A Xunta empurra os concellos a fusionárense con primas nas subvencións

Os alcaldes de Oza e Cesuras, na presentación dunha gardería compartida © Xunta

Xuntos, máis fortes... ou, como mínimo, un pouco menos pobres. O Consello da Xunta comezou este xoves a plasmar en normativa o que Alberto Núñez Feijóo enunciou como intención política hai case un ano, cando o presidente da Xunta tentou capitalizar o derradeiro debate de política xeral da lexislatura anunciando que Oza dos Ríos e Cesuras se ían unir nun só concello. O líder conservador expuxo aquela operación -que inicialmente os alcaldes reduciron a "intencións" pero que agora se está a concretar- como o exemplo a seguir e por iso, apuntaba, o seu Executivo ía incentivar as fusións municipais. Despois de iniciativas illadas, como a creación duns premios á cooperación entre municipios, agora a Xunta disponse a lubricar con cartos a engranaxe das fusións: quen se una terá máis vantaxes para acceder ás subvencións.

Segundo o acordo adoptado polo Consello que agora será aplicado ás diversas ordes de subsidios, os concellos resultantes dunha fusión terán unha "puntuación mínima do 30%" en calquera convocatoria de axudas á que concorran "pola mera presentación da solicitude". Esta vantaxe terana durante "os dez anos seguintes ao remate do proceso de fusión", unha década na que a súa veciñanza terá máis posibilidades de veren incrementados os seus servizos públicos que a dos municipios que, pola razón que for, opten por seguiren en solitario.

Os concellos fusionados terán un 30% da puntuación nos subsidios só por optaren a eles

Estas primas beneficiarán tamén aos concellos que, sen fusionárense, opten por pedir axudas "por agrupación, asociación, mancomunidade" ou unha vía semellante. Os concellos agrupados "baixo calquera fórmula" agás a fusión tamén poderán ter unha prima de ata o 30% da puntuación na que se basean as subvencións, pero dividida en tres partes: un 10% "pola mera presentación da solicitude", outro 10% "pola presentación dunha memoria de aforro de custos a respecto da prestación de modo individual" e un 10% máis "que se repartirá atenendo a parámetros como o número de concellos asociados, o número de servizos que se van prestar de forma compartida ou a repercusión do proxecto", este último parámetro medido en función da "cifra de poboación total dos entes participantes ou da poboación destinataria".

Pero, ademais de partiren con vantaxe á hora de concorrer a axudas, a Xunta resérvase un recurso discrecional para primar aínda máis unhas unións ás que Feijóo atopa resistencias no seo do propio PP, a comezar por Ourense e a seguir pola FEGAMP, o ente do municipalismo galego no que os populares son tamén maioritarios. Para "incentivar proxectos piloto de xestión compartida posibilitarase a concesión directa de subvencións a través de formalización de convenios" nos que se terán en conta "as especiais necesidades de interese público vinculadas ao fomento da cooperación e colaboración municipais". Isto é, se dous ou máis concellos se unen e a Xunta o considera conveniente, poderán recibir financiamento para os seus plans sen competiren con ningún outro municipio, fusionado ou non.

Os alcaldes de Oza e Cesuras, na presentación dunha gardería compartida © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.