A oposición 'arrastra' a Feijóo para dar contas sobre a "corrupción" no Parlamento

Xunta de Portavoces que ordenou o vindeiro pleno © Parlamento de Galicia

A finais de xullo de 2010 o presidente da Xunta comparecía no Parlamento para falar sobre a "situación económica e financeira de Galicia". Esta comparecencia, que se converteu no marco para duras críticas contra a xestión do Goberno de Zapatero, foi a última que protagonizou Alberto Núñez Feijóo fóra das sesións obrigatorias, isto é, dos debates de política xeral e do seu segundo debate de investidura. Nestes case tres anos a oposición tentou en múltiples ocasións que Feijóo acudise a Cámara a comparecer por temas diversos, pero todas as solicitudes bateron, sistematicamente, contra a maioría absoluta do PP, que as rexeitou. A situación repetiuse este martes, cando o PSdeG -único grupo con escanos dabondo para solicitar comparecencias en solitario- reclamou que o xefe do Goberno comparecese para dar conta dos casos de "corrupción" que afectan ao PP galego. Feijóo non comparecerá, pero si terá que explicarse.

As explicacións presidenciais non chegarán co formato de comparecencia, vía parlamentaria na que, entre outros aspectos, o Goberno ten tempo ilimitado para falar. O bloqueo do PP provoca que a oposición só poida obter explicacións ao respecto a través da sesión de control ao presidente da Xunta, as preguntas que os portavoces lle realizan a Feijóo en cada pleno e que se substancian en apenas cinco minutos por grupo. Quen preguntará será a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, e o voceiro do BNG, Francisco Jorquera. Ambos centraranse na corrupción en xeral e, particularmente, na situación pola que atravesa o Concello de Santiago despois do estourido do caso Manga.

Feijóo non comparece fóra das sesións obrigatorias dende xullo de 2010

"Feijóo non pode seguir mirando para outro lado" porque a súa "responsabilidade" é "dobre", di Jorquera, en referencia á súa dobre condición de presidente da Xunta e líder do PP. A Xunta, lembra o nacionalista, está "lexitimada para iniciar o trámite de disolución da corporación municipal de Compostela", polo que Feijóo debería comezar por forzar a "dimisión de todos os imputados, comezando polo alcalde", xa que "non abonda con dicir que non é normal" o que acontece en Compostela. Nun sentido semellante, Díaz considera que a "depuración" da corporación compostelá é "absolutamente necesaria", o mesmo que as explicacións por parte de Feijóo.

Neste escenario, o veto do PP á comparecencia de Feijóo é, a xuízo do grupo que a pedía, o PSdeG, "unha estratexia nefasta". Dende o punto de vista do voceiro socialista no Pazo do Hórreo, Abel Losada, Feijóo está contribuíndo a empeorar a "percepción" que a cidadanía ten das institucións democráticas, xa que "en lugar de ofrecer unha reflexión política e afrontar estes casos, decide metelos no armario e deixar que apodrezan". Para Losada, "os casos de corrupción que afectan" ao goberno de Santiago "fan que a súa credibilidade se desmorone". Ata o propio PP compostelán xa admite que as imputacións e detencións "afectan á xestión" municipal, lembra, pero os conservadores "antepoñen a súa supervivencia" a "gobernar".

Feijóo obvia o veto e di que dará "explicacións"

O PP non pecha a porta á posibilidade de incorporar edís non electos á corporación de Santiago, como avanzou o PSdeG

Case á mesma hora en que o PP vetaba a comparecencia do presidente o propio Feijóo, a preguntas da prensa nun acto na Coruña, aseguraba que a súa formación seguirá a dar "todas as explicacións, na medida en que sexa necesario", sobre todo o que acontece en Santiago. A súa formación, di o xefe do Goberno, está comprometida a "tomar todas as decisións que procedan" e, neste marco, evita pechar a porta á posibilidade apuntada polo voceiro do PSdeG en Santiago, Francisco Reyes, quen afirmou saber, de "fontes fidedignas" que, Feijóo prepara o desembarco en Compostela de, cando menos, "dous concelleiros non electos" que se fagan co control do goberno local a xeito de "comisarios".

A incorporación de edís non electos é "unha competencia dos alcaldes", di Feijóo, polo que esta operación lle correspondería a Ángel Currás. O mesmo argumento, case de maneira textual, repetíao no Parlamento o voceiro popular, Pedro Puy, quen tampouco desmente esta posibilidade pero si aproveita para censurar que o PSdeG a critique, xa que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, di, tamén incorporou edís non electos ao seu goberno. "A lei está para cando fai falta", subliña o conservador, en referencia á Lei de Grandes Cidades, que permite este tipo de incorporacións.

Xunta de Portavoces que ordenou o vindeiro pleno © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.