O PSdeG insta a Xunta a reverter o "machadazo" aos servizos sociais municipais

Campaña promociónal sobre a teleasistencia © Cruz Vermella

"Condúcenos de novo a máis paro, máis pobreza e máis desigualdade". Son os efectos que, a xuízo da voceira do PSdeG en materia de servizos sociais, Carmen Gallego, terá a tesoirada aplicada polo Goberno central e pola Xunta ao plan concertado, isto é, ao financiamento que ambas administración achegaban ás áreas de benestar dos concellos. Axuda ao fogar, asistencia a colectivos en risco de exclusión, integración social de persoas vulnerables como as inmigrantes ou a etnia xitana... son algúns dos servizos que, cita Gallego, sofren un "machadazo brutal nos orzamentos de 2013", con "unicamente 30 millóns de euros para repartir entre todas comunidades", o que supón un 40% menos que en 2012 e un 65% menos a respecto das derradeiras contas de Zapatero. A Xunta, di, debe opoñerse ao recorte.

Á significativa baixada do financiamento en xeral únense a retirada total de fondos para un servizo concreto, a teleasistencia, un recurso moi empregado por persoas maiores que viven soas pero que precisan certas atencións -é un dispositivo electrónico que os mantén permanentemente comunicados cunha centraliña, xeralmente da Cruz Vermella, e que en Galicia beneficia a máis de 7.000 persoas-. "Os concellos deixan de recibir os fondos" para financiar este tipo de asistencia e, polo tanto, razoa Gallego, ten que ser a propia cidadanía a que teña que botar man dos seus propios recursos económicos individuais, algo especialmente difícil "nun momento con 90.100 familias en paro, 30.000 sen ningún ingreso e 662.515 persoas en pobreza" en toda Galicia.

O plan concertado sufriu un recorte do 65%, subliña o PSdeG

Pero "este recorte non é o único", advirte a parlamentaria. Ben ao contrario, a Consellería de Benestar vén "acompasando" a súa actuación á baixada dos fondos estatais, e neste anos os orzamentos para o plan concertado "redúcense de 12,4 a 8,6 millóns de euros". "Pero non é a primeira vez", lembra, xa que cando o PP retornou á Xunta en 2009 herdou unhas contas nas que o bipartito financiaba o plan concertado con 20,5 millóns de euros. 

Dado que a propia conselleira, Beatriz Mato, "manifestou que ela non ía recortar os fondos do plan concertado e que ía tentar atopar os recursos para que a cidadanía non sufra", os socialistas instarán o PP no pleno do Parlamento a aprobar unha iniciativa na que se lle esixa ao Goberno de España "que sosteña a rede de servizos sociais dos concellos" e "un sistema público de servizos sociais de nivel primario" mediante a reposición de fondos do plan concertado. A Xunta, pola súa banda, debería financiar este plan, "como mínimo, a niveis de 2011", conclúe.

AGE alerta da repercusión do ERE na consellería

AGE alerta do "desmantelamento" dun equipo de valoración de dependencia

Sen saír do Parlamento, tamén Alternativa Galega de Esquerda puxo este mércores a ollada no departamento que dirixe Beatriz Mato, nomeadamente, nas consecuencias dunha "das últimas ocorrencias da dereita, un dos primeiros expedientes de regulación de emprego da función pública", sinala a súa vicevoceira, Yolanda Díaz. "Entre as primeiras consecuencias do ERE", subliña Díaz, está "o desmantelamento do equipo de valoración das situacións de dependencia" en Ferrol, oito traballadoras e traballadores "que irán á rúa" nun contexto no que "a consellería mente ao alegar razóns de centralización, porque non crea os correlativos postos de traballo nos servizos de dependencia".

A través dunha proposición non de lei AGE reclamará que a Xunta "renuncie ao ERE en Traballo e Benestar" e "manteña os empregos no equipo ferrolán de avaliación da dependencia". "Preocúpannos as consecuencias negativas que vai ter a redución de traballadores nun servizo que acumula xa un atraso mortal a causa das antipolíticas que o PP practica nos servizos públicos", conclúe a parlamentaria de Alternativa.

 

Campaña promociónal sobre a teleasistencia © Cruz Vermella

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.