Vence, disposto a integrar o BNG nun "polo nacionalista sen restricións de siglas"

Primeira xuntanza da nova Executiva do BNG CC-BY-SA Praza Pública

A nova Executiva do BNG pon o traxe de faena para comezar a desenvolver o "reto inmenso" que lle encomendou a XIV Asemblea Nacional. O órgano directivo do Bloque reuniuse este luns por primeira vez baixo a presidencia de Xavier Vence, unha primeira "toma de contacto" na que o novo portavoz nacional bosquexou os primeiros pasos do que definira ante o plenario como o artellamento dun movemento social "multicor" a prol da "soberanía" para Galicia. Este proxecto, di Vence, debe comezar cun "proceso de debate sobre a alternativa soberanista con todas as persoas nacionalistas do país" e ten entre os seus obxectivos a constitución dun "polo nacionalista" galego.

Explica Vence que, na liña co relatorio político aprobado na asemblea, a nova Executiva do Bloque traballa dende a consciencia de que "existen outras forzas nacionalistas" no país "coas que queremos estableer relacións de colaboración" e "compartir a loita política". Agora, di, toca "madurar as fórmulas" para materializar esa colaboración, á que o BNG se lanza "aberto ao diálogo para profundar o máximo posible en acordos", "para ter a maior confluencia". Isto equivale, por exemplo, a explorar posibles coalicións electorais? Vence non concreta tanto, se ben explica que a aposta dese "polo nacionalista" non é outra que "mobilizar a maioría" social.

O "único criterio" para dialogar será que as demais forzas non estean "supeditadas a organizacións alleas"

O BNG formula ese convite ao diálogo "sen ningún tipo de restricións en canto a siglas" porque a aposta é "erguer a conciencia nacional" entre a cidadanía de Galicia. Por este mesmo motivo, o "único criterio" para abordar este proceso é que as forzas que o integren respondan ao principio de "autoorganización", sen estaren "supeditadas a organizacións alleas", estatais, no que semella unha caste de mensaxe encamiñada ao posible entendemento futuro con Anova, actualmente integrada en AGE, que ten en Esquerda Unida o seu outro piar fundamental. Á marxe deste criterio, asegura Vence, o BNG "quere levar adiante ese traballo sen precondicións".

Xavier Vence realizaba estas reflexións ante os medios de comunicación, uns "elos fundamentais para a comunicación da nosa mensaxe política" cos que o Bloque se dispón a abrir tamén "unha nova era". Aínda "máis" que no período "anterior", explica o líder nacionalista, a formación terá as "portas abertas" á prensa e realizará un maior "esforzo de transparencia". Neste escenario, o economista agarda "comprensión" a respecto dos "defectos de comunicación" nos que poida incorrer o BNG, os cales, asegura, serán "erros" e non actitudes que respondan á "mala intención".

Primeira xuntanza da nova Executiva do BNG CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.