A MNG prepara un acto con CiU e Amaiur para "colocar Galicia no mapa de reformulación territorial"

Cartaz do acto © MNG

A Mocidade Nacionalista Galega (MNG) organización xuvenil de Compromiso por Galicia (CxG) organizará o vindeiro de 5 de marzo un acto en Compostela cos deputados no Congreso de CiU, Carles Campuzano, e Amaiur, Jon Iñarritu. A xornada comezará cunha ofrenda a Castelao en Bonaval, que recuperará o espírito de Galeusca. A partir das 12 a Facultade de Ciencias Políticas acollerá un debate sobre a configuración dunha nova Europa, no que tamén participarán Xoán Bascuas e Paulo Carlos López, secretarios xerais de CxG e MNG, respectivamente.

No debate abordaranse os procesos soberanistas iniciados en Catalunya e Euskadi. A MNG procura con este acto "colocar a Galicia no mapa de reformulación territorial do Estado español e da Unión Europea". Paulo Carlos López aposta por "facer pedagoxía e actuar con pragmatismo" e incidir en que "máis autogoberno significa máis benestar e máis ferramentas para saír da crise" e que ese é o camiño para transformar "o sentimento de país en formulación políticas mais avanzadas". Para a MNG o Estado español está en plena recomposición e sen ese traballo de pedagoxía Galicia vai "camiño de ser unha rexión máis de España". "Temos que ser conscientes do momento histórico que estamos a vivir, e cómpre lembrar que somos unha nación como Euskadi e como Catalunya, só que noutra fase politicamente menos avanzada", conclúe.

Cartaz do acto © MNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.