0 Gardados para despois

Feijóo sepulta baixo unha fusión municipal o último debate da lexislatura

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

Os grandes anuncios gobernamentais escasean ou mesmo desaparecen en tempos de crise. Lonxe dos tempos nos que a foguetería en materia de infraestruturas alegraba os titulares do Goberno galego nas sesións parlamentarias máis relevantes, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, optou por tentar capitalizar o derradeiro debate de política xeral da lexislatura cun anuncio que nin sequera é da competencia do seu Executivo: a fusión de dous concellos da provincia da Coruña cuxos nomes aínda están por coñecer, se ben as primeiras quinielas falan de Oza e Cesuras. Primeiro co anuncio e despois co suspense en torno aos nomes dos concellos agraciados, que oficializarán este mércores a unión, o presidente procura marcar o ritmo dun debate que iniciou cun discurso con aire de fin de mandato e no que só xurdiron dúas novidades, as dúas, como era de agardar, en materia de "austeridade". Os vicevaledores do Pobo, o Consello Galego da Competencia e o Consello Económico e Social (CES) pasarán á historia

As primeiras 'quinielas' falan de Oza e Cesuras como posibles concellos fusionados

A presidenta do CES, Corina Porro, seguía dende a tribuna o avance da disolución do organismo que dirixe dende 2011, no que están representadas entidades como as universidades, sindicatos e asociacións empresariais e que agora ficará diluído no Consello de Relacións Laborais. Á marxe disto, nin Porro nin o resto de convidados manifestaron excesivo entusiasmo durante a algo máis de hora e media que se estendeu o discurso de Feijóo. Iniciado cunha louvanza a Fraga e a súa "forza" para facer "transcendente" a Galicia, a cal que suscitou o primeiro aplauso nas bancadas do PP, a intervención centrouse esencialmente na autolouvanza á aplicación "dun patrón de conduta ética e económica chamado austeridade".

Grazas a que o seu gabinete se "anticipou", asegura, Galicia está "en mellor posición" aínda que non sexa "sinxelo" xestionar unha "crúa" realidade. Nesta liña, nun momento no que resulta complicado poñerse á cabeza das autonomías en materia de restricións de gasto, Feijóo gábase de ter aforrado uns 15 millóns en enerxía, teléfono e coa supresión do DOG en papel. A súa "responsabilidade", asegura, permite estar "en mellor posición" tamén en canto ao desemprego ou no referido á situación dos empregados públicos aos que, malia á lei de recortes aprobada hai apenas unha semana, asegura que "non reducirá os seus soldos".

O Consello Económico e social ficará diluído no Consello de Relacións Laborais

Aínda que por motivos obvios nun segundo plano, o presidente da Xunta non obviou un dos clásicos do seu mandato: as críticas ao antigo Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero. Así, Feijóo saúda o "cambio sen precedentes" que, afirma, trouxo consigo a vitoria de Rajoy, tamén para Galicia. Entre os "exemplos máis significativos" cita a o recorte de 15.000 millóns para "despexar o risco de intervención" por parte da Unión Europea e as reformas laboral e financeira. O gabinete de Rajoy, con quen se reunirá o xoves, mesmo ten "desbloqueado a paralización do autogoberno", asegura. Isto acontece porque se incorporarán 157 novos axentes á Unidade de Policía Adscrita á Xunta, detalla. O equipo de Zapatero nin sequera "escoitaba" e o do PP, apunta, mesmo garante as infraestruturas pendentes, como o AVE e as autovías.

Ás présas polos temas espiñentos

Nunha sesión que apenas suscitou os habituais ruxerruxes entre os deputados da oposición -moitos deles pendentes do seguemento do pleno polas redes sociais- o presidente, unha vez lanzada o que pretende situar como titular do debate, a fusión de dous concellos, pasou ás présas por algunhas das cuestións máis espiñentas dos últimos tempos na esfera política galega. Así, por exemplo, as críticas pola "privatización" da sanidade e na educación solventounas cun relatorio do "rotundo" incremento de "prestacións públicas", asegurando que hai "tres veces máis dependentes atendidos", "máis centros de saúde" ou "máis pensións non contributivas"

Sobre o Gaiás, o presidente limítase a sinalar que tentará "abaratar" o seu custe e "abrir ao mundo" o complexo

Á marxe da área social, na que previsiblemente terá que afondar tras os discursos de Ana Pontón e Pachi Vázquez, Feijóo sobrevoou a Cidade da Cultura asegurando que tentará "abaratar" o seu custo" e abrila ao mundo" e fixo o propio coa fin das caixas galegas confiando en que os "profesionais actuais" logren a "capitalización" para "poder volver resistir e manter unha entidade financeira con centros de decisión en Galicia". Do mesmo xeito, e sobre os casos de corrupción, o xefe do Goberno aludiu ao caso Campeón, sen citalo, explicando que houbo "sucesos nos tres partidos desta Cámara que nunca se deberon producir".

Así as cousas, queda para a sesión da tarde a interrogante de se o secretario xeral do PSdeG e a voceira parlamentaria do BNG lograrán variar o rumbo do debate ou se, pola contra, Feijóo logrará situar como asunto máis destacado a enigmática fusión de dous concellos da Coruña.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

PSdeG e BNG ven a Feijóo instalado na "autocompracencia", sen "ningún anuncio contra a crise"

A voceira do BNG, Ana Pontón, lamenta que Feijóo non formulase ningunha proposta para facerlle fronte á crise e destaca que é "a primeira vez" que un presidente non menciona a lingua galega no debate de política xeral

CC BY-SA Praza Pública

O voceiro do PSdeG, Abel Losada, lamenta que Feijóo siga instalado na "ortodoxia máis conservadora" e non ofreza "solucións" para o desemprego e a crise. "Máis do mesmo", afirma.

CC BY-SA Praza Pública

O voceiro do PP, Pedro Puy, valora o "realismo" de Feijóo ao facer balance dos seus tres anos de goberno.

CC BY-SA Praza Pública