A Xunta presume de que o seu persoal colle menos baixas tras penalizalas economicamente

Protesta do persoal da Xunta, en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Na primavera de 2012 a Xunta comezou a aplicar a súa lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público, unha norma aprobada en solitario polo PP por trámite parlamentario urxente que, entre outros preceptos, inclúe unha notable penalización para as baixas laborais do persoal ao servizo da Administración autonómica. Estas penalizacións, en forma de recortes temporais do salario, afectan especialmente as baixas máis curtas, isto é, as vinculadas a "enfermidades comúns ou accidentes non laborais", caso por exemplo dunha gripe ou doutro problema de saúde que non requira hospitalización. Case un ano despois da aplicación do recorte, o Goberno galego saca peito pola redución das baixas no seu cadro de traballadores e traballadoras porque lle permitiu "aforrar 26 millóns de euros en 2012".

En virtude desa lei, entre o primeiro e o terceiro día de baixa o persoal recibe "o 50% das retribucións cando sexa a primeira baixa do ano natural", a porcentaxe baixa ao 40% se é a segunda baixa e queda no 0% nas seguintes. Entre o cuarto e o vixésimo día de baixa a porcentaxe é do "75% das retribucións" e só nas baixas prolongadas, de máis de vinte e un días, recupera o 100% da retribución nos devanditos supostos. Nestas condicións, resulta doado pensar que quen traballe na Xunta, especialmente nas escalas menos remuneradas, evitará en todo o posible coller unha baixa para non ver rebaixado o seu salario. Para o Goberno galego, isto é unha mostra de "compromiso".

Dende 2012 a Xunta reduce as retribucións nas baixas por enfermidades comúns, penalizando máis as de curta duración

Nomeadamente, os devanditos 26 millóns de aforro son, segundo un informe presentado pola conselleira de Facenda no Consello da Xunta, a consecuencia da "redución nun 25,6% do número de baixas laborais" rexistradas o pasado ano na Administración xeral da Xunta, e dunha baixada do 24% no Servizo Galego de Saúde. Concretamente, Muñoz expuxo que no ámbito da Función Pública se rexistraron 6.149 baixas, 2.536 menos que en 2011. No Sergas, pasaron de 24.298 en 2011 a 15.385 en 2012.

Como xa acontecera en maio de 2012, cando Facenda fixo público un informe semellante, o departamento que dirixe Elena Muñoz mestura no mesmo documento o concepto de baixa co de absentismo, indicador que se "foi reducindo de maneria progresiva ao longo da pasada lexislatura, ata un 41% entre 2008 e 2012", di a información difundida pola Xunta. Segundo o presidente da Xunta, "menos absentismo significa maior produtividade e unha maior produtividade significa unha maior responsabilidade e eficiencia dos servizos públicos". Así e todo, Alberto Núñez Feijóo obvia entrar en se esta mostra de "rigor" é, cando menos parcialmente, resultado do temor do persoal a ver reducido o seu salario a final de mes.

Días da baixa Complemento a cobrar
Do 1 ao 3 (primeira baixa do ano) 50%
Do 1 ao 3 (segunda baixa do ano)  40%
Do 1 ao 3 (terceira baixa do ano) 0%
Do 4 ao 20 75%
Do 20 en diante  100%
Protesta do persoal da Xunta, en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.