As medidas que Rajoy podería anunciar para desviar a atención da crise e a corrupción

Rajoy, no Congreso © Goberno de España

O debate sobre o estado da nación adoita ser a ocasión elixida polos presidentes do Goberno para facer anuncios sobre medidas de calado. Nun momento de contención absoluta do gasto e de submisión ás cifras de déficit, Mariano Rajoy ten difícil sacar da chistera medida ningunha que implique un desvío orzamentario significativo, aínda que si ten certa marxe para facer algúns anuncios moi esperados por algúns sectores.

Precisamente, o plan de emprego xuvenil, que o Ministerio de Emprego ten xa pechado, será a bo seguro un dos temas aos que o presidente do Goberno tratará de sacarlle proveito. Neste caso, ademais, o Executivo ten a vantaxe de contar cun colchón extra de financiamento procedente do Fondo Social Europeo. Do plan sábese, de momento, que contén cen medidas, quince delas de choque. Moitas delas irán dirixidas a fomentar o autoemprego dos mozos. Xa se sabe, por exemplo, que terán unha tarifa reducida de 50 euros en cotas á Seguridade Social durante os primeiros seis meses de actividade. Tamén que haberá novas bonificacións e axudas ás empresas que contraten a menores de 30 anos no paro. É probable que Mariano Rajoy concrete algunhas desas propostas, por exemplo, que cantidade exacta se lles ofrecerá ás empresas que contraten mozas en paro, ou durante canto tempo poderán os menores de 30 anos que se fagan autónomos recuperar a súa prestación de paro se o seu negocio sae mal. Podería, mesmo, anunciar unha fórmula que permitise compatibilizar o cobro da prestación de paro coa alta como autónomo.

A carteira de Facenda reservouse até agora un dato que Rajoy pode lanzar e que levaría todos os titulares: o dato de déficit de 2012

A carteira de Facenda reservouse até agora un dato que Rajoy pode lanzar e que levaría todos os titulares: o dato de déficit de 2012. Até agora só coñecemos a evolución dos ingresos pero Montoro gardou o peche do exercicio en canto a gastos e, por suposto, o saldo final do déficit. Varias comunidades autónomas adiantaron xa o peche provisional das súas contas e o ministro xienense, ávido de apuntarse un tanto tras a maltreita imaxe do Ministerio por mor da amnistía fiscal, pode atreverse a lanzar o dato do tamaño do buraco do Estado.

Rajoy pode adiantar que o venres a Comisión Europea anunciará que España pode adiar o cumprimento do obxectivo do déficit para este ano e para 2014

En liña con este indicador, o ministro de Economía, Luís De Guindos, pode animar a Rajoy a que se atreva a adiantar que o venres a Comisión Europea anunciará que España pode adiar o cumprimento do obxectivo do déficit para este ano e para 2014, ao aplicarse con fruición nas reformas. Este anuncio sería un duro golpe para a oposición pilotada por Rubalcaba xa que foi unha das súas principais promesas electorais (a de pedir o atraso do cumprimento do déficit) e unha das súas continuas demandas no hemiciclo.

De Guindos e Montoro poden deseñar algunhas outras sorpresas que Rajoy pode utilizar para reconciliarse co seu electorado, moi desencantado coa política impositiva deste Goberno. Un anuncio con forte repercusión cidadá e practicamente nulo custo para o Estado sería o de adiantar o borrador da lei de liberalización de servizos profesionais. Esta lei anunciouse para o último trimestre de 2012 e por agora nin sequera publicitouse o anteproxecto de lei. Con todo, algúns medios filtraron un posible borrador, cuxa difusión levantou moitas bochas en sectores regulados.

O principal golpe de efecto sería recortar os trámites que deben pasar polo Rexistro e o notario. Esta é unha das principais demandas de empresarios e autónomos, e a súa aplicación sería unha auténtica revolución no sector. A futura lei pode liberar ademais moitos profesionais de colexiarse para exercer unha profesión.

Un anuncio moi esperado polas asociacións de autónomos sería que se lles permitise atrasar o pago do IVE das facturas ata que as cobrasen

Rajoy podería ter tamén na recámara algunha outra medida relacionada co traballo autónomo, co que estaban relacionadas algunhas das súas promesas electorais máis repetidas, como a Lei de Emprendedores, e das que a día de hoxe non se sabe nada. Un anuncio moi esperado polas asociacións de autónomos sería que se lles permitise atrasar o pago do IVE das facturas ata que as cobrasen. Agora, os autónomos pagan o IVE unha vez que emiten unha factura. Isto fai que en moitas ocasións adianten un diñeiro que logo eles cobran polos seus servizos moito máis tarde ou que mesmo nunca chegan a cobrar debido á morosidade. Mariano Rajoy prometeu que aprazaría o pago das facturas ata que os autónomos as cobrasen e quizáis sexa este o momento en que anuncie que o Goberno aprobará proximamente esta medida.

Outro dos anuncios máis esperados do equipo económico de Rajoy é a lista de grandes morosos que prometeu Cristóbal Montoro

Outro dos anuncios máis esperados do equipo económico de Rajoy é a lista de grandes morosos que prometeu Cristóbal Montoro. O ministro de Facenda asegurou que estaría en disposición de publicar a lista neste primeiro trimestre do ano. Con todo, un paso previo é a modificación do artigo 95 da Lei Tributaria que esixe sixilo, medida que podería anunciar Rajoy no debate. O sector financeiro pode ser un dos que promovan tamén o anuncio de iniciativas de amplo espectro para a cidadanía. Algunha medida orientada á protección dos investidores, por exemplo o caso das preferentes, ou aos que contraten unha hipoteca, tería unha gran acollida social. Neste sentido, tamén sería posible ofrecer datos novos sobre o “éxito” da reforma financeira.

Ante os datos rotundos de desemprego, Mariano Rajoy podería tamén falar da axuda de 400 euros para persoas en paro que esgotasen as súas prestacións: aínda que o Goberno endureceu as súas condicións en agosto, hai apenas unhas semanas que decidiu convertela nun subsidio estable “e non suxeito a prórrogas como até agora” até que a taxa de paro baixe do 20%.


Rubalcaba centrará o debate na corrupción

O PSOE chega así ao debate sobre o estado da nación tras propor a celebración dun pleno monográfico sobre corrupción

O portavoz do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, insistirá durante o principal debate político do ano en que Rajoy está inhabilitado para gobernar e tentará cercalo centrando o debate na corrupción política e a preocupación que xera nunha sociedade arrasada polo paro.

Desde a tribuna, Rubalcaba proporá reformas legais para que os delitos relacionados coa corrupción política vexan aumentadas as penas de cárcere e os períodos de prescrición.  Segundo fontes de Ferraz, o PSOE exporá ademais que o Tribunal de Contas acelere os seus prazos de fiscalización de contas para que entre a presunta comisión de infraccións, e a súa supervisión non pase máis dun ano.

Rubalcaba, a pesar dos consellos de Felipe González, volverá pedir a Rajoy que abandone o cargo

O PSOE chega así ao debate sobre o estado da nación tras propor a celebración dun pleno monográfico sobre corrupción. Fíxoo este martes, co apoio de todos os grupos, e o PP negouse. Os socialistas viron como o PP tombaba ademais até un centenar de preguntas escritas sobre a amnistía fiscal que polo poder da maioría popular nunca serán tramitadas na Cámara.

Así as cousas, os socialistas xustifican a súa intención de centrar o debate do mércores na corrupción e as propostas para superala ao non atopar outro marco parlamentario no que abordar o problema. Rubalcaba, a pesar dos consellos de Felipe González, volverá pedir a Rajoy que abandone o cargo.

Rajoy, no Congreso © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.