0 Gardados para despois

Vázquez inicia o voo en solitario á fronte do PSdeG cunha Executiva á medida

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

Pachi Vázquez comeza o voo en solitario á fronte do PSdeG. O proceso congresual que comezou como unha batalla clásica entre oficialistas e críticos tornou nunha pugna entre os partidarios dun Vázquez que xogou a baza das bases fronte a unha heteroxénea alianza que abranguía dende os sectores considerados máis galeguistas do partido ata o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a ata este sábado determinante influencia do ex ministro de Fomento, José Blanco. Trátase de, en palabras do reelixido secretario xeral socialista, un "novo percorrido, non sei se mellor ou peor, pero si distinto", no que garante traballo pola "unidade e "integración", se ben os críticos censuran que esa declaración de intencións non se reflicte nos postos directivos.

Caamaño será unha das pezas fundamentais da nova dirección

Boa mostra de que Pachi Vázquez se propón amosar dende o minuto cero a realización práctica da súa promesa de dirixir o partido "sen tutelas" é a configuración da nova Executiva Nacional, negociada ata altas horas da madrugada do sábado ao domingo e aprobada con 265 votos a favor, 117 abstencións e 5 votos nulos. Nese órgano tamén se explicita o que xa era un feito dende hai ben tempo, a fonda distancia entre o ex ministro e presidente dos socialistas coruñeses, Francisco Caamaño, e o influxo de Blanco. Así, Caamaño -recibido cunha longa ovación ao ser presentado-  será unha das catro pezas fundamentais da nova cúpula directiva, asentada na secretaría de organización e acción electoral, que mantén Pablo García, e en catro grandes secretarías de coordinación. O ex titular de Xustiza asume a coordinación da área de política, ideas e programas. Xunto a el, tres mulleres da confianza do secretario xeral: Laura Seara, en coordinación institucional e participación, Carmen Gallego, en promoción económica e emprego e Margarita Pérez Herráiz, en Benestar. Na nova dirección non figura ningún nome dos considerados "críticos" ata a votación á secretaría xeral.

Aínda que non sorpresiva, dado que o propio Vázquez xa a prometera durante a campaña interna, significativa é tamén a recuperación da figura do presidente do PSdeG na figura do alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, mentor político de Blanco que agora se sitúa nun posto sen capacidade executiva real, pero cun nada desprezable significado simbólico. Na presentación do novo cargo do rexedor lugués, o ex titular de Fomento obviou aplaudir. 

No entorno de Vázquez dan por finiquitada a etapa "na que nos viñan dicir o que tiñamos que facer"

No entorno do secretario xeral déixase claro que a ausencia de "paternalismos" proclamada por Vázquez na súa petición de voto aos delegados é máis ca unha figura retórica. As persoas máis próximas a Pachi Vázquez dan por finiquitada a etapa na "que nos viñan dicir o que tiñamos que facer" e non ocultan a súa satisfacción polo que consideran unha derrota do ex ministro de Palas de Rei, a quen dan por definitivamente desactivado de cara a vindeiros procesos, isto é, de cara aos congresos provinciais e ás eleccións primarias das que sairá o cartel electoral para as vindeiras autonómicas. Nesta liña, o do Carballiño tentará reproducir agora nas catro provincias o acontecido no Congreso Nacional, nos que xa non prevé que funcione a alianza na que, ademais de Blanco, xogaron un papel crucial os considerados críticos en sentido amplo, dende sectores da Coruña ata o vigués Abel Caballero. Con todo, a grande incógnita que agora se abre é a posición de Vázquez ante esas primarias e o xeito en que dará a batalla nelas.

Entrevistas "coas outras formacións da esquerda"

Coa vista posta no Debate do Estado da Autonomía que se celebra este martes, Vázquez aproveitou o peche do Congreso Nacional para lanzar as primeiras mensaxes do que será unha longa precampaña electoral. Lonxe das consignas inmediatamente posteriores á derrota do bipartito en 2009, o socialista anuncia que, "pasado o debate", pedirá "entrevistarse" con sindicatos e empresarios pero tamén "coas outras formacións políticas da esquerda galega, para falar con eles e dicirlles que Galicia precisa a toda a esquerda política". "Somos partidos distintos pero nos necesitamos uns aos outros", asevera, nun contexto no que, subliña, debe arterllarse a "alternativa para "gobernar outra vez este país".

A construción desa alternativa foi tamén saúdada polo secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, encargado de pechar o cónclave. Tras a medida neutralidade dos días previos ao congreso galego, Rubalcaba amósase convencido de que Vázquez será "un bo secretario xeral". "Agora tedes que traballar" tendo en conta que "o partido é un instrumento de cambio social", recoméndalles aos militantes. Trátase, di, de que o PSdeG represente "a aqueles que só teñen os partidos de esquerda par sentírense defendidos".

Plenario do Congreso Nacional do PSdeG

Vázquez consulta as súas notas no Congreso do PSdeG

Orozco, na sesión de apertura do Congreso

O secretario de organización do PSOE, Óscar López, na sesión de apertura

Dirixentes socialistas, no plenario dun Congreso

Elena Espinosa e Pachi Vázquez, nun intre do Congreso

Vázquez intervén ante o Congreso Nacional

Elena Espinosa intervén ante o Congreso do PSdeG

Pachi Vázquez intervén ante o Congreso Nacional do PSdeG

Pachi Vázquez, tras ser proclamado vencedor do Congreso

Vázquez celebra a vitoria

Pachi Vázquez, tras coñecer os resultados das votacións

Rubalcaba intervén ante o Congreso do PSdeG

Pachi Vázquez, na clausura do Congreso

Vázquez escoita a Rubalcaba ante o Congreso do PSdeG

Rubalcaba e Vázquez saúdan os asistentes ao Congreso do PSdeG

Rubalcaba, Vázquez e outros cargos socialistas chegan ao Congreso

Duodécimo Congreso Nacional do PSdeG

O PSdeG escolle entre Pachi Vázquez e Elena Espinosa para dirixir o seu futuro

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Rubalcaba: "Feijóo pasou de tigre de Bengala a gatiño que ronronea na Moncloa"

Aínda que durante a breve campaña interna dende as dúas candidaturas ao liderado do PSdeG se tentou deixar caer que contaban co apoio do líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba mantivo, cando menos publicamente, un discretísimo papel no proceso congresual galego ata o seu remate. Rubalcaba chegou a Compostela para clausurar o cónclave cunha mestura de mensaxe para os militantes de Galicia, mensaxe en clave de informativos estatais de domingo e un medido ataque á política do Goberno galego.

Como Pachi Vázquez, Rubalcaba anima os socialistas galegos a deixar atrás o Congreso e poñerse a traballar, porque "non imos ganar só denunciando o retroceso que sufriu Galicia" pola culpa, asegura, dun Alberto Núñez Feijóo que pasou de ser "un tigre de Bengala" ante o Goberno de Zapatero a converterse nun "gatiño que ronronea nos salóns de Moncloa". "Pasou de tentar enfrontar a Galicia con Zapatero a converterse nun submiso defensor de Rajoy", asegura.

Nunha intervención iniciada cunha lembranza ás vítimas dos atentados do 11M, Rubalcaba apoiou o seu discurso no rexeitamento á reforma laboral e ás medidas máis polémicas do gabinete de Rajoy, como a prevista modificación da lei de interrupción voluntaria do embarazo. "Estamos ante unha grande batalla ideolóxica que gañarán uns ou outros". Nesta pugna, di, "a dereita quere rematar coa solidariedade e nós, coa cobiza".

Nesa liña, o secretario xeral do PSOE detívose especialmente en denunciar os prexuízos que, asegura, as reformas de Rajoy traerán consigo para as mulleres, un capítulo ben acollido polos presentes ata que esvarou. Á súa habitual explicación segundo a cal os recortes na Lei de Dependencia implican unha maior carga de traballo para as mulleres -"da dependencia ocupámonos todos, pero unhas máis ca outros"- engadiu outra para censurar as tesoiradas nos comedores escolares, dando en dicir que as mulleres "fan mellor o xantar" cós homes".

O ruxe ruxe de desaprobación entre os delegados e convidados non se fixo agardar, se ben Rubalcaba logrou rematar metendo no peto a boa parte dos asistentes considerando "fantástico" ter dúas linguas. "Que envexa, dúas linguas, coidádeas moito", recomendou, para rematar dicindo, en galego, que aos socialistas agora lles toca "traballar arreo".

Un presidente solemne para un auditorio que mediu os aplausos

Como adoita acontecer en boa parte das citas congresuais, no Congreso Nacional do PSdeG non só as palabras duns e doutros serviron para medir o acontecido. As caras, as conversas nos corredores ou os aplausos no plenario serven tamén como termómetro do acontecido. E que dixeron eses factores no cónclave socialista? Entre outras moitas cousas, a sesión de clausura serviu para observar que parte dos militantes galegos que apoiaron a Chacón se resisten a aplaudirlle a Rubalcaba, que o divorcio político entre José Blanco e o seu mentor, Xosé López Orozco, se manifesta tamén á hora de aplaudir ou que as chamadas á unidade non serven para que a voz dos críticos se dilúa.

Todo isto aconteceu baixo un Congreso dirixido polo propio Orozco, quen dende este domingo é presidente do partido e a quen a combinación das dotes de alcalde, de profesor e, segundo chanceaban algúns dos presentes, de estudos eclesiásticos, lle permitiron levar sen dificultades os debates e facelo ademais cun aquel de solemnidade. Así, por exemplo, para explicar a necesidade de abreviar as quendas de palabra, o alcalde de Lugo comezou explicando o carácter "inalienable" do dereito de participación ou, para solventar a coincidencia do Congreso coas manifestacións de UGT e CC.OO. contra a reforma laboral, sinalou que "o socialismo galego e o socialismo español", "irmáns e fillos dunha mesma causa", están "defendendo o que defende o conxunto dos traballadores", tamén "nas rúas".

Esa mención suscitou aplausos intensos entre os delegados e convidados, como tamén o fixo a presentación de Francisco Caamaño como novo secretario de coordinación de política, ideas e programas, unha aceptación na que algúns ven a mostra evidente de que o ex ministro de Xustiza aínda pode ter moito que dicir na vida orgánica e electoral do PSdeG. Cuns factores e con outros rematou un congreso no que os críticos non só botaron en falta un mellor resultado para as súas candidaturas, senón tamén unha cuestión que para eles non é menor, a ausencia do himno galego e da Internacional no acto de clausura.