0 Gardados para despois

O PP pasa por riba das mil emendas da oposición e erixe o seu orzamento no "único" posible

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Os grupos da oposición parlamentaria presentaron 1.101 emendas parciais aos Orzamentos da Xunta para 2013. Tras un mes de debates en comisión e relatorio, á sesión plenaria que comeza este luns, a derradeira antes da aprobación definitiva das contas, chegaron 1.058 emendas -519 do PSdeG, 135 da AGE e 404 do BNG-. Apenas dúas destas modificacións pasaron o muro da maioría absoluta do PP, as dúas dos socialistas e unha delas de maneira parcial . As máis de mil restantes pasarán ao balde do lixo parlamentario cando os corenta e un deputados e deputadas do grupo conservador lle dean luz verde definitiva ao primeiro documento económico do segundo mandato de Alberto Núñez Feijóo.

Esta resistencia a incorporar achegas estivo no cerne das críticas dos voceiros da oposición no inicio do debate, unha sesión de "día e medio" que, xulga o nacionalista Carlos Aymerich, serve "practicamente para nada". Trátase dunha "desconsideración cara ao Parlamento" e, polo tanto, cara á "sociedade" que o elixiu. Para o voceiro da AGE, Xosé Manuel Beiras, o que está a acontecer no Parlamento é algo semellante a que, "nunha fábrica de automóbiles", os vehículos xa cheguen previamente ensamblados e, polo tanto, "saian igual" que entraron. "Levamos un mes dun traballo perfectamente inútil dende o punto de vista parlamentario" xa que "de pouco vale que fagamos emendas racionais, porque aquí non se debate o uso da razón, senón decisión predeterminadas ao longo dun aparente debate". Neste contexto, di, só caben "dous comportamentos" posibles: "si, bwana" ou "green, go home!", expresión esta última que, "como ben saben as súas cultas señorías" é "a orixe do alcume gringo".

O PP apenas aceptou dúas achegas do PSdeG e desbotou emendas encamiñadas a subir impostos ás rendas altas

Tamén o voceiro socialista no debate, Juan Carlos González Santín, dubida de que o PP estea a facer "un grande exercicio de transparencia e democracia" aceptando "unha, e transaccionando outra" das emendas do PSdeG -encamiñadas a subir levemente o imposto de patrimonio e a que o persoal de gabinete só poida estar asociado ao presidente e aos conselleiros-. O resto das emendas que incorporaron ou eran de tipo técnico ou estaban elaboradas polo propio PP, evidencia. Polo camiño, explica, quedan reclamacións como que a Xunta "remita ao Parlamento todos os expedientes de contratación superiores a 3.000 euros" pero tamén a "prohibición de concertar con centros educativos que segreguen por sexo" ou "redistribuír  mellor as cargas tributarias", como por exemplo no imposto sobre a renda.

"Como Robin Hood, pero ao revés"

Pero o Goberno do PP, agrega Beiras, actúa "como Robin Hood, pero ao revés". "Róubase aos pobres para dárllelo aos ricos", algo así "como botarlles margaridas aos cochos", ironiza, despois de constatar que plans de AGE como incrementar os impostos ás rendas altas tamén van parar ao caixón. O mesmo aconteceulle ás propostas do BNG para crear "un novo imposto" sobre as superficies comerciais ou sobre a banca ou encamiñadas a que "non se concerten novos contratos de colaboración público-privada para servizos básicos" como a sanidade. "Aquí modifícase todo, non hai dereitos adquiridos para ninguén" agás para as empresas privadas que realizan este tipo de contratos coa Xunta, censura Carlos Aymerich.

O PP mantén que as súas contas son "realistas, prudentes e sociais"

Fronte á interpretación da oposición en pleno, para o popular Pedro Puy "este foi un debate útil en todos os sentidos" e a non aceptación das emendas débese a que queren sacara adiante uns orzamentos "realistas, prudentes e sociais". Así, "non coincidimos con que haxa que poñer un imposto ás grandes superficies porque sería trasladable aos consumidores" e "privaría de capacidade de consumo". En canto á "imposición medioambiental" amósanse partidarios, pero "para traballar no futuro"; mentres, o único tributo neste ámbito que van manter é o controvertido canon da auga. "A primeira persoa que non cre o que dixo dende aquí é vostede, porque se o cre sería un paspán, e non o é", espetoulle Beiras a Puy, antes de cuestionalo sobre a política tributaria estadounidense a mediados do século pasado.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Persoal das universidades clama contra os recortes no exterior do Parlamento

Mentres no interior do hemiciclo se debaten os Orzamentos para 2013 no exterior persoal das universidades galegas, apoiado por grupos estudantís, sindicatos e representantes do persoal da Xunta, iniciaba as súas mobilizacións "en contra dos recortes nas universidades públicas". Feitos como que as estreiteces orzamentarias leven as institucións académicas a elixir entre recortar masivamente os salarios ou despedir persoal, agregados á máis que previsible suba das taxas motivan estas protestas, que a xuízo do PP carecen de sentido.

Nesta liña, durante o propio debate o conservador Pedro Puy argumentou que "as universidades consolidan coa comunidade", xa que "un desvío" nas súas contas "tería que levar a que a Xunta fixese recortes noutras áreas, como a sanidade ou a educación primaria e secundaria. "Todas as administracións teñen que estar comprometidas coa consolidación fiscal", insiste Puy, ao tempo que reitera a afirmación que xa lanzara o secretario xeral de Universidades hai poucos días no Parlamento: "Sabemos que en Galicia ninguén renunciou" aos seus estudos "nin deixou de boter unha bolsa por motivos económicos".