0 Gardados para despois

O director da CRTVG xustifica contratar a Isabel Pantoja e resístese a revelar canto custou

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A cantante Isabel Pantoja está incursa no coñecido como caso Malaya, acusada dun presunto delito de branqueo de capitais vencellado ao Concello de Marbella. No proceso xudicial, que xa está visto para sentenza, a Fiscalía pide para Pantoja unha pena de tres anos e medio de prisión e unha multa de 1,8 millóns de euros. Neste contexto foi no que, o pasado febreiro, a artista apareceu sobre o escenario do programa Luar da Televisión de Galicia, onde interpretou varias cancións -unha delas, A Rianxeira- e debullou as últimas novidades da súa vida familiar. O feito de que a cantante recibise cartos da canle pública malia á súa comprometida situación xudicial chegou este venres ao Parlamento en forma de pregunta ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que xustificou plenamente a actuación e o seu pagamento.

Sánchez Izquierdo acudiu á Cámara a instancias da deputada do BNG Montse Prado, quen lamenta que "unha persoa destas características sexa tratada de xeito preferente" na TVG. "Un medio de titularidade pública debe ser escrupuloso coas referencias das persoas que promociona nos seus programas", di a nacionalista, que reclamou coñecer "cales foron os criterios para decidir a contratación, quen tomou a decisión" e o seu "custe", dado que "cos recursos que saen dos impostos débese ser moi escrupuloso e non deben usarse para este tipo de fins". A parlamentaria rematou a sesión cunha xustificación, pero sen moita información.

Tras debullar algunhas das características xerais do programa Luar, "un espectáculo que ten como piares as actuacións musicais, o humor e a fórmula de poñer no escenario a tradición musical galega a carón de artistas españois e internacionais de gran nome", o máximo responsable dos medios públicos galegos considerou que a aparición de Pantoja "cumpre unha liña de continuidade", xa que "a señora Pantoja visita regularmente Luar " por "encaixar na filosofía do programa". Así, Sánchez Izquierdo subliña que nos últimos seis anos a tonadillera apareceu ata en dez ocasións no programa que presenta Xosé Ramón Gayoso nos últimos sete anos (2006-2013) . En canto ao custo, "a actuación desta cantante tivo lugar dentro dos parámetros habituais do seu paso polo programa nos anos anteriores" pero "aplicándolle un recorte significativo".

O director xeral defende que Pantoja actúe na TVG e subliña que acudiu ao programa dez veces nos últimos sete anos

Neste contexto, o directivo considera que un "veto" a Pantoja polo seu procesamento, "prexulgándoa", mesmo "podería levar un medio público a problemas legais". "A TVG manterase e mantense alerta diante de casos que se poidan considerar de alarma social e tomará as debidas precaucións pero non temos constatado o caso". Ademais, salienta, "estando aberto o proceso xudicial a televisión andaluza emitiu un recital de Isabel Pantoja o verán pasado". "Previamente", ademais, "estivo nunha canle como Telecinco".

Ante a primeira resposta, Prado volveu tentar coñecer o impacto da actuación nas arcas públicas: "que veña dicir que cobrou o habitual, furtando información que se lle demanda, é para tomar nota"; "estamos a falar da televisión pública e eu pídolle responsabilidades como deputada no Parlamento" para que a TVG non "colabore co lavado de cara" a Pantoja. Pero Sánchez Izquierdo resístese: aínda que a CRTVG "é unha empresa pública, os contratos teñen carácter bilateral e privado" e neste caso "síntome limitado a non airear publicamente as contías polo deber de discreción" e  tamén para "non prexudicar a súa intimidade e a capacidade de contratación da propia empresa". Así, o director xeral asegura estar disposto a "poñer á disposición" da deputada "o expediente" da contratación, pero non a revelar no parlamento o prezo pagado, que "foi un 25% máis baixo que en 2009", asegura.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Manipular os informativos "sería un esforzo bastante estúpido"

Como na práctica totalidade das sesións da comisión de control da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo tivo que responder tamén este venres ás preguntas da oposición sobre "manipulación" nos informativos da Televisión de Galicia, desta volta lanzadas dende a banda do PSdeG sobre as novas da operación Pokémon. "A manipulación é absoluta: dos tempos, dos cortes das declaracións do lugar que ocupan as noticias, da ocultación para non vincular o PP coa corrupción...", resumiu a socialista María Quintas. Como adoita, Sánchez Izquierdo rexeitou as acusacións, xa que manipular as novas sería "un esforzo bastante estúpido", considera.

Dende o convencemento de que a manipulación é un "concepto evanescente", o máximo responsable dos meidos públicos asegura que "o equipo de dirección da CRTVG non dá instrucións nin aos editores nin aos redactores sobre o xeito en que teñen que tratar os asuntos de interese  na escaleta dos informativos". Só se "transmiten", di, "prioridades de carácter xeral" para que haxa "coherencia" entre programas. Así, coida que "cando se fala de manipulación ou de darlles instrucións aos xornalistas, a TVG pasa a proba con nota", con "mostras" como que "un xornalista do Telexornal Serán fai unha nova con modificacións a respecto do Telexornal Mediodía". En calquera caso, coida que exercer esa manipulación serían "inútil" xa que actualmente hai recursos informativos como "corenta e tantas canles", "redes" ou "blogs".

AGE pide a "suspensión" das misas na televisión pública

Alternativa Galega de Esquerda vén de presentar unha iniciativa parlamentaria para reclamar que a TVG "suspenda, de xeito inmediato, as emisións dominicais de misas católicas" e os "programas relixiosos". "Estas retransmisións son un acto evanxelizador discriminatorio doutras confesións", di o deputado Juan Fajardo, quen ademais salienta que os actos católicos se transmiten na canle pública "mentres os colectivos a prol do laicismo non dispoñen dun só segundo". "A situación é tan incomprensíbel -abonda- que os domingos a Igrexa católica ocupa o dobre de tempo que o parlamento" na grella da Galega.

"Os medios e, polo tanto, os cartos públicos", di AGE, "non deben empregarse para o adoutrinamento relixioso", algo que acontece na TVG en casos como "o desprazamento de xornalistas as Roma" para "cubriren en directo a entronización dun novo Papa". "A televisión pública galega gasta cada ano arredor dun millón de euros en promover confesións relixiosas, en concreto católicas", di Fajardo, para quen isto "non é de recibo cando a Constitución vixente cualifica o Estado español como ‘aconfesional".