Catro concellos de PSOE e PP únense aos do BNG na reclamación do IBI á Igrexa

Laura Seara e Rafael Villarino, no Tribunal Supremo © eldiario.es

Cunhas arcas cada vez máis minguadas e a ameaza dun anteproxecto de reforma da administración local que quitará poder aos concellos, o alcalde do municipio de Amoeiro (Ourense), Rafael Rodríguez Villarino, deu este luns o paso definitivo para que o Tribunal Supremo sente xurisprudencia no pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) por parte da Igrexa.

A Mancomunidade de Santa Águeda presentou un recurso de casación contra unha sentenza que impediu que Amoeiro puidese cobrarlle o IBI á Igrexa

Rodríguez Villarino presentouse en Madrid acompañado da coordinadora de Política Institucional do PSdeG e deputada por Ourense, Laura Seara, e representando os catro concellos que forman a Mancomunidade de Santa Águeda -Amoeiro (PSOE), Coles (PSOE), A Peroxa (PP) e Vilamarín (PP)- para presentar un recurso de casación en interese da lei contra a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo 1 de Ourense que o pasado novembro deu a razón á diocese ourensá despois de que Villarino lles reclamase en maio o IBI correspondente aos exercicios de 2010 e 2011.

O alcalde de Amoeiro quere que o Supremo fixe dunha vez unha forma de actuar igual para todos os Xulgados do Contencioso Administrativo. En declaracións a eldiario.es, Villarino resaltou a contradición entre a resolución do Contencioso Administrativo 1 de Ourense, que declarou o dereito da diocese á exención do imposto, e o 2, que desestimou o recurso da Igrexa e sentenciou ao clero a pagar 329 euros de IBI cando o Concello de Allariz (Ourense), que reclamará os tributos.

O alcalde de Amoeiro quere que o Supremo fixe dunha vez unha forma de actuar igual para todos os xulgados nestes casos

O precedente creado por esta sentenza favorable ao Concello de Allariz abriu a vía para que outros municipios galegos ultimen xa o cobro deste tributo. Así, son xa varias localidades gobernadas polo BNG, ao igual que a vila alaricana, as que iniciaron os trámites para aplicar o IBI a estas propiedades eclesiásticas.

Mondoñedo e Monforte, dúas vilas con abundantes edificios propiedade da Igrexa nos seus lindes, xa anunciaron a súa intención de cobrar o IBI logo de que a sentenza do caso de Allariz reforzase unha intención que xa viña de lonxe. "Non creo que haxa ningún católico que diga que hai que discriminar a uns sobre outros; todos somos iguais ante a lei e, para os crentes, todos temos que ser iguais ante Deus", aseguraba a Praza Severino Rodríguez, alcalde dun Concello monfortino que xa realiza un inventario dos bens eclesiásticos para comezar a cobrar o imposto nunhas semanas.

A sentenza favorable ao Concello de Allariz abriu a vía para que outros municipios gobernados polo BNG reclamasen o IBI

O recurso de casación deste luns presentouse en representación da Mancomunidade de Santa Águeda e reclama o pago do IBI por un total de dezaseis bens inmobles. O alcalde de Amoeiro defendeu que todos estes bens son leiras rústicas e urbanas que non se benefician do Concordato acordado co Vaticano.

No texto presentado ao Supremo considérase que "os bens inmobles propiedade da Igrexa católica só han de estar exentos do pago do IBI a condición de que estean destinados ao culto, residencia de bispos, cóengos e sacerdotes con cura de almas, oficinas da curia diocesana ou parroquiais, formación do clero e universidades eclesiásticas que impartan ensinos propios de disciplinas eclesiásticas, ou primordialmente a casas ou conventos das ordes, congregaciones relixiosas ou institutos de vida consagrada".

A recadación do IBI en todo o Estado podería chegar aos 2.500 millóns

Villarino mostrouse convencido de que se se fixase xurisprudencia, "todos os concellos acabarían reclamando o imposto". A nivel estatal, estima, a recadación oscilaría entre os 2.000 e os 2.500 millóns de euros, unha cantidade que, segundo o escrito presentado, "non parece disparatada se se ten en conta o que a Igrexa católica é despois do Estado a entidade que maior número de propiedades ten e que o historiador Staley G. Paine cifra ao redor dos cen mil unidades, das cales só cinco mil son edificios relixiosos".

O recurso fai fincapé en que tal exención agrava o déficit das administracións locais: "Na conxuntura económica na que nos atopamos, cun déficit público disparado, nun marco no que as administracións locais apenas ingresan suma algunha polo imposto sobre construcións, instalacións e obras, a consecuencia da aplicación de tal errónea doutrina é o agravamento do citado déficit respecto das administracións locais, que non van poder contar cos recursos que debería achegar a Igrexa católica". Denuncia ademais que este privilexio permite manter os edificios abandonados "improductivos sen custo tributario algún e á marxe do tecido produtivo co consecuente prexuízo para a economía nacional".

Aínda que o Supremo aínda debe admitir a trámite o recurso, Villarino exhibiu a súa confianza e considerou que xa é hora de entrar en razón neste asunto tendo en conta a situación económica non só estatal, senón sobre todo dos pequenos municipios.

Laura Seara e Rafael Villarino, no Tribunal Supremo © eldiario.es
Vista aérea de Allariz © Concello de Allariz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.