O PP galego acode sacar peito ante as demais autonomías: "Co PSOE, Galicia sería Chipre"

Prado, en rolda de prensa © PPdeG

O pasado xaneiro o presidente da Xunta acudía a unha entrevista en Radio Nacional de España. No marco dun diálogo de ton marcadamente amable Alberto Núñez Feijóo foi cuestionado pola posibilidade de que Galicia acudise ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), a bolsa de cartos creada polo Estado para ofrecerlles financiamento ás autonomías con condicións máis flexibles que a banca a cambio dunha intervención das súas contas públicas. Tras meses negándoo, Feijóo explicaba que o Goberno galego ía "ver en 2013 o que pode ofrecer o mercado [de débeda pública] e o que pode ofrecer o Tesouro", isto é, o FLA. "Se o Tesouro ofrece condicións mellores de financaiemnto, non temos ningún interese en darlles a gañar aos bancos", sentenciaba. Dous meses despois a Xunta nega de novo en rotundo que valore acudir ao FLA e acode este xoves ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), que xunta as autonomías co Estado, sacando peito polos seus "esforzos" e estabilidade financeira, ambos logrados, segundo o PP, grazas a que tras as eleccións do 21 de outubro a Xunta non cambiou de cor política.

Coa Unión Europea convulsionada pola incerta intervención das contas de Chipre, cun eventual corralito incluído, os conservadores galegos botan man do seu argumentario máis duro para bombardear dialecticamente a oposición galega aínda que, polo camiño, a vaga expansiva afecte tamén a autonomías gobernadas polo PP. Mentres que a Consellería de Facenda mantén o ton técnico e moderado -é "clave" seguir "profundando na estabilidade financeira e no equilibrio fiscal", explican- a voceira popular, Paula Prado, acode á munición de calibre groso para sentenciar que acudir ao FLA é unha operación semellante á que sofre Chipre, a cal recaería con toda a súa crueza sobre Galicia se na cadeira do presidente da Xunta sentase o líder socialista, Pachi Vázquez.

Feijóo aseguraba en xaneiro que a Xunta ía "ver en 2013 o que pode ofrecer o mercado" e o FLA, xa que "non temos interese en darlles a gañar aos bancos"

Prado basea a súa teoría na reclamación que vén lanzando dende hai semanas o PSdeG. Os socialistas coidan que a "vaidade" do presidente leva o Executivo a seguirse financiando no mercado libre e non no fondo estatal, aínda que isto levase as arcas autonómicas a ter que gastar 48 millóns de euros máis, calculan. Para a conservadora, "o PSOE debería aclarar se mantén que é mellor pedir o rescate, como Chipre, que non necesitalo, como Galicia". Na mesma liña, e aínda que o FLA non ten relación ningunha co sistema financeiro -si o tiveron, por exemplo, as normas estatais que implicaron a desaparición das caixas de aforro-, Prado coida que Pachi Vázquez "debería ir explicar as súas teorías económicas aos pequenos aforradores chipriotas", dado que no Estado "hai comunidades que comparten con Chipre a súa necesidade de seren rescatadas", isto é, de acudir ao FLA, operación que xa realizaron nove autonomías, das cales cinco -Balears, Cantabria, Comunitat Valenciana, Castilla-La Mancha e Murcia- están gobernadas polo PP.

Así as cousas, e partindo da base de que "Galicia con Pachi Vázquez á fronte sería Chipre", a dirixente popular asegura que Galicia terá "un papel protagonista" na reunión do CPFF porque se abordarán "entre outros asuntos, un informe do Ministerio sobre a redución de administración paralela", os coñecidos como chiringuitos, e "outro sobre a análise do cumprimento dos obxectivos de déficit", debate que tamén implicará a posibilidade de que o Estado fixe diferentes obxectivos de déficit en función da realidade concreta de cada autonomía. Polo momento nin a Xunta nin o PP aclaran se reclamarán un maior teito de déficit ante Cristóbal Montoro.

Prado, en rolda de prensa © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.