O PP accede a crear unha comisión anticorrupción pero non a ampliar as declaracións de bens

Reunión da Xunta de Portavoces © Parlamento de Galicia

"Este grupo está profundamente preocupado pola desafección cidadá cara á política que ten a súa base, entre outras cuestións, en episodios de corrupción que crean alarma social e xeran desconfianza nas institucións". É un dos motivos nos que o PSdeG sustentou a súa solicitude para crear unha comisión de estudo da que saia un "plan medidas de prevención e erradicación da corrupción política". En plena treboada política provocada polo caso Bárcenas, pero tamén por episodios galegos como as contratacións de Baltar, o PP protagonizou este martes un episodio inédito no seu labor parlamentario dende que Alberto Núñez Feijóo accedeu ao poder: aceptou crear a devandita comisión reclamada polos socialistas e mesmo "agradeceu" a proposta a través do seu voceiro, Pedro Puy.

Con esta iniciativa, que bota a andar co apoio de todo o arco parlamentario, o PSdeG veu asumir a esencia dunha proposta que vén lanzando dende hai meses o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, baseada na necesidade de dotar a autonomía dun plan anticorrupción. "É un tema absolutamente relevante", di o voceiro socialista, Abel Losada, quen avanza que a intención do seu grupo será que no futuro plan se inclúan medidas como diminuír a marxe de "discrecionalidade" nas contratacións públicas. Esa "discrecionalidade", tanto en contratos como noutras decisións, di, é "o xermolo da corrupción, que cuestiona as institucións e fai que a cidadanía perda a confianza na política e nos políticos".

Publicar as declaracións de bens

Tanto o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, como o do BNG, Francisco Jorquera, amosaron tamén o seu apoio á proposta. Jorquera ve necesario o plan nun momento de especial "alarma social" a respecto das conductas corruptas ante as que "Feijóo non pode poñerse de perfil", xa sexa "fronte aos casos que afectan ao goberno de Santiago e á Deputación de Ourense" ou "fronte aos indicios de que o PP, de xeito sistemático, se financiou de xeito irregular". Neste contexto o nacionalista lamenta que os conservadores non accedan á petición formulada por el mesmo no seo da Xunta de Portavoces da Cámara, encamiñada a que "se publiquen, de maneira inmediata, as declaracións de bens de todos os deputados" pero "de maneira literal", e non cun modelo "ad hoc" para facer público, como acontece na actualidade. "A nosa sorpresa foi" que o PP se negou "apelando á necesidade de defender o dereito á intimidade". Dado que viña de aceptar a comisión anticorrupción Jorquera coida que o PP "ten que aclararse".

O PP resolve que a petición do Bloque é "de imposible cumprimento"

Pero, por que si á comisión e non á publicación íntegra das declaracións de bens? A proposta do PSdeG é "interesante" porque permite "reforzar os controis que garantan o bo uso dos fondos públicos", di Puy. No entanto, a "solicitude do BNG é de imposible cumprimento" xa que implicaría pendurar de internet a declaración de bens que fai cada membro do Parlamento ao comezo da lexislatura e que "contén datos como o enderezo concreto" de cada deputado ou deputada. Así as cousas, o que se vai facer é "repetir o modelo acordado polos tres grupos na pasada lexislatura", que segundo o popular "ten moita máis información sobre os bens" que o modelo que agora reclaman os nacionalistas. "Se hai outra suxestión, analizarémola", afirma.

Reunión da Xunta de Portavoces © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.