Fernando Blanco nega que Dorribo lle pagase e achega documentos para rebater as "inxurias"

Blanco, cos seus avogados CC-BY-SA Merixo

"Ao longo de vinte e dous anos de profesión, nunca vin un asunto tan esperpéntico e tan inxusto para un imputado". Evaristo Nogueira, un dos avogados do ex conselleiro de Industria Fernando Blanco, resume deste xeito a súa visión das acusacións que pesan sobre o nacionalista no marco do caso Campeón a raíz das declaracións do presunto líder da trama corrupta, o empresario Jorge Dorribo, que asegurou ante a xuíza instrutora do caso, Estela San José, terlle entregado cartos e agasallos ao tamén ex deputado, a quen vincula tamén con participacións nunha das súas empresas a través dun suposto "testaferro". Se ben inicialmente non estaba prevista a súa presenza, o propio Blanco, visiblemente afectado, compareceu ante os medios xunto aos letrados. "Sempre me gustou dar a cara", tamén para ofrecer a súa versión das "falsas" imputacións, di.

Neste contexto, o ex titular de Industria debullou ante os xornalistas cada unha das "absolutas falsidades" lanzadas por Dorribo contra el e a que, subliña, é versión real dos feitos. Fronte á aseveración do propietario de Nupel, segundo a cal lle tería pagado un coche novo, Blanco amosa a transferencia coa que iniciou o pagamento dese vehículo nun coñecido concesionario de Lugo. Diante da acusación de ter cobrado lotaría pagada pola trama, sinala que os seus avogados veñen de achegar ao xulgado a transferencia bancaria que acredita que foi el quen a pagou -cuxo xustificante acompaña esta información-. Ademais, o ex conselleiro rebate tamén a declaración na que Jorge Dorribo asegurou que o nacionalista quixo participar nunha das súas sociedades, Tramipharma. "Non teño ningunha participación en ningunha empresa do señor Dorribo, nin por min nin por testaferro ningún". Isto, engade, queda ademais "probado" no feito de que o empresario lugués lles "doou" á súa muller e aos seus fillos todas as súas participacións na empresa en abril de 2009.

Viaxe a Camerún e o papel do ex xefe de gabinete en Industria

Atendendo á exposición de Fernando Blanco, a única correspondencia coa verdade nas declaracións de Dorribo sería a vinculada á viaxe a Camerún que, admite o ex conselleiro, realizou convidado por varios empresarios "para asesoralos" nun proxecto eólico, asesoramento polo que "non percibo nin un euro" nin tampouco participacións na empresa que ía levar adiante o proxecto, Ecovalen. "Eu deixo de ser conselleiro o 20 de abril" de 2009 e esa viaxe non implica "ningunha incompatibilidade", explica, xa que ía aconsellar os empresarios para un proxecto "doutro país", polo tanto "dunha Administración coa que eu non estivera vinculado". Ademais de asesoramento, os promotores deste plan "tamén me piden se coñezo xente que poida levar" o proxecto e "dígolles que o señor [Xoán] Bazarra", ex xefe de gabinete da súa consellería, "ten coñecementos" na materia. En todo caso, salienta, a remuneración do ex alto cargo é "de 1.200 euros", polo que "dificilmente" pode exercer de "testaferro".

"O meu patrimonio son 120.000 euros, incluídos os 80.000 da lotaría", explica Blanco

Nesta liña, e tamén sobre o papel de Bazarra, a quen no sumario se vincula cunha das empresas de Dorribo en Andorra, Blanco explica que "non teño nin idea do que había en Andorra" porque "non teño nada que ver" con esa sociedade. Así queda acreditado no sumario, afirma, onde "non aparece ningunha conversa miña con ningún imputado". "Nin sequera coñecía o nome da empresa". Do mesmo xeito, Fernando Blanco detalla que é tamén unha "absoluta falsidade" que recibise "entregas de cartos" por parte da trama. Esta, explica, é unha "calumnia" e unha "inxuria" que será levada á Xustiza. "O meu patrimonio son 120.000 euros", incluídos "os 80.000 euros" dun premio da lotaría do Nadal en réxime de gananciais. "Nin cantidades nin xestión para favorecelos, nada que ocultar", resume.

Por todo isto, Evaristo Nogueira e Xoán Antón Pérez-Lema, avogados de Blanco, reclamarán a vindeira semana o "sobreseimento" da causa contra Blanco, dada a inexistencia tanto dos supostos pagamentos como do privilexio na entrega de subvencións a Nupel, reguladas, explica Pérez-Lema, por un "procedemento administrativo transparente", aínda máis por implicar "fondos europeos" e por estar controladas a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. Ademais, di, o actual Goberno galego "recoñece que foron tramitadas con normalidade". "Nos próximos días solicitaremos o sobreseimento do proceso, esperamos que o Ministerio Fiscal sexa reflexivo e coherente", conclúen.

Comparecencia de Blanco, flanqueado por Nogueira e Pérez-Lema CC-BY-SA Merixo
Transferencia do pagamento da lotaría Dominio Público Praza Pública
Doazón das accións de Tramipharma © Sumario da Operación 'Campeón'

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.