A Audiencia de Lugo rexeita pór en liberdade a Espadas por "risco de fuga"

Ángel Espadas © Concello de Santiago

Ángel Espadas seguirá no cárcere. A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo desestimou este luns o recurso interposto polo que fora edil do PP de Santiago e xefe de gabinete do ex alcalde da cidade, Gerardo Conde Roa, contra o auto da xuíza Pilar de Lara que o enviou a mediados de febreiro a prisión provisional, comunicada e sen fianza no marco do caso Pokémon.. A sala considera que existe a posibilidade de que o antigo concelleiro, excluído das listas do PP en 2011 tras ser interceptado ebrio e durmido ao volante do seu coche, tente escapar no caso de quedar en liberdade.

A Espadas impútanselle presuntos delitos de "utilización de información privilexiada, suborno e tráfico de influencias" na vertente da Pokémon coñecida como Manga. En opinión da audiencia luguesa "as elevadas penas que levan aparelladas os delitos que se lle imputan evidencia un risco de fuga", risco que "pretende" evitar "a medida de prisión adoptada", sinalan. Pero o xulgado non ten só en conta a eventual fuga, senón tamen que Espadas puidese entorpecer a operación xudicial e policial en marcha contra a suposta rede de fraude en concesións públicas.

"A actuacións atópanse declaradas secretas" e están "en marcha diversas investigacións que poderían verse frustradas no suposto de que o recorrente estivese en liberdade", informa a Audiencia. Así, "cando menos de momento, procede manter a situación de prisión que agora se recorre". Isto sucede "esencialmente polo papel relevante" que o ex asesor da Alcaldía compostelá "ostenta na trama que se investiga".

A sala mantén a Espadas en prisión polo "papel relevante que ostenta na trama que se investiga"

Espadas foi detido o pasado 14 de febreiro no inicio da operación Manga, nunha xornada na que tamén foi prendido Albino Vázquez, concelleiro de Seguridade de Compostela que xa abandonou o seu cargo tras quedar en liberdade baixo fianza. Aquel mesmo día tamén foran prendidos un asesor cultural e organizador de eventos próximo ao PP, Jesús Fuentes, e ao xerente da empresa Aquagest en Santiago. Simultaneamente, aquela operación implicara tamén o rexistro da casa de Conde Roa, actualmente imputado no mesmo caso mentres permanece incurso no proceso por presunta fraude fiscal que o levou a dimitir nove meses despois de acceder á alcaldía.

Ángel Espadas © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.