0 Gardados para despois

Pilar Rojo aplicará as súas normas de admisión ao Parlamento malia non haber pacto

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Normas sen acordo. A menos dunha semana de que se celebre o primeiro pleno ordinario do novo período de sesiósn a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, decidiu pechar o conflito das restricións aos convites á cidadanía ás sesións plenarias do mesmo xeito que o abrira: unilateralmente. Despois de manter tres xuntanzas cos voceiros dos grupos parlamentarios nas que, segundo manifestaron PSdeG, AGE e BNG, non houbo proposta ningunha por escrito, Rojo vén de optar por non agardar a pechar un pacto e a última hora deste xoves fixo pública a relación de sete normas que terán que acatar as persoas que desexen seguir ao vivo unha sesión do lexislativo galego.

Como suxerira na Xunta de Portavoces do pasado martes a principal novidade da nova normativa radica en que "para o seu acceso ao salón de plenos, os convidados deberán asinar o escrito que se lles proporcionará á entrada da tribuna no que constan os deberes do público previstos no Regulamento". Se quen fose convidado ou convidada non asinase impediríaselle o acceso á tribuna, pero non sería expulsado do receinto. "Poderá seguir a sesión plenaria" a través dunha pantalla pero non nunha sala habilitada a tal efecto pola Presidencia nalgún dos espazos comúns do Pazo do Hórreo, senón "dende o espazo do grupo parlamentario" que o convidase.

Segundo as normas de Rojo será responsabilidade de cada grupo "darlles cumprida información aos seus convidados do previsto no Regulamento" a respecto "da orde dentro do recinto parlamentario", polo que "no caso de expulsión do salón de sesións por desorde nas tribunas" o "grupo que convidou os expulsados deberá deixar transcorrer un pleno" para propoñer novas persoas convidadas, unha norma que xa rexía na actualidade pero que non figuraba por escrito en ningures. "En caso de reincidencia perderase o cupo, como mínimo, para un período de sesións ou tempo equivalente -uns catro meses-.

Quen se negue a asinar as normas poderá seguir o pleno, pero a través dunha pantalla nas instalacións do grupo que o convidase

E, que lle pasa a quen incorra no que a Presidencia considera "desorde", isto é, por exemplo, "portar pancartas, estandartes ou emblemas de todo tipo que conteñan mensaxes que non respecten o comportamento previsto no artigo 109 do Regulamento -dar mostras "de aprobación ou desaprobación" ou "faltar á compostura-"? Esas persoas "non poderán asistir á Cámara durante o período de sesións ou tempo equivalente, sen prexuízo doutras consecuencias previstas no Regulamento", é dicir, ser enviados á Xustiza. Para isto, "os servizos de seguridade remitirán testemuña dos feitos á Mesa para o seu traslado á autoridade xudicial".

Malia non ser froito dun pacto, Rojo asegura que estas normas foron redactadas tras "valorar as opinións dos distintos portavoces parlamentarios" e "dende o convencemento de que todos buscamos o mellor funcionamento da Cámara". Ademais, e malia introducir novidades como a obriga de asinar as normas antes de acceder á tribuna, a popular mantén que "estes criterios non supoñena  aplicación de novas normas", senón que só implica "poñer por escrito os criterios que xa se estaban a aplicar por acordo verbal". "Trátase de que entre todos sexamos quen de garantir o normal funcionamento da Cámara", resolve.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Beiras: "É un regulamento propio dun centro penitenciario"

Tras coñecer as normas decididas por Rojo para garantir a "orde" nos plenos, remitidas aos grupos a xeito de bosquexo, o voceiro parlamentario de AGE, Xosé Manuel Beiras, remitiulle unha carta á presidenta do lexislativo para transmitirlle a súa opinión ao respecto". A nova regulamentación "non ten os contidos congruentes co enunciado de criterio de ordenación, senón que máis ben constitúen un repertorio de artigos dun regulamento de control, disciplina e sanción de persoas que pretendan acceder a algún recinto de seguridade como, por caso, as visitas aos confinados nun centro penitenciario", di.

A xuízo de Beiras aceptar a proposta de Pilar Rojo "equivalería aceptar poñer baixo sospeita a cidadanía en pleno exercicio responsábel dos seus dereitos, liberdades e obrigas constitucionais" e "asumir, como grupo parlamentario, funcións de carácter parapolicial". Para o histórico nacionalista se AGE fixese isto estaría a contradicir "as obrigas e cometidos inherentes á nosa condición de representantes electos dos cidadáns", xa que, subliña, AGE está na Cámara "para traballar a prol non só dos nosos electores, senón do común cidadań que constitúe a maioría social deste pobo".

Consulta a carta íntegra