Aymerich deixa o Parlamento: "Non vou molestar máis"

Aymerich comunica a súa decisión ante a prensa CC-BY-SA Praza Pública

Carlos Aymerich abandonará o seu escano no Parlamento a vindeira semana, segundo lle comunicou este martes á dirección do BNG. O líder de Abrente, que fora portavoz parlamentario até XIII Asemblea do Bloque, a comezos de 2012, vén amosando publicamente nas últimas semanas as súas críticas á "a viraxe" do BNG nos últimos tempos que, segundo el, "fai que retroceda a posicións de hai 30 anos", como afirmaba este sábado na Cadena Ser. É ese tamén o motivo de que Abrente non se integre na lista única que liderará Xavier Vence na Asemblea Nacional. Agora, "non vou molestar máis", di.

O aínda parlamentario -oficializará a súa renuncia o vindeiro martes- non prevía comunicar a súa renuncia ata despois da asemblea, pero esta foi "filtrada", di. Este foi o motivo que o levou a convocar á prensa nos corredores do Parlamento para confirmar "unha decisión que xa tiña tomada hai moito tempo" e que "no persoal" tamén lle supón "unha certa liberación". Agora, afirma, "seguirei como militante de base" e dende esa posición continuará a defender "un Bloque ambicioso, situado na esquerda, consecuentemente nacionalista e que se dirixe a toda á sociedade, que quere gobernar este país".

"Non me vexo en Compromiso nin en Anova-Esquerda Unida"

Á espera das valoracións "políticas", que realizará o vindeiro luns, Aymerich avanza que na súa mente non está deixar a formación frontista, entre outras cousas porque "non me vexo en ningunha das organizacións" que se crearon tras as escisións do Bloque. "Non me vexo en Compromiso" e tampouco "en Anova-Esquerda Unida", di. "Eu son do Bloque", para o que "só podo ter palabras de agradecemento", as cales estende ao grupo parlamentario, "en especial para Francisco Jorquera" con quen " sempre, a pesar das diferenzas, soubemos manter a amizade".

"O BNG xa non é a casa común"

Aymerich defendeu nas últimas semanas "un achegamento" a Anova e Compromiso por Galicia, pero "sobre todo a moita xente que quere unha alternativa real, nacionalista e de esquerdas ao PP". "Dóeme, pero o BNG xa non é a casa común do nacionalismo e non o é desde Amio", dixo. "Apostamos polo Bloque en momentos difíciles, pero se hai unha viraxe que, desde o noso punto de vista, fai que retroceda a posicións de hai trinta anos, eu creo que non se nos pode pedir que o compartamos", explicou Aymerich.

Tamén este martes o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, cualificou de erro "estratéxico" o xiro "soberanista" do BNG. Segundo declarou Suárez Barcia a Europa Press "máis aló de quen entre, das persoas, o erro estratéxico que está a dar o BNG é o de intentar ir a unha postura de marxinalidade ou unha postura soberanista, que nunca se puxo en trinta anos" e que "dificilmente poderemos ter responsabilidades de goberno para transformar esta sociedade e contribuír a resolver os problemas que crean as políticas neoliberais do PP". O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, centrou as súas críticas na ausencia de alcaldes e outros cargos institucionais na nova dirección do BNG.

Aymerich comunica a súa decisión ante a prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.