0 Gardados para despois

O PP cede un chisco na súa política fiscal

Redacción | @prazapublica

O PP dá un xiro á súa política fiscal. Os populares pactaron co PSdeG unha emenda aos Orzamentos da Xunta para 2013 que elevará un 20% o tipo que se aplica ao imposto de patrimonio, malia manterse o mínimo exento en 700.000 euros. Logo de meses negando e rexeitando as voces opositoras que lle pedían buscar máis recadación para evitar os recortes gravando as rendas altas, Feijóo deu este luns un paso que afecta sobre todo aos grandes patrimonios.

O PP acepta unha suba do imposto de patrimonio logo de meses rexeitando novas fórmulas de recadación que evitasen os recortes

É o primeiro grande acordo entre PSdeG e PP logo das eleccións, tal e como se recolle no informe do relatorio debatido, no que respecta ao articulado dos orzamentos, na Comisión de Economía. Todos os grupos da oposición incluíron entre as súas emendas un aumento deste imposto e reducir o mínimo exento. Finalmente, durante a negociación, o PPdeG aceptou transaccionar coa emenda rexistrada polos socialistas, que propuña elevar un 15% o tipo e baixar o mínimo exento dos 700.000 aos 500.000 euros. Este aumento medio previsto do 20% permitirá á Xunta recadar 8 millóns de euros e afectará a uns 5.000 contribuíntes.

O portavoz dos populares, Pedro Puy, destacou que non se trata de "ningunha coartada", como suxeriu o representante de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, do PP para facer ver que negocia e subliñou que supón aumentar os gravames "aos que máis teñen".

O aumento afectará a uns 5.000 contribuíntes e recadará 8 millóns de euros

Ademais desta emenda transaccionada, aprobada co apoio de PP e PSOE e a abstención de AGE e BNG -que manteñen a súa propia proposta-, tamén saíron adiante sete emendas técnicas dos socialistas (por unanimidade), así como 14 dos populares (coa abstención da oposición), a maioría tamén centradas na corrección de erros. Con todo, foron rexeitadas, con só os votos en contra do PP, as de AGE -son 35 sobre o articulado- e do BNG -24 neste apartado- e o resto das do PSdeG.

Así, o informe do relatorio saíu adiante, no que se refire ao articulado dos orzamentos, cos votos a favor dos populares e o rexeitamento do tres grupos da oposición. Entre as emendas do PP, Puy indicou que se inclúen tamén a modificación das retribucións de directivos de entes instrumentais que non aplicaban a redución xeral da contía -omo no caso da presidenta do Consello Económico e Socia-, outra para a extensión de redes de gas en Galicia e unha última para "mellorar a capacidade de control" da intervención da Xunta, que estará facultada para facer control contable.

Puy asegurou que os orzamentos "melloraron no paso polo relatorio", porque se incorporaron medidas sobre transparencia -como que unicamente os membros do Consello da Xunta poderán ter asesores-, sobre control do Goberno e sobre "equidade".
E

O portavoz do PSdeG no debate, Juan Carlos González Santín, destacou que as estimacións sobre o incremento da recadación coa modificación que propuña do imposto de patrimonio é de 8 millóns de euros. Aínda así, defendeu outras emendas, nas que os socialistas reclaman un aumento da información ao Parlamento sobre modificacións de partidas orzamentarias e medidas tributarias, aumentar a dotación para servizos públicos e subir impostos como o IRPF para rendas altas.

O tres grupos da oposición coincidiron, entre outros puntos, en reclamar que a Xunta dea marcha atrás no recorte do salario aos funcionarios. O portavoz de AGE incidiu tamén en que se flexibilice o obxectivo de déficit e en que se conceda unha maior capacidade de endebedamento a Galicia en 2013. Así mesmo, protestou por que o debate sobre orzamentos acabase "nunha parodia" con escasos tempos para discutir.

O portavoz do  BNG no debate, Carlos Aymerich insistiu no seu defensa de establecer impostos ás grandes superficies e propuxo introducir unha cláusula que permita revisar as concesións e as colaboracións público privadas, que "non estarían xustificadas" se o seu custo supera ao que tería para a Xunta endebedarse no mercado para financiar esas mesmas obras. Criticou "o control atafegante" ás universidades e a redución de fondos para as mesmas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.