Vázquez, convencido de que a votación do PSdeG "marcará a liña de todo o socialismo"

Pachi Vázquez, ante a prensa en Ferraz CC-BY-NC-SA PSdeG

A Executiva Federal do PSOE sancionou este xoves o sistema de renovación da secretaría xeral do PSdeG. A votación de candidaturas de delegados e delegadas encabezadas polas persoas que opten a liderar o partido, isto é, as "primarias consultivas", botan a andar á espera de que un regulamento defina as súas regras de xogo. Mentres as persoas e grupos aspirantes á encabezar a renovación piden aclarar "interrogantes" e "incertezas" sobre o proceso o actual secretario xeral, Pachi Vázquez, aposta por desbotar as "desconfianzas" xa que o liderado vai ser renovado co "voto dos militantes, en urna e secreto".

En declaracións á prensa na sede federal do PSOE Vázquez amosouse convencido de que "o acordo pechado sobre a consulta" é "un paso de xigante para toda a militancia" no só do PSdeG, senón do conxunto do PSOE. O partido en Galicia constitúe agora, a xuízo de Vázquez, "a punta de lanza dun vieiro que continuará cun cambio en profundidade do noso modelo" de organización política". Neste sentido, di, o sistema de elección "en urna e secreto" supón "un avance sen precedentes no camiño da participación e da transparencia.

"Quen teña algunha desconfianza poderá comprobar que nunca é malo abrir procesos de participación"

"Hoxe é un día importante para a militancia que quere máis participación", subliña o do Carballiño, xa que o xeito en que se designará o secretario ou secretaria xeral dos socialistas galegos vai "definir e marcar a pauta e a liña futura de todo o socialismo". Por este motivo, explica, cómpre "convidar a todo o partido a participar" do novo modelo "con prudencia, alegría e ilusión". "Quen teña algunha desconfianza poderá comprobar que nunca é malo abrir procesos de participación e transparencia e en Galicia imos dar un bo exemplo", asegura.

Neste escenario, a Executiva Nacional do PSdeG e a dirección federal do PSOE disponse a poñer en marcha unha "comisión mixta" da que sairá o regulamento da votación. Esas xuntanzas, di Vázquez, servirán para "afondar na transparencia e na participación para vincular o voto ao candidato coa elección de delegados sempre de acordo cos estatutos", conclúe.

Pachi Vázquez, ante a prensa en Ferraz CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.