0 Gardados para despois

Feijóo pecha a lexislatura atrincheirado na "austeridade" e na crítica á oposición

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Fin de mandato. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, protagonizou este martes o derradeiro debate de política xeral da lexislatura dándolles ás súas intervencións un aire de balance final e apoiándose nas ferramentas dialécticas que o acompañan dende que accedeu á xefatura do Goberno galego: a gabanza da "austeridade" como principal valor da súa xestión e a crítica a PSdeG e BNG, tanto no que atinxe ao paso de ambas formacións polo Executivo como no referido á vida interna das formacións da oposición parlamentaria. Feijóo comezou a xornada cunha intervención dunha hora e media na que procurou dous titulares: a fusión de dous concellos, cuxos nomes non revelou pero que semellan ser Oza dos Ríos e Cesuras, e o adelgazamento de tres órganos consultivos: o Consello Económico e Social, que será diluído no Consello de Relacións Laborais, o Consello Galego da Competencia, que pasa ao Instituto de Consumo, e o Valedor do Pobo, que perde os vicevaledores. Se ben o primeiro dos anuncios, o da fusión municipal, logrou actuar como golpe de efecto malia non depender directamente da xestión da Xunta, a supresión de organismos ficou nun segundo plano ao longo da sesión. 

O presidente da Xunta tentou capitalizar o debate co anuncio da fusión de dous concellos, cuxos nomes mantivo na incógnita malia darse por feito que son Oza e Cesuras

Feijóo atopou diante del uns grupos da oposición que partían dunha diagnose máis ou menos común, a do "fracaso" de Feijóo nos que foran piares do seu Contrato con Galicia, isto é, a recuperación económica e, sobre todo, a inversión dos datos do paro, que xa se achega ao 19% e que, censuran socialistas e nacionalistas, medra en Galicia "o dobre" que na media do Estado. Para facerlles fronte ás argumentacións do socialista Pachi Vázquez e da nacionalista Ana Pontón o presidente botou man do, en palabras do líder do PSdeG, "debate do estado da oposición". Así, ademais de tentar nas feridas orgánicas que ambas forzas teñen aínda sen suturar, o xefe do Goberno contratacou con treitos da xestión dos gabinetes presididos por Emilio Pérez Touriño e José Luis Rodríguez Zapatero. Deste xeito, á petición de explicacións polo desemprego Feijóo retrucou que o medre do paro é "a metade" que co bipartito, ou á petición de paralizar definitivamente os edificios non construídos na Cidade da Cultura, lanzada polo Bloque, o presidente adxudicoulle á voceira nacionalista unha actitude "farisaica" porque a formación frontista cando gobernou non freou o complexo do Gaiás

Aínda que nunha menor medida que en debates anteriores no argumentario presidencial non faltou a xestión do Goberno socialista no Estado, xa sexa para ver "imposible" que o AVE chegue en 2015 -"antes apertaba ao ministro e agora afróuxalle á ministra", ironizou Vázquez- ou para explicar a situación de Novagalicia Banco. Segundo o relato do presidente, as dificultades da entidade resultante da fusión das antigas Caixa Galicia e Caixanova obedece esencialmente ao "boicot" impulsado dende o Goberno de España que Rajoy intentou evitar, asegura. Non obstante, mantén que NGB será quen de capitalizarse e manterá "os centros de decisión" en Galicia.

Suba de impostos ás rendas altas fronte a baixada para emprendedores

PSdeG e BNG propoñen máis impostos para as rendas altas, Feijóo anuncia unha baixada para emprendedores

Á marxe do tirapuxa dialéctico, todo semella indicar que a segunda sesión do debate, na que se discuten as propostas de resolución, isto é, as medidas concretas, tampouco haberá grandes acordos. Non en van, as propostas concretas lanzadas dende o PSdeG e dende o BNG apenas tiveron eco no xefe do Goberno. Boa mostra disto son as antagónicas posicións dun e doutros en materia fiscal. Tanto Vázquez como Pontón apostaron por unha suba do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) para as rendas máis altas. No caso da voceira nacionalista, esa proposta concretábase nun novo treito impositivo para os cidadáns que ingresen máis de 100.000 euros ao ano. Pola súa banda, o líder socialista completou o seu plan para incrementar a recadación da Xunta cunha taxa para os depósitos bancarios e novos impostos para centros comerciais e industrias contaminantes. O resultado, di Vázquez, podería chegar a ser duns 300 millóns de euros que a Xunta debería, ao seu xuízo, investir en políticas de emprego.

"Agora que a metade da banca está intervida, quérenlle poñer impostos. Para que os pague quen? Os contribuíntes, o Estado?", cuestionou o presidente. Fronte ás iniciativas socialista e nacionalista, Feijóo anuncia unha nova Lei do Emprendedor que incluirá deducións no propio IRPF para quen se incorpore ao censo de emprendedores ou para quen invista en novas empresas. Ademais, di, o imposto de sucesións e doazóns reducirase nun 95% para quen achegue cartos para o negocio dun fillo ou filla e o imposto de actos xurídicos documentados desaparecerá na transmisión de inmobles que teñan como destino ser un local comercial. O paquete, di, complétase coa "aprobación definitiva" da Axencia Tributaria de Galicia, cuxo primeiro anuncio por parte do gabinete de Feijóo se remonta ao outono de 2010.

Vázquez ve na austeridade un mero "mantra" do presidente, Pontón cre que "con amigos" como Feijóo, o país "non precisa inimigos"

Diante deste desacordo de partida en canto á xestión económica e ás vías para recuperar unha realidade que o presidente ve "crúa", Vázquez xulga "crítica" e Pontón observa "nefasta", Feijóo aférrase de novo á "austeridade". "Sabemos que a austeridade é imprescindible, non é ningunha fantasía" porque "fantasía era vivir sen austeridade". Para Pachi Vázquez, Feijóo limítase a invocar un "mantra" que "non lle interesa á cidadanía". Segundo o líder popular, o seu Goberno fai un continuo exercicio de "responsabilidade", que lle permite ser "solvente" e "pagar o que debe". "Aos que nacemos nas aldeas nos explicaron que pagar é fundamental, non queremos ser puferos", resume, nun contexto no que di non "deberse" a ninguén máis que "a Galicia" e no que "non mentirá nin un día, nin unha hora, nin un minuto" sobre a situación real do país. "Con amigos coma vostede, Galiza non precisa inimigos", resume Ana Pontón. Mentres, a Xunta mantén ata o final o suspense sobre o que Feijóo quixo que fose titular do debate. Ás once da mañá deste mércores a prensa está convocada no Pazo de Raxoi para asistir á recepción "aos alcaldes dos dous municipios da provincia da Coruña que decidiron a súa fusión".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O parador de Muxía, convidado inesperado dun pleno sobre o que pairou Novagalicia Banco

Como era de agardar, un dos elementos centrais no discurso do presidente da Xunta foi a relación co Goberno de Mariano Rajoy, cuxa chegada ao poder supuxo, en opinión de Feijóo, un "cambio sen precedentes" que beneficiou a Galicia ata o punto de mesmo "reforzar" o autogoberno, un factor que ve confirmado pola incorporación de 157 novos axentes á Unidade de Policía Adscrita á Xunta -a coñecida como Policía Autonómica-. Pero dende o propio Executivo central chegou un agasallo envelenado. Mentres en Compostela se desenvolvía o debate de política xeral, en Madrid o ministro de Industria, José Manuel Soria, anunciaba nun ciclo de conferencias de Intereconomía que a construción de novos establecementos da rede de Paradores ficaba paralizada e, polo tanto, o parador de Muxía prometido polo Goberno de José María Aznar tras o afundimento do Prestige ficaba quedaba tamén bloqueado.

O anuncio de Soria foi un argumento que, como era de agardar, nin Pachi Vázquez nin Ana Pontón se resistiron a guindar sobre o presidente. Así, o líder do PSdeG convida a Feijóo a "ir a Muxía" e "explicarlle á xente que quedan sen parador". "Se eu fose de Muxía, onde estaba a placa que puña parador, poría o seu nome e o de Rajoy" e indicaría que "estes foron os que lles quitaron o parador". Pola súa banda, Pontón censura que, "dez anos despois" da catástrofe do petroleiro, un goberno da mesma cor que a prometeu vete esta infraestrutura turística. O titular da Xunta retrucou á oposición asegurando que a súa "preocupación" polo Parador remóntase ao ano 2004 -ano da chegada de Zapatero ao poder" e conclúe que "non se pode paralizar" o que o Goberno socialista "nunca comezou". O bloqueo á construción é o "déficit de 100 millóns de euros" de Paradores. Non obstante, di, en resposta a Vázquez, "espero poder convidalo ao Parador de Muxía".

O outro gran asunto vinculado á relación co Estado foi o futuro do sistema financeiro galego e as dificultades de Novagalicia Banco, responsabilidade, segundo Feijóo, do anterior gabinete socialista. Ligado a isto, tanto Vázquez como Pontón instaron o presidente a ofrecer xa "solucións" aos afectados polas participacións preferentes das antigas Caixa Galicia e Caixanova, o produto financeiro que deu lugar ao corralito que ten "atrapados" 1.200 millóns de euros dunhas 100.000 persoas. Como xa fixera en sesións parlamentarias anteriores Feijóo responsabiliza do acontecido esencialmente ao bipartito -as preferentes comezaron en 2003 e remataron en 2011- e asegura que ofrecerá solucións ao problema pola vía xudicial.

Vázquez: "Se o máis importante que ten que dicir é que dous concellos se fusionan, estamos bos"

Como xa acontecera no debate de política xeral de 2011 Pachi Vázquez optou por un ton máis pausado do habitual para expor un discurso no que combinar os reproches á xestión de Feijóo coas propostas que poidan facer ver o PSdeG como alternativa de Goberno. Nesta liña, e co Congreso Nacional do PSdeG acabado de gañar, Vázquez insta o presidente a "deixar paso" se "non é quen de botar a andar este país". "Hai moita xente con gañas de facelo", asegura.

Neste contexto, o secretario xeral dos socialistas centrou boa parte do seu discurso na área económica e social, polos "recortes" dun goberno que "en vez de centrarse na resolución dos problemas e atender ás necesidades da cidadanía, dilapidou o tempo e os recursos en facer oposición da oposición, desmontar o que estaba feito e mirar cara a atrás". "Os galegos están en condicións de denuncialo por incumprimento de contrato", ironizou Vázquez a respecto das promesas de Feijóo en campaña

Tres anos despois do inicio da lexislatura, Vázquez concédelle ironicamente a Feijóo a capacidade de "Sorprendelo". "Non sei se cre o que di ou veu rir dunha parte dos galegos", xa que, afirma, o xefe do Goberno galego chega a "un nivel de retorcemento" de datos como o paro e as listas de espera sanitarias que "é quen de dicir calquera cousa". "Non sei se vivimos na mesma Galicia, eu véñolle falar da Galicia dos 68.000 parados máis e dos 15.000 comercios pechados dende que goberna vostede".

"Vostede de resolver os problemas dos galegos non quere falar", lamenta Vázquez, que tamén reservou un treito das súas intervencións para reivindicar o labor do goberno bipartito para, por exemplo, asegurar que "grazas a nós cabo Touriñán segue sendo unha marabilla para este país que vostedes están empeñados en estragar". Malia á imaxe ofrecida por Feijóo, o socialista traza un panorama no que "un médico non pode operar a dous a un tempo" e no que "cando a alguén lle quitan o que lle sobra pódese chamar austeridade", pero "cando lle quitan o indispensable, póñeno na pobreza".

Pontón: "Cada vez máis galegos están asinando o seu finiquito, despediríano sen indemnización"

Un goberno "sen corazón e sen alma". Así ve a portavoz do BNG no Parlamento, Ana Pontón, ao Executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo tras "tres anos de escusas". Trátase, para a nacionalista, dun Goberno "insolvente" en todas as acepcións do termo e sobre todo na económica, cunha débeda que se "triplica" e "dilapidando o aforro orzamentario" para "pagar gasto corrente". Nun discurso con vocación de panorámica da lexislatura, Pontón esforzouse especialmente en destacar os incumprimentos da Xunta sobre todo en áreas sensibles como a sanidade. Feijóo, di "vive noutra dimensión", e é quen de anunciar que "vai pasar á historia como defensor da sanidade" cando realmente incrementan as listas de espera ata o punto de chegar a habelas na antención primaria, exemplifica.

A rebaixa nas prestacións sociais é, a xuízo da nacionalista, un dos principais reproches que cómpre facerlle a un presidente que "puxo a Xunta ao servizo da campaña electoral" do PP e que agora ten como "obsesión" non "causarlle problemas a Rajoy". Así, por exemplo, Pontón lembra que quedan no caixón promesas como a construción dun centro de día para persoas dependentes en cada concello de máis de 1.500 habitantes. Fronte a esas restricións, o xefe do Goberno é "pioneiro" no apoio ás "asociacións ultracatólicas como a Red Madre", afirma. "A súa política si que é violencia estrutural contra as mulleres", di, parafraseando o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, para afirmar que os recortes sociais afectan especialmente á muller.

No capítulo de propostas Pontón centrouse especialmente na área económica, tanto no que atinxe a un incremento fiscal para as rendas máis altas como na institución dunha banca pública. Ademais, formula unha "contraoferta" para evitar recortes aos empregados públicos con vías de aforro como a supresión das deputacións. Con todo, non agarda a nacionalista que as súas propostas teñan eco no que, afirma, é "o peor goberno da historia" de Galicia. Na súa opinión, "cada día que pasa son máis os galegos que teñen asinado o seu finiquito e están pensando en despedilo sen indemnización". "A causa é obxectiva, é vostede o peor presidente de Galiza", conclúe.

Feijóo incendia o hemiciclo descualificando a Vázquez e Pontón

Mentres que o primeiro treito do debate de política xeral estivo caracterizado, en xeral, por un ton de luva branca, o presidente da Xunta subiu a temperatura da discusión contra o final, motivando fortes protestas dos parlamentarios da oposición. Así, por exemplo, Feijóo deu en dubidar da capacidade de "lectura" de Pachi Vázquez: "comprendo que estudar é un pouco complicado, pero paga a pena. Iso de non ler ten os seus problemas”, espetoulle, dando lugar a sonoras queixas dende as bancadas socialistas.

Con todo, o ton bronco do xefe do Goberno non foi só dirixido ao PSdeG. Así, na súa resposta ao Bloque instou os nacionalistas a non velo como "inimigo de Galicia", xa que de "despeidr á xente" e de "inimigos" xa ten o BNG "bastante". "Teñen bastante de pensar que a UPG é o partido do futuro de Galicia", insistiu. Nun sentido semellante, ante os reproches de Pachi Vázquez por ser "a persoa que máis dano lle fixo á lingua galega", o presidente asegurou ter lido "con moito interese os debates interesantísimos -asegurou con sorna- que tiveron esta fin de semana" no Congreso Nacional do PSdeG. Quen lle "dicía" a Pachi Vázquez que "tiña que darlle un xiro ao galeguismo perdeu o congreso por 33 votos". "Se quere saber o galeguista que son, vaia ver onde nacín", recomendou.

Este mesmo ton foi o empregado tamén polo presidente para, por exemplo, dubidar dos "coñecementos" do voceiro do PSdeG, Abel Losada, en materia económica, ou para atribuír a paralización da reforma do Estatuto de autonomía á "falta de cohesión" interna de socialistas e nacionalistas.

Os voceiros valoran o discurso de Feijóo

A voceira do BNG, Ana Pontón, lamenta que Feijóo non formulase ningunha proposta para facerlle fronte á crise e destaca que é "a primeira vez" que un presidente non menciona a lingua galega no debate de política xeral

CC BY-SA Praza Pública

O voceiro do PSdeG, Abel Losada, lamenta que Feijóo siga instalado na "ortodoxia máis conservadora" e non ofreza "solucións" para o desemprego e a crise. "Máis do mesmo", afirma.

CC BY-SA Praza Pública

O voceiro do PP, Pedro Puy, valora o "realismo" de Feijóo ao facer balance dos seus tres anos de goberno.

CC BY-SA Praza Pública