As denuncias de "manipulación" do caso Bárcenas na TVG chegan ao Parlamento

Unha das novas nas que o PSdeG ve "manipulación" © TVG

"Manipulación", "presións", "intervencións acotío", "prácticas especialmente penosas e vergoñentas" que se "agravaron nos últimos meses por mor dos diversos casos de corrupción, como o chamado caso Bárcenas". O pasado mércores o comité de empresa da TVG expresábase nestes termos para denunciar as condicións nas que teñen que realizar o seu traballo informativo, unha carencia de "liberdade" que vai a máis en tempos complexos para o partido do Goberno, o PP. Vinte e catro horas máis tarde de que o persoal da canle pública lanzase esta alerta o caso chegou xa ao Parlamento. Foi a través do PSdeG, cuxa voceira na materia, María Quintas, esixe a destitución "inmediata dos responsables dos servizos informativos" pola "burda manipulación do caso Bárcenas", pero tamén explicacións en sede parlamentaria do máximo responsable do ente, o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo.

"A publicación dos papeis do ex tesoureiro do PP" devolveu a TVG "aos peores tempos de manipulación informativa", di Quintas, que expuxo ante a prensa diversos "exemplos" das súas críticas. A saber; na xornada en que o diario El País publicou a presunta contabilidade oculta dos populares a súa portada foi "censurada na revista de prensa do espazo Bos Días". O mesmo día, di, a TVG non recolleu as declaracións nas que o presidente do Senado "recoñecía que recibira 5 millóns de pesetas" que figuraban nas supostas anotacións de Bárcenas. En días seguintes este mesmo caso foi "degradado" por tras doutras novas como "os problemas dun barco holandés" ou mesmo se "meteu no mesmo saco a entrega dos papeis por parte de El País á Policía e a sospeita de falsidade deses papeis segundo o xornal Periodista Digial". "Tan só por esta manipulación tiñan que ter dimitido ou destituído o equipo directivo dos informativos da TVG", di Quintas.

O PSdeG recolle as denuncias do persoal da TVG e denuncia a "burda manipulación" e "censura" dos medios públicos no caso

Os socialistas coidan que a TVG está "máis ca nunca, ao servizo do PP" e por iso coida que "non é de estrañar" que o comité de empresa reclame a inmediata aplicación da nova lei dos medios públicos, pactada polo propio PSdeG cos populares na pasada lexislatura e que aínda está sen desenvolver. E, que di o PP? A través dun comunicado remitido aos medios e non atribuído a ningún dirixente concreto do partido os conservadores rescataron os "tempos do bipartito" para asegurar que durante o mandato do Goberno de coalición a Televisión de Galicia era "líder en manipulación" e agora é "líder de audiencia". A CRTVG está, segundo o PP, "a cumprir de modo axeitado o seu papel de servizo público, baixo os parámetros de calidade e pluralismo"e son "plurais e neutrais", algo que, ao seu xuízo, veñen "confirmando as resolucións das Xuntas Electorais durante os últimos períodos electorais". Cando a TVG era "un instrumento electoral" era "nos tempos do bigoberno", sentenzan, nun contexto no que, non obstante, o PP evita entrar a valorar o tratamento informativo do caso Bárcenas nos medios públicos.

Feijóo, en defensa de Rajoy e contra Bárcenas

Ao tempo que os socialistas manifestan que os medios públicos galegos informan sobre o caso Bárcenas baseándose na doutrina que máis lle convén ao PP en xeral e ao PP galego en particular, dende San Caetano o presidente da Xunta aproveitaba as preguntas da prensa sobre o asunto para seguir asentando esa mesma doutrina. Para Feijóo "todo é dubidoso, agás un dato: que parece ser que [Bárcenas] tivo unha conta en Suíza de 20 millóns de euros". Sobre os papeis, coida que "paga a pena que se despexe a autoría do documento fotocopiado, se a fotocopia se corresponde ou non con ese presunto orixinal, que se despexe cando se escribiu ese presunto orixinal e esas presuntas fotocopias, se o contido é veraz ou non".

Feijóo cre que "todo é dubidoso" agás a conta en Suíza de Bárcenas e sitúa a Rajoy como "referencia da rexeneración democrática"

Mentres en Madrid volven sitúar a Feijóo como un dos mellor colocados para ascender aos ceos de Génova no caso de que Rajoy non resista a treboada, o titular da Xunta tenta navegar entre as revoltas augas internas saíndo precisamente na defensa de Rajoy. Poucas horas despois de que Esperanza Aguirre retornase tras non marchar de todo para reclamar unha "rexeneración democrática" Feijóo asegura estar absolutamente "a favor" desa rexeneración, pero cun matiz: ao seu xuízo, quen a debe liderar é o propio Rajoy, xa que "non creo que poida haber un presidente que crea máis na rexeneración democrática que o señor Mariano Rajoy". "A referencia da rexeneración é Mariano Rajoy", enfatiza.

Neste contexto, Feijóo fai un chamamento xenérico á "responsabilidade" mentres fai tamén equilibrios para non mergullarse en exceso na outra fronte aberta do seu partido, a situación política da ministra de Sanidade, Ana Mato, cuestionada por asegurar que xa non estaba casada co ex alcalde de Pozuelo de Alarcón, Jesús Sepúlveda, cando este recibiu, presuntamente, cartos e agasallos da rede Gürtel. A combinación dun informe policial e dunha nova da axencia Colpisa viñeron desmentir a ministra, que supostamente segue casada en réxime de gananciais con Sepúlveda. Ante este caso, Feijóo asegura querer "que a Xustiza aclare esta cuestión", se ven advirte de que "a quen se investiga é ao ex marido" e "as mulleres non son responsables dos que fan os seus maridos, e supoño que os maridos non serán responsables dos que fan as súas mulleres". En todo caso, evidencia, "correspóndelles aos xuíces aclarar este lío monumental que vivimos hai semanas, que afecta a todos cidadáns", admite.

Unha das novas nas que o PSdeG ve "manipulación" © TVG
Feijóo, tras o Consello da Xunta © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.