O 90% das iniciativas de deputados galegos no Congreso son de PSOE e BNG

Pleno do Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

As eleccións xerais de 2011 outorgáronlle ao PP algo máis do 52% dos votos emitidos, o que se traduciu en 15 dos 23 escanos elixidos polas circunscricións galegas no Congreso dos Deputados. A seguinte forza máis votada foi o PSdeG-PSOE, ao que o 27,81% dos votos se lle traduciron en 6 escanos. A continuación quedou o BNG, co 11,18% dos votos e 2 escanos. Algo máis dun ano despois dos comicios que levaron a Mariano Rajoy a La Moncloa, unha ollada á actividade parlamentaria dos e das representantes de Galicia na Cámara Alta amosa notables diferenzas. Así, o 90% das iniciativas formuladas por deputadas e deputados galegos xurdiron no PSOE ou no BNG, que contan co 64% dos escanos elixidos en Galicia.

Segundo os datos oficiais do Congreso, sistematizados pola web Qué hacen los diputados, os deputados galegos que actualmente están activos -dende as eleccións houbo baixas como as de Francisco Jorquera e Francisco Caamaño- levan tramitadas 1.612 iniciativas. Destas, 175 corresponden a membros do PP elixidos en Galicia, o que supón o 10,8% do total. De entre os seus membros, o máis activo é o ourensán Celso Delgado, con 22 iniciativas. Ségueno o controvertido Guillermo Collarte -quen asegurara que as "pasa canutas" cun soldo de 5.100 euros- e Ana Belén Vázquez, ambos con 19 iniciativas. Por riba das 10 están Tristana  Moraleja, Joaquín García Díez, Olga Iglesias, Jaime Olano, Antonio Erias e Marta González. O resto presentaron menos de 10 e quen pecha o rexistro é a ministra de Fomento, Ana Pastor, que non asinou ningunha.

Os representantes galegos con máis iniciativas rexistradas son os socialistas José Blanco e Laura Seara e a nacionalista Olaia Fernández

Neste contexto, os conservadores galegos no Congreso presentan unha media de 11,6 iniciativas por deputado, lonxe dos outros dous grupos con escanos elixidos en Galicia. Así, por exemplo, os seis membros do Grupo Socialista que chegaron ao lexislativo español procedentes de circunscricións galegas acumulan unha media de 197,5 iniciativas, nun rexistro encabezado por José Blanco, con 435 e Laura Seara, con 418. Tras o lucense e a ourensá están o pontevedrés Guillermo Meijón, que tramitou 136 iniciativas, e Carmela Silva, con 96. Nos dous últimos postos da lista están Miguel Cortizo, que presentou 82 iniciativas, e Paloma Rodríguez, que fixo o propio con 18.

Tamén están por riba da media de cen iniciativas por deputada as representantes do BNG, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, ás que lle corresponden 126. Non obstante, se a esta suma se lle engaden as tramitadas por Francisco Jorquera ata a súa baixa no Congreso, en setembro de 2012, esa cifra sitúase nun nivel idéntico ao dos socialistas, 197, xa que o actual voceiro nacionalista no Parlamento de Galicia tramitou 142 iniciativas. A súa substituta, Rosana Pérez, xa impulsou 51 iniciativas mentres que Fernández Davila leva 201.

José Blanco, deputado do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG
Olaia Fernández e Rosana Pérez, deputadas do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.