O grupo de +G que quere marchar do BNG , disposto á "unidade nacionalista" nas eleccións

Bascuas intervén durante a comparecencia ante os medios CC-BY-SA Merixo

A dous días da xornada en que Máis Galiza celebrará a súa derradeira asemblea nacional como corrente e o seu primeiro congreso como partido, o grupo interno que aposta por iniciar un camiño á marxe do BNG presentouse en sociedade cunha comparecencia ante os medios de comunicación. Encabezados por Xoán Bascuas e Xulia Guntín, o colectivo duns trinta militantes que defenderá a proposta de resolución encamiñada a marchar do Bloque non descarta, así e todo, que tras a escisión poida existir unha vía para a "unidade do nacionalismo" de cara ás vindeiras eleccións autonómicas.

Asegura Guntín que a vontade deste grupo é actuar de maneira "responsable" e, polo tanto, "non contribuír a que o PP revalide a maioría" nas urnas. Deste xeito, na súa opinión a posta en marcha dun novo partido fóra da formación frontista non elimina o "espazo" nin as "fórmulas para aunar esforzos". "Se entre todos consideramos que a unidade do nacionalismo é necesaria aí estaremos, pero tamén teñen que estar todos os demais", resume.

"O BNG escolleu o esquerdismo e o soberanismo", unha opción coa que non concorda +G, di Bascuas

Á marxe do que podería ser a vontade de, chegado o caso, constituír unha coalición electoral, Bascuas, que optará á secretaría xeral de +G no caso de que a asemblea aprobe a escisión, sintetiza as súas razóns para non defender a permanencia na fronte. Na súa opinión, antes da Asemblea Nacional do pasado xaneiro o BNG "tiña un espectro ideolóxico" que podería ser semellante a unha "autoestrada de catro carrís" e, tras a cita asemblearia, "escolleu o esquerdismo e o soberanismo". Mentres, afirma, +G sitúase nun abano que vai do "galeguismo ao nacionalismo máis intenso" e "nunha esquerda transformadora" centrada na "defensa do Estado do Benestar".

Neste sentido, os promotores desta proposta de resolución para a asemblea de Máis Galiza ven consenso na corrente ata agora dirixida por Carlos Aymerich -contrario á escisión- no que atinxe a liñas políticas como "a posta en valor do marco autonómico", "insuficiente" pero que pode achegar "calidade de vida" aos cidadáns e é "compatible con outros escenarios" como a Unión Europea. Ademais, di, a súa proposta pasa por "retomar o diálogo coas organizacións sociais nun espectro amplo" e "refugar a idea de fronte" como "aparello" organizativo.

Estes serán algúns dos preceptos que este colectivo defenderá nunha asemblea na que, ademais de Aymerich, parte dos representantes institucionais do BNG que militan en Máis Galiza apostarán pola permanencia. Este é o caso, por exemplo, do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, que xa anunciou a súa intención de manterse nas filas da formación frontista cando menos ata o remate do mandato. Neste sentido, dende o grupo de Bascuas asegúrase que, para os cargos, "o primeiro debe ser a responsabilidade coa cidadanía".

Bascuas intervén durante a comparecencia ante os medios CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.