A dirección do PP galego esfórzase en desligarse do caso Bárcenas

Feijóo, nun acto de partido © PPdeG

Como na época na que arreciaba a sombra da sospeita polo caso Gürtel, aínda que coa substancial diferenza de que agora o PP tamén ten o poder no Goberno central. Os principais dirixentes do PP galego volvéronse esforzar este luns en separar a súa xestión das eventuais irregularidades contables ou cobramentos en negro que puidesen derivar dos coñecidos como "papeis de Bárcenas", isto é, a presunta contabilidade secreta que, segundo vén publicando El País, desenvolveu o ex tesoureiro da formación conservadora. Mentres en Madrid o voceiro do partido, Carlos Floriano, anunciaba "accións legais contra todos", medios de comunicación incluídos, e o propio Luis Bárcenas negaba a existencia da súa suposta libreta, en Galicia o voceiro parlamentario, Pedro Puy, e o propio Alberto Núñez Feijóo procuraban desentenderse do que poida acontecer no núcleo duro da formación.

Antes de participar nun acto empresarial en Vigo o o presidente da Xunta amosaba o seu apoio á adopción "dalgunha medida ou acción xudicial" contra Bárcenas -non contra os medios- se ben admitía que el non o pediu abertamente ante os seus xefes de filas. Á marxe disto, considera que a comparecencia protagonizada por Mariano Rajoy o pasado sábado -sen preguntas e seguida pola prensa a través dunha pantalla- é un "exemplo de transparencia", polo contido e polo anuncio de publicar na web de La Moncloa a declaración da renda do xefe do Goberno central. El mesmo, asegura, valora facer algo semellante.

Puy subliña que na época das supostas irregularidades Feijóo "nin sequera estaba en Galicia"

As declaracións de Feijóo chegan nun contexto no que o cerne do argumentario do PPdeG segue a ser lembrar que as mencións a Galicia nas anotacións do ex tesoureiro están datadas nos últimos anos 90, isto é, cando quen estaba ao mando era Manuel Fraga. Nesta liña, o voceiro parlamentario dos populares asegura coincidir en que a cidadanía "merece todas as explicacións que se poidan dar", tamén en Galicia, se ben as "anotacións que non sabemos exactamente en que consisten" corresponden "a unha etapa temporal que está sub iudice" na que Feijóo "nin sequera estaba en Galicia" e na que "eu non tiña nada que ver coa estrutura orgánica do partido, nada máis que era un militante". "O presidente dixo que el se responsabilizaba do seu mandato, o que me parece lóxico", di o conservador.

O PSdeG lembra a Feijóo como alto cargo de Aznar

O feito de que Feijóo non presidise o PPdeG nos anos nos que, supostamente, se desenvolveu unha contabilidade 'b' non convencen nas filas da oposición galega. Para o socialista Abel Losada resulta "cando menos escandaloso" que o presidente se escude en que "non militaba no PP cando se produciron as presuntas irregularidades" xa que "o actual presidente da Xunta era alto cargo do Goberno de Aznar en 1999" -dirixiu o Insalud e Correos-. Feijóo, di Losada, debe "dar a cara" porque "o seu partido aparece vinculado á trama Gürtel a través de Pablo Crespo", ex secretario de organización dos populares galegos.

AGE reclama que Rajoy dimita e convoque eleccións: "non imos aturar que se nos coloque un tecnócrata"

Mentres os socialistas galegos anuncian que tentarán poñer en marcha unha comisión de estudo no Parlamento para adoptar medidas contra a corrupción, dende AGE o seu deputado Juan Fajardo, considera que Feijóo, "como presidente dos galegos, terá que dicirlle algo a Rajoy" para que este asuma responsabilidades. "Senón, estará asumindo" que os supostos pagamentos ilegais son certos, di. Do mesmo xeito, o parlamentario de Alternativa desbota que a publicación da declaración de impostos de Rajoy nunha web oficial "vaia solucionar" o problema. "O carto en 'b' non aparece na declaración", evidencia.

Neste sentido, Fajardo subliña que o clima de "corrupción" esixe "a dimisión de Rajoy e convocatoria de eleccións", xa que "non imos aturar" que o relevo na xefatura do Goberno central se produza para "que se nos coloque un tecnócrata". Coa petición de responsabilidades e cesamentos coincide tamén o BNG, que a través da súa deputada Montse Prado considera que é "obriga" de Feijóo informar "da posíbel conexión con Galiza" neste "escándalo". "No BNG estaremos expectantes e demandaremos que se aclare calquera ramificación en Galiza", di.

Feijóo, nun acto de partido © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.