Cobián" lograra "unha xuntanza" entre Hernández e Carlos Monjero, na que tamén estaría presente "unha persoa vinculada á sociedade Ferrovial, identificada como Javier Rodríguez", resume un informe da Axencia Tributaria.

Segundo a investigación, Cobián tentaría "interceder" ante Infraestruturas co obxectivo de lograr obras para empresas da trama

Inicialmente fixada para a unha e media da tarde, a reunión con Hernández adiantouse un chisco porque Cobián "tiña que facer unha foto" con el, imaxe que a propia Xunta fixo pública -naquela altura, o Goberno galego adoitaba propiciar encontros entre conselleiros e deputados do PP que tamén eran candidatos ás municipais de 2011, caso de Cobián, que optaba á alcaldía de Oleiros-. Así as cousas, "contra as 12:40" Cobián accede á cafetaría da Xunta, "inspecciona o seu interior" e, ao non atopar a Monjero, chámao por teléfono. O empresario, confirma "que está a chegar". Sempre atendendo ao incluído no sumario cuxo segredo se vén de erguer parcialmente, Monjero e Cobián conversaron uns quince minutos ata a chegada do terceiro participante, "identificado como Javier Rodríguez, da compañía Ferrovial". 

Pouco despois chegaría ao lugar do encontro o conselleiro Hernández, "acompañado dunha muller sen identificar" e "dirixíndose á mesa onde están sentados" o deputado e os empresarios. Tras unha conversa duns "cinco minutos", Hernández parola con outras persoas presentes na cafetaría e abandónana. A continuación, Monjero "recibe unha chamada no seu teléfono móbil" e entran na Consellería de Infraestruturas, cuxa entrada se atopa a poucos metros da cafetaría. Cobián, Monjero e Rodríguez permanecerían unha media hora con Hernández e, despois, foron xantar ao restaurante da estación de autobuses compostelá, situada nas inmediacións de San Caetano.

Monjero "pasa a calificarse amigo do conselleiro"

O "resultado da entrevista "co conselleiro é posible coñecelo a través dunha conversa telefónica de Monjero, intervida a traves dun picazo telefónico por orde xudicial. O socio de Dorribo dille ao seu interlocutor "que todo moi ben". Segundo esa conversa, Hernández explicoulle "ao de Ferrovial" que "ao ir con esa xente -en referencia a Monjero- fará algo". "É amiga miña [esa xente] e agora vas traballar", asegura que sinalou Hernández. Segundo as forzas de seguridade, a conclusión deste episodio vén ser que "se pon de manifesto que, grazas á intervención de Pablo Cobián" ante Hernández, "Carlos Monjero pasou a calificarse" como "amigo do conselleiro".

Cobián tería mediado para procurar ata once adxudicacións e así gañar o favor do socio de Dorribo

No propio informe, datado en xuño de 2011, explícase que "ata o momento", as intercesións de Pablo Cobián tiveran como "obxectivo" que ata once obras lle puidesen ser adxudicadas "á sociedade de Carlos Monjero e Javier Rodríguez": "dúas obras que por erro foron adxudicadas a unha sociedade asociada coa de Carlos Monjero", un "treito de estrada entre Cercedo e Campolameiro adxudicada pola dirección xeral de Estradas posiblemente antes do concurso", unha obra que "posiblemente sexan dúas" no futuro "hospital pontevedrés Monte Carrasco", a obra do "auditorio de música na cidade de Lugo", unha "obra de Portos de Galicia" que finalmente "non foi adxudicada", a "obra da lonxa de Vilagarcía de Arousa", "posible obra na zona do Barqueiro", "obra no centro de día en Mera (Oleiros)", "obra do Porto Seco en Monforte de Lemos", o "centro de Emerxencias 112 -na Estrada-" e outra obra "posiblemente en Lugo". 

Pero, con que obxectivo mediaba Cobián ante Infraestruturas para tentar que lle fosen adxudicadas obras a Proitec? Segundo consta no sumario, o parlamentario non obtería un beneficio directo destas operacións, senón que as tería feito para gañar o favor de Monjero para que este, á súa vez, o favorecese ante Dorribo, de quen os investigadores consideran probado que si recibiu cartos.

Cobián e Monjero, xantando nun restaurante de Oleiros © Sumario da Operación 'Campeón'
Cobián e Hernández, na consellería de Infraestruturas © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.