Rueda chama á orde por enésima vez a un PP de Santiago aferrado ás "desculpas"

Rueda, co alcalde de Santiago nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

O pasado xaneiro o secretario xeral do PPdeG e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, víase obrigado a chamar publicamente á orde ao PP de Santiago. A imputación na operación Pokémon do alcalde, Ángel Currás, fixera rebentar as leas internas que tensionaban o grupo de goberno da capital de Galicia dende a dimisión do anterior rexedor, Gerardo Conde Roa, quen tivera que deixar o cargo pola súa presunta fraude fiscal. Días despois quen apercibía os conservadores composteláns era o propio Alberto Núñez Feijóo. Pasou o congreso do PP, a daquela concelleira e deputada Paula Prado -enfrontada a Currás- ascendeu a voceira do partido e deixou o Concello. Cando semellaba que a calma podía, dalgún xeito, regresar ao consistorio, a detención do edil de Seguridade no caso Manga -derivado da Pokémon- sumiu de novo o Concello no desconcerto e vén de forzar a Rueda a, por enésima vez, reclamar orde e concerto.

Co edil de seguridade acabado de dimitir -está en liberdade baixo fianza- e co que fora xefe de gabinete de Conde Roa, Ángel Espadas, directamente no cárcere -e suspendido de militancia no PP- o alcalde afánase en pedirlle "desculpas" á cidadanía dende o pasado venres, tal e como lle indicara Feijóo, mentres asegura non coñecer irregularidade ningunha e prepara unha reorganización das áreas de goberno. Neste contexto, Rueda evidencia, como xa fixera o seu xefe de filas, que o que pasa en Santiago "non é normal", polo que Currás e demais concelleiros deben dar "as explicacións necesarias", pero ademais dedicarse a gobernar, "sempre con obxectividade e rectitude" e "preocupándose dos problemas dos cidadáns, que para iso están postos aí".

Rueda insta os seus edís en Santiago a preocuparse "dos problemas dos cidadáns, que para iso están postos aí"

"O día a día do goberno hai que afrontalo", abonda Rueda, nunhas declaracións que ben poderían proceder dun voceiro da oposición municipal, a mesma á que o número dous dos conservadores galegos e da Xunta non lle concecede lexitimidade para pedir dimisións no gabinete de Currás, a comezar polo propio alcalde. Esas peticións "sorpréndeno", especialmente no caso do PSdeG, asegura. Os socialistas, argumenta, "deben ser coherentes para empezar a ser cribles", xa que eles tamén teñen "alcaldes imputados", en referencia ao lugués Xosé López Orozco.

O PSdeG sospeita que Feijóo prepara "unha troika"

"O señor Rueda ten a característica de pensar que a cidadanía é menor de idade e só está informada polos medios da dereita", retrucáballe a Rueda dende o Parlamento o voceiro do PSdeG, Abel Losada, a cuxo xuízo "comparar o que está ocorrendo en Santiago coas imputacións do alcalde de Lugo, moitas delas xa arquivadas, é un insulto á intelixencia da cidadanía". "O que ten que contestar o señor Rueda -subliña Losada- é que ía facer o PP ao goberno da capital de galicia" xa que "non parece que fose gobernar", senón a protagonizar "toda esta lamentable cerimonia".

Os socialistas aseguran que Feijóo prevé inserir edís non electos na corporación compostelá para "tutelar" a situación

Dende a dirección galega do PSdeG reclámanse responsabilidades políticas no Concello de Santiago e decisións inmediatas por parte de Feijóo, o mesmo que dende os grupo socialista local, cuxo voceiro, Francisco Reyes, asegura manexar información sobre a que podería ser a saída que prepara o líder popular e presidente da Xunta para o caos compostelán. Segundo Reyes, "unha fonte fidedigna" confírmalle que Feijóo valora enviar a Compostela unha caste de "troika da Xunta" para "tutelar" o goberno da cidade. Trataríase, di, de incorporar "polo menos dous" concelleiros non electos ao gabinete de Currás, "persoas do PP e moi probablemente altos funcionarios da Xunta" que se fixesen cargo da situación.

Pero para Reyes esta inédita operación non solucionaría o caso e, como xa fixera o BNG local e tamén outras formacións alleas ao pleno municipal, como Esquerda Unida, Anova ou Compromiso por Galicia, a única solución pasa por disolver a corporación, nomear unha xestora e, acto seguido, ir a unhas novas eleccións, posibilidade para a que existe "unha solución xurídica" na Lei de Réxime Local, afirma. Para que isto sucedese, di, Feijóo tería que "forzar a dimisión de todos os concelleiros" do PP e evitar que os seguintes membros da lista asumisen os seus postos. Así, explica, a corporación quedaría "con menos da metade dos concelleiros electos", suposto no que a lei permite anticipar os comicios. Este, di, sería o xeito de poñerlle fin a esta "grave situación" que, afirma, difire moito do clima político que reinaba na cidade durante os gobernos do PSdeG, xa fose en solitario ou co Bloque: "en vinte e cinco anos non pasou nada disto e o PP, en 18 meses, enlamou o nome de Compostela", reprocha.

Rueda, co alcalde de Santiago nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.