0 Gardados para despois

O congreso de Máis Galiza deixa a porta aberta ao cambio de siglas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

Cumpriuse o guión. A Asemblea Nacional de Máis Galiza decidiu que a que ata agora foi corrente interna do BNG se converta en partido, pero fóra da formación frontista. Un total de 316 dos participantes na cita asemblear deron luz verde a unha decisión que supón, na práctica, o remate da +G que botou a andar tras a Asemblea Nacional Extraordinaria celebrada polo Bloque en 2009, tanto no que atinxe ao seu modelo organizativo como ás súas cabezas visibles. No segundo aspecto, o dos liderados, o novo partido terá á fronte a Xoán Bascuas en calidade de secretario xeral e, atendendo aos textos aprobados, deixa aberta a porta a un cambio de siglas e imaxe corporativa. Substitúe a Carlos Aymerich, ata agora coordinador dunha organización na que xa "non se recoñece". O ex voceiro parlamentario permanecerá no BNG e con el farano varios dos que ata agora foron referentes da corrente, caso por exemplo da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, encargada de defender ante o plenario a proposta de resolución contraria á escisión.

Aymerich afirma que "xa non se recoñece" en +G e Bascuas ve "espazo para unha nova forza política"

Nun clima recoñecido como "cordial" por ambas partes, que apostan por unha separación o menos "traumática" posible, González realizou unha intensa intervención en torno a un BNG "saído de Amio que non nos gusta a ningún de nós", pero que é "tan noso coma deles", en referencia á actual dirección nacionalista. A rexedora tomiñesa púxolle voz aos que pensaban que o camiño de +G debía pasar por "quedar no BNG, para esixirlle á UPG novas normas de convivencia". "Miremos a forza que temos xuntos e poñámola a funcionar" dentro do Bloque, reclamou.

Malia á boa valoración xeral da intervención da voceira dos partidarios da permanencia, uns e outros xa daban por feita a ruptura mesmo antes da votación. O novo secretario xeral, aínda como voceiro dos militantes que apostaban pola marcha, lamentaba que as aspiracións do grupo de Aymerich, a quen homenaxeou, non sexan posibles, ao seu xuízo, dentro do Bloque. "No BNG non é posible o asemblearismo pola existencia do centralismo democrático", afirma Bascuas. Dende o seu punto de vista, "a evolución da sociedade galega" creou "espazo para unha nova forza política". 

Votación da Asemblea Nacional de +G
Saír do BNG 316 69,1%
Ficar no BNG 133 29,1%
Abstencións 8 1,8%

Unha vez coñecidos os resultados Aymerich dirixiuse por derradeira vez ao plenario de Máis Galiza para desexarlle "sorte" na súa nova andaina e tamén para amosarse convencido de que as "pontes" que "quedan tendidas" favorecerán a unidade nacionalista no futuro. "O malo", di, é que neste proceso "perderemos tempo e perderemos xente". De cara ao futuro inmediato o parlamentario, que continúa a coidar que o Bloque, "con todos os seus defectos" é "a mellor ferramenta para evitar que Feijóo siga gobernando", anuncia a súa intención de "seguir a traballar dende dentro" e facelo "de maneira organizada". Neste sentido, explica que unha "xestora" comezará de inmediato a dar pasos para a constitución desa nova corrente, na que Aymerich lles outorga especial importancia aos once alcaldes e catro parlamentarios que tampouco optaron pola escisión.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

O 11 de marzo, a asemblea nacional de Máis Galiza deu luz verde á constitución dun novo partido fóra do BNG

CC BY-SA TingaLaranga AudioVisual

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O auditorio da Facultade de Económicas da USC acolleu o Congreso de Máis Galiza

A mesa do congreso de +G

Xoán Bascuas intervén ante o plenario

Un militante de +G vota por ficar no BNG

Reconto da votación das propostas de resolución

Nogueira, Aymerich e Veiga

Derradeira intervención de Aymerich ante a militancia de +G

Aymerich dálle unha aperta a Bascuas

Asemblea nacional e congreso constituínte de Máis Galiza

Máis Galiza celebrou a súa derradeira asemblea nacional como corrente integrada do BNG e, a continuación, o congreso no que se constituíu como partido político, con Xoán Bascuas como secretario xeral.

Carlos Aymerich coida, tras a escisión de Máis Galiza, que o BNG "segue sendo a mellor ferramenta para transformar este país"

CC BY-SA Praza Pública

Bascuas: "Non saímos dunha fronte para entrar noutra"

Acabado de elixir secretario xeral do novo partido, Xoán Bascuas bosquexaba ante o plenario os primeiros pasos da nova xeira de Máis Galiza e que, a grandes trazos, estarán orientados tanto á estruturación interna como á relación con outras forzas políticas, sobre todo de cara ás eleccións autonómicas. Asegura Bascuas que, tras unha "lección maxistral de como se fai política", +G debe aspirar a participar na recuperación dos "180.000 votos" perdidos polo BNG nos últimos anos, pero tamén os "250.000 votos" que deixou polo camiño o PSdeG e os das persoas que "se acubillan en forzas sen posibilidade de obter representación". Trátase, di, de poder ser "o parapeto fronte ao PP" tamén con "outros compañeiros que xa non están no BNG", aínda que non coa fórmula de fronte.

"Non imos saír dunha fronte para meternos noutra", di o secretario xeral de Máis Galiza, que aposta por "unha forma de expresión diferente e fresca, que permita comunicarse e sintonizar co conxunto da sociedade galega". "Non imos usar fórmulas vellas para tempos pretéritos", afirma, nun contexto no que sitúa o partido nas coordenadas da "defensa dos sinais de identidade como nación e do Estado do Benestar, pero defendéndoo coa certeza de que se pode xestionar, non falar de nacionalización", senón "nunha linguaxe que entenda a cidadanía". "Non vos pido unha política de vangarda na que corramos e o pobo quede a douscentos quilómetros".

No que atinxe ás cuestións internas, a nova dirección de +G tivo xa unha primeira xuntanza cos cargos institucionais do BNG que militan no novo partido "para ver cal é o escenario inicial" e "darlles cobertura política, normativa e xurídica". En xeral, todo semella indicar que os edís continuarán no Bloque cando menos ata a fin do mandato, integrándose no partido a través da figura do simpatizante, recoñecida nos estatutos aprobados este domingo, nos cales se estipula que ata un 25% dos órganos directivos poden estar formados por persoas que teñan esta condición. En calquera caso, Bascuas garante que non haberá unha política "de pingueira, de baixa a baixa".