O "foro autonómico" prometido por Feijóo para manter fondos da UE fica nunha "declaración"

Rueda, cos conselleiros de Castilla-La Mancha (esquerda) e Andalucía © Xunta

"Lonxe de relaxarnos, é na recta final das negociacións cando temos que redobrar os esforzos posto que, neste momento de recesión na Eurozona, o futuro e a intensidade dos fondos europeos para Galicia está nunha situación de serio risco". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresábase deste xeito o pasado novembro durante o seu discurso de investidura para explicar a estratexia que tiña pensado seguir para lograr amortecer, na medida do posible, a perda de axudas da Unión Europea á que se enfronta Galicia a partir de 2014, cando deixará de ser considerada "rexión obxectivo 1". "A miña intención é propoñer a creación dun foro autonómico entre o Goberno central e as comunidades que deixamos de ser obxectivo 1 que nos permita unha coordinación permanente e unidade de acción". Dous meses despois esa unión vén de producirse, pero sensiblemente descafeinada.

Onde Feijóo prometía un acordo ao máis alto nivel que implicase directamente o Goberno de España hai agora unha "declaración" conxunta das autonomías implicadas no caso: Andalucía, Castilla-La Mancha e a propia Galicia. Sen participación nin presenza ningunha do gabinete de Mariano Rajoy, o documento asinouse este luns non en ningunha das comunidades participantes, senón en Madrid, nomeadamente na Casa de Galicia, espazo que a Xunta mantén na capital estatal e no que adoitan celebrarse eventos de segunda fila institucional. Nesta liña, no acto non participou Feijóo, tampouco o presidente andaluz, José Antonio Griñán (PSOE) nin a súa homóloga castelá, María Dolores de Cospedal.

Feijóo prometeu un foro común que implicase tamén ao Goberno central, que nin sequera estivo representado no acto celebrado en Madrid

A sinatura estivo protagonizada, da banda galega, polo vicepresidente, Alfonso Rueda, a quen acompañou o conselleiro da Presidencia de Castilla-La Mancha, Leandro Esteban, e o responsable de Economía da Junta de Andalucía, Antonio Ávila. Segundo informa a Xunta, as tres autonomías "unen as súas voces para defender que as rexións europeas que abandinen por primeira vez o Obxectivo Converxencia e pasan á categoría Rexións en Transición manteñan a tensión impulsora que lles veu prestando as políticas de cohesión".

Hai unha "mensaxe consensuada" e chega apenas tres días antes do Consello Europeo que, entre o 7 e o 8 deste mesmo mes, abordará os orzamentos da UE para os vindeiros sete anos. Na "declaración" os tres gobernos autonómicos amósanse "preocupados polas implicacións que conlevaría un corte abrupto dos fondos estruturais" e "congratúlanse" de que a Comisión Europea prevea axudas transitorias para estes territorios, a denominada "rede de seguridade". Ademais, "animan" o Goberno español a "defender o montante proposto pola Comisión para a partida destinada á Política de Cohesión". Non obstante, atendendo ao exposto, non haberá foro ningún nin máis accións conxuntas que a declaración asinada este luns.

Rueda, cos conselleiros de Castilla-La Mancha (esquerda) e Andalucía © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.