Os escándalos e as liortas márcanlle o ritmo ao goberno de Santiago

Foto de familia da corporación compostelá, tras a súa constitución en xullo de 2001 © Concello de Santiago

"Xerar ilusión". É o lema que aínda hoxe, case dous anos despois das eleccións municipais, loce en todo o alto da web do PP de Santiago. Foi o xogo de palabras co que os conservadores composteláns pedían daquela o voto para o seu líder, Gerardo Conde Roa, galeguizándolle o nome e presentándoo como o "futuro" da cidade tras dúas décadas e medias de gobernos do PSdeG, xa fose en solitario ou co apoio do BNG. Os populares presentaban a aquelas eleccións unha lista que non era exactamente a mesma que proxectara Conde Roa. Nos plans iniciais o número tres non era para Reyes Leis, actual edil de Turismo, senón para Ángel Espadas, home de confianza do candidato á Alcaldía e un dos azoutes do bipartito dende a oposición con asuntos como o control do botellón. Pero un irónico episodio deu lugar a que o azoute do consumo de alcol na rúa fose interceptado pola policía ao volante do seu coche nun semáforo, durmido e con 0,79 miligramos de alcol por litro de aire espirado. Aquel suceso de 2011 preséntase hoxe como unha case de limiar de todo o que estaba por vir.

A noite na que Espadas -actualmente encarcerado pola súa presunta implicación na operación Manga- foi detido con "fala pastosa, forte cheiro a alcol" e "deambulación vacilante" -segundo reflectía o atestado policial- orixinouse o primeiro corremento na lista municipal do PP, que aínda non era oficial. O seguinte e máis soado cambio produciuse apenas nove meses despois de que Conde Roa lograse o seu soño de facerse co bastón de mando de Compostela -non tomara posesión ata xullo a causa das reclamacións de socialistas e nacionalistas polos resultados en varias mesas electorais-. O 16 de abril de 2012 o conservador puña fin a 290 días de mandato a causa dos 291.000 euros de IVE que, segundo sacara á luz o diario El País e el mesmo admitiu despois, lles cobrou aos clientes da súa construtora pero, no canto de ingresalos nas arcas públicas, dedicounos a pagar débedas da súa empresa. "Santiago non merece un alcalde que estea na situación na que estou", resumiu ante os xornalistas.

Nuns días nos que todas as quinielas situaban na cadeira da Alcaldía a Paula Prado, número dous da lista, a pugna interna do PP local situaba finalmente a Ángel Currás como substituto e, tras a marcha de Conde Roa, a lista corría e dáballe entrada na corporación a Rebeca Domínguez, edil de 27 anos que pasou a asumir as competencias de Educación e Normalización Lingüística e que, pese a ser a responsable da promoción do galego no consistorio, se presentou ante a prensa só en castelán. Pero a que inicialmente semellaba destinada a ser unha concelleira de perfil máis técnico que político saltou aos titulares a mediados de decembro, cando a xuíza Pilar de Lara a citaba a declarar como imputada no caso Pokémon por presuntas irregularidades nas contratacións vinculadas a unha gardería da cidade, xestión que lle deixara feita o seu antecesor no cargo, isto é, o alcalde Currás.

O PP xa tivo que modificar a lista antes de facela oficial para excluír a Ángel Espadas, interceptado durmido e ebrio ao volante do seu coche

Apenas dúas semanas despois era o propio Currás o chamado por De Lara na mesma condición de imputado e daquela xa arreciaba a treboada interna no PP compostelán. Entre filtracións de supostas presións de Currás a Domínguez para asinar un informe que, supostamente, a implicaría na contratación investigada, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda víanse obrigados a reclamar paz no partido, ata o punto de que o propio presidente da Xunta advertía de que ninguén na formación tería o seu apoio se fomentaba a división: "É posible opinar e discrepar, pero non se pode anticipar ou antepoñer as diferenzas entre membros dun goberno aos intereses xerais". As verbas de Feijóo chegaban poucos días despois de que nomease a Paula Prado como voceira autonómica do partido, operación que actuou como resorte definitivo para a súa saída do concello. Segundo cambio.

O cambio de Prado por Luis Meijide, décimo quinto na lista de 2011, semellaba o definitivo ata a detención do concelleiro de Seguridade, Albino Vázquez, no marco da operación Manga, derivada da Pokémon. Vázquez quedou en "liberdade provisional baixo fianza de 15.000 euros" e con "obriga de comparecer todos os luns", segundo informou o Xulgado de Instrución número de 1 de Lugo. Esa situación legal levouno a dimitir como concelleiro e como deputado provincial, ademais de a darse de baixa no PP. O seu substituto será José María Hernández, quen ocupou un posto na lista, o décimo sexto, que nin nos prognósticos máis optimistas para o PP era considerado de saída. Este é o último movemento, pero ninguén se atreve a prognosticar se será o derradeiro. As vindeiras eleccións municipais están previstas para a primavera de 2015.

Conde Roa, entre Albor e Feijóo, nun mitin © PPdeG
Currás, con Domínguez o día da incorporación da edil © Concello de Santiago
Captura da web do PP de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.