Organizacións sindicais, políticas e estudantís lanzan unha campaña de mobilizacións en defensa dos dereitos sociais e nacionais

A cidadanía ateiga unha manifestación en Galicia CC-BY CIG

Mirian Rodríguez, Xulio Vicente e Laura Arjonilla presentaron esta mañá en rolda de prensa, en representación do BNG, o CCPI, a CIG, COG, FRUGA, MPB, Nós-UP, AGIR, AMI, BRIGA, os Comités, Galiza Nova, ISCA! e a Liga Estudantil Galega unha campaña de mobilizacións que comezará este venres, con concentracións nas sete cidades de Galicia, contra as 20 horas, e confluirá nunha manifestación o vindeiro día 3 de marzo, en Compostela

A campaña de mobilizacións comezará este venres, con concentracións nas sete cidades de Galicia, contra as 20 horas, e confluirá nunha manifestación o vindeiro día 3 de marzo, en Compostela

Laura Arjonilla, que presentou a campaña, lembrou o contexto político, social e económico actual e sinalou que as organizacións que botan a andar esta campaña consideraron que este era o momento para mobilizarse de forma conxunta “en defensa do dereito ao traballo, á igualdade e os servizos sociais públicos, contra a destrución social e cultural que estamos a vivir e, fundamentalmente, contra a lacra da corrupción”.

Arjonilla chamou a unir forzas para darlle continuidade no tempo a esta campaña que agora se inicia porque “é necesaria unha ruptura co actual sistema e para iso hai que saír á rúa para denunciar a corrupción, en defensa dos dereitos da cidadanía, dos dereitos das mulleres, que tamén están a ser recortados, e pola soberanía nacional. Unha reclamación que debe ser central”. Xunto a iso, lembrou que o proceso iníciase agora pero “está aberto a todas as organizacións e movementos que poidan compartir estes obxectivos” e insistiu na importancia de que se unan “para que toda a cidadanía galega faga parte para poder mudar o actual estado de cousas”.

Xulio Vicente, da Plataforma de Afectados polas Preferentes, explicou que se demanda un cambio de modelo social porque o actual está “caduco, defende os intereses do capitalismo e está corrupto”

Xulio Vicente, da Plataforma de Afectados polas Preferentes, explicou que se demanda un cambio de modelo social porque o actual está “caduco, defende os intereses do capitalismo e está corrupto”. Así lembrou a situación que se está a xerar por mor dos desafiuzamentos, “vulnerando de forma brutal a Constitución” ou das preferentes, para o que só obteñen como resposta que “nos teñen que roubar os cartos porque senón Bruxelas non lles dá os miles e miles de millóns de euros necesarios para sanear a banca”. Do mesmo xeito, denunciou os recortes que están a padecer servizos públicos esenciais como o ensino público e a sanidade e que “aquí a cidadanía se está empobrecendo día a día e cando os movementos sociais saen á rúa cando se deixa ás familias sen casa o propio sistema utiliza as forzas da orde para reprimilos”.  Fronte a isto, asegurou que “o poder pode roubar, sexa o sr. Bárcenas, sexa a Casa real, pero os que realmente rouban e empobrecen o noso país teñen o sistema que os defende e aí as forzas da orde non actúan”.

Pola súa banda Mirian Rodríguez, tamén da plataforma de afectados polas Preferentes, fixo un chamamento á sociedade para que se sume a estas mobilizacións comarcais e á nacional, “a prol dos dereitos nos que todos e todas estamos implicadas, porque todas estamos afectadas”. E fixo un chamamento á unidade “para mudar este sistema caciquil”.
 

Soberanía nacional

As organizacións políticas convocantes articularon esta alianza para producir un novo proceso que permita “recuperar os nosos dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais como pobo”

As organizacións políticas convocantes articularon esta alianza para producir un novo proceso que permita “recuperar os nosos dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais como pobo”. Subliñan que esta é a base para que “non teñamos que emigrar para gañar a vida, que non sexa posíbel sufrir un desafiuzamento, que as mulleres e homes que viven e traballan en Galiza, con independencia da súa situación administrativa, teñan acceso libre aos servizos públicos da nosa sociedade” e manifestan que non haberá dereitos, liberdades e soberanía nacional “se non sobardamos os estreitos e antidemocráticos muros deste réxime e damos carta de natureza ás prácticas da democracia participativa e directa”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.