Feijóo declárase "aliado" dos preferentistas na véspera de que saiban cantos cartos van perder

Peche no Concello do Rosal © Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Galicia

Tui, Vigo, Mos, Ponteareas, O Rosal, Santiago... Son moitas as vilas e cidades do país que viven dende hai meses protestas das persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas e que nos últimos días ven como a desesperación se traduce en reivindicacións máis virulentas, moitas delas durante as sesións plenarias de concellos e deputacións. Está previsto que este venres o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) dea a coñecer cal será a quita que sufrirán os preferentistas ou, traducido, cantos cartos van perder os máis de 60.000 cidadáns e cidadáns que teñen atrapados os seus aforros nestes produtos financeiros de alto risco, adquiridos na maior parte dos casos sen coñecemento dos interesados. Neste contexto o presidente da Xunta declárase "aliado" das persoas afectadas, non sen antes lanzar todo un paquete de advertencias e reproches.

Despois dos incidentes dos últimos días en varios consistorios do país -en Ponteareas os edís do PP remataron saíndo pola fiestra e o conselleiro de Infraestruturas foi retido nunha visita á depuradora de Vigo- Alberto Núñez Feijóo aproveitou a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para advertir os preferentistas de que "en Galicia non caben actos violentos, non cabe violentar as institucións democráticas nin rebentar o seu traballo". "Os ataques á vida democrática non son respaldados polo pobo de Galicia e quen os inspira equivócase profundamente", asegura o líder conservador, para quen as protestas "prexudican as institucións" pero tamén "o interese lexítimo das familias prexudicadas".

Segundo Feijóo as protestas "aprovéitanse da dor das familias" e "prexudican o interese" das persoas estafadas

Neste punto, Feijóo recupera o que vén sendo unha constante nos seus argumentos a respecto deste conflito: a responsabilidade última, do problema e das protestas, é dos grupos que actualmente sentan na oposición parlamentaria. As manifestacións, concentracións e peches, di, "só buscan aproveitarse da dor das familias e o que fan é perder a razón das súas reivindicacións" e por iso "a inmensa maioría das familias que teñen o problema das preferentes séntense avergoñadas pola utilización do problema". Neste contexto, salienta, "a Xunta é o único aliado das familias que teñen este problema" coas preferentes, que se "emitiron noutras épocas, noutros gobernos" -foron vendidas polas antigas caixas entre 2003 e 2011- e con este goberno estamos tentando buscar unha vía para solucionar o problema ao 100% a aqueles que tiñan un déficit de información", afirma.

O presidente di que a arbitraxe podería seguir despois da quita

Aínda que as condicións do rescate bancario ao Estado impiden de facto que esa solución se produza Feijóo mantén que "o meu goberno traballa para solucionar o problemas das preferentes", que "outros crearon". Por iso, di, "pódese dicir que hai 15.000 familias en Galicia que percibiron os aforros atrapados nas preferentes" e "noutras comunidades iso non se pode dicir". Neste contexto, o presidente mesmo deixa a porta aberta a que a arbitraxe a través do Instituto Galego de Consumo -á que Novagalicia Banco se pode negar en calquera momento- continúe a funcionar despois da quita. Iso é, cando menos, o que vai "estudar" a Xunta, asegura.

Mentres o presidente da Xunta expresaba a súa posición ao respecto o delegado do Goberno central en Galicia, Samuel Juárez, profundaba no mesmo argumentario, asegurando directamente que as persoas afectadas están "manipuladas" para prexudicar ao PP. Malia todo isto, nas filas do partido da gaivota obsérvase con especial receo que a quita das preferentes se vaia coñecer este venres, o día anterior de que o a formación celebre o seu congreso provincial en Pontevedra, ante o que se prevén notables protestas.

Feijóo, nun intre do Consello deste xoves © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.