Espazo Ecosocialista impulsa con outros seis partidos a 'Declaración de Sevilla' por un novo proceso constituínte

Xuntanza do Consello Político Nacional do Espazo Ecosocialista © Espazo Ecosocialista

Espazo Plural, a rede de partidos e organizacións políticas das esquerdas renovadoras, nacionais, republicanistas, laicas e ecoloxistas do Estado Español, reuniuse este fin de semana en Sevilla para debater como alcanzar un "programa de mínimos" que lle permita ser unha alternativa de esquerdas, ecoloxista e plurinacional ao Goberno de Mariano Rajoy, ao que cualifican como "a dereita máis extrema que nos gobernou desde a reinstauración da democracia".

Espazo Plural reunirase en xuño en Valencia coa intención de concretar a forma de cooperar entre as forzas políticas territoriais, de esquerdas e ecoloxistas

Para chegar a colaboracións políticas concretas, Espazo Plural reunirase en xuño en Valencia coa intención de concretar a forma de cooperar entre as forzas políticas territoriais, de esquerdas e ecoloxistas. As organizacións integrantes en Espazo Plural alcanzaron un acordo, denominado Declaración de Sevilla, que alerta de que "a realidade española aseméllase cada vez máis á de Grecia, coa preocupante diferenza de que non existe unha alternativa política como a que representa Syriza".

Por iso, Espazo Plural considera que esa alternativa debería "armarse a partir da confluencia horizontal das diferentes forzas de esquerdas" do conxunto do Estado español. O programa de mínimos, para "avanzar cara a un cambio real de modelo económico, político, social e ambiental", debería concretarse por partidos e organizacións políticas e sociais que "compartan os valores da solidariedade, a sustentabilidade, a igualdade, a xustiza social e a democracia".

Os asinantes da Declaración de Sevilla cren necesario e urxente "avanzar desde a diversidade para articular a resistencia e as alternativas ao modelo recentralizador e antisocial da dereita extrema"

Os asinantes da Declaración de Sevilla cren necesario e urxente "avanzar desde a diversidade para articular a resistencia e as alternativas ao modelo recentralizador e antisocial da dereita extrema" representada polo PP. Co obxecto de ser esa alternativa que "a cidadanía está a esperar con urxencia", lanzaron un chamamento a todas as persoas e organizacións que compartan as formulacións da Declaración de Sevilla para "construír unha nova orde social e político ao servizo das persoas, os pobos e o medio ambiente".

Ratificaron a declaración de Espazo Plural: Juan Martín, secretario xeral de Chunta Aragonesista, Laia Ortiz, portavoz e deputada no Congreso de Iniciativa per Catalunya Verds; María José López, dirixente de Nueva Canarias; David Abril, coordinador de IniciativaVerds (Baleares); Juan Martínez, vicecoordinador de Espazo Ecosocialista Galego; Mireia Mollá, deputada na Cortes Valencianas e membro de Iniciativa do Poble Valenciá (Compromís); e Pilar González, en representación de Primavera Andaluza.

Por último, durante a tarde, todas as organizacións asinantes da Declaración de Sevilla celebraron un debate público ao que asistiron representantes de Izquierda Abierta, CC.OO, UGT, EQUO, ATTAC, FACUA e Alternativa Si Se Puede de Tenerife que, xunto á cidadanía, debateron coas formacións de Espazo Plural acerca da confluencia da esquerda, de caracter nacional, renovadora e ecoloxista do Estado español.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.