0 Gardados para despois

A modificación de normas de Fraga e do bipartito ocupa un terzo das leis de Feijóo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Non vimos derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores". O 14 de abril de 2009 o daquela candidato á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresaba deste xeito no debate de investidura o espírito do que sería o seu futuro Goberno. O seu gabinete fuxiría de revisionismos para, "sen rancores nin dogmas", "coller o relevo" á fronte do país e poder entregalo, "cando corresponda", "coa tranquilidade que dá o deber cumprido". Tres anos despois de que o líder conservador pronunciase as tres palabras e ás portas do que podería ser o derradeiro período de sesións da lexislatura -seráo se, como todo semella indicar, as eleccións se celebran en 2012-, o balance das leis impulsadas pola Xunta que dirixe Feijóo é o mesmo que ao remate do seu primeiro ano de goberno: unha de cada tres leis continúan a ser modificación de normas anteriores, esencialmente do bipartito e, en menor medida, do Executivo de Manuel Fraga e do tripartito do socialista Fernando González Laxe.

Feijóo, en 2009: "Non vimos derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores"

Foi nos primeiros meses de mandato do PPdeG cando as reformas foron máis intensas. En apenas sete meses de mandato efectivo os conservadores modificaron ata sete normativas, algunhas delas cun carácter especialmente simbólico na xestión do bipartito. Así, nos primeiros compases do retorno popular desaparecía da Lei da Función Pública a obrigatoriedade de realizar en galego cando menos un exame de cada oposición da Xunta e a Lei pola que se regula o aproveitamento eólico botaba por terra o decreto co que a extinta Consellería de Innovación e Industria tentara regular o sector. Ademais, nese mesmo ano o Goberno galego mudou en dúas ocasións aspectos da Lei de Pesca, tamén do bipartito, e alterou a Lei de Réxime Financeiro, de Fraga, a Lei de Comercio Interior, do tripartito, e a Lei de Caixas, aprobada tamén por Fraga e modificada previo acordo co BNG.

Despois de que o primeiro ano de xestión rematase cun pobre balance de normas novas -deixando a un lado os preceptivos Orzamentos Xerais, só se levou adiante a lei para renovar as concesións de transporte público e outra para realizar modificacións tributarias-, en 2010 o gabinete de Feijóo si desenvolveu con maior intensidade iniciativas novidosas, aínda que cunha forte presenza das modificacións; non en van, 5 das 11 normas que recibiron o visto e prace do Parlamento foron mudanzas de leis precedentes.

Neste caso, as modificacións tiveron un abano diverso de orixes, dende o roteiro político do Goberno ata normativas da Unión Europea ou os avatares do sector financeiro. Así, por exemplo, a Xunta modificou máis de vinte leis á vez coa denominada Lei Ómnibus para así cumprir coa esixencia de adaptar a lexislación galega á ditados da UE. Ademais, o proceso de fusión de Caixa Galicia e Caixanova foi o marco para un novo cambio na Lei de Caixas e cuestións esencialmente administrativas deron lugar á reforma da Lei de Gardacostas. Maior contido tiveron os trocos na Lei de de Ordenación Urbanística, que flexibilizou a construción no ámbito rural, ou na Lei do Traballo en Igualdade, que trouxo consigo a fin do Servizo Galego de Igualdade do Home e da Muller.

Leis políticas e 'de autoconsumo'

Foi en 2010 cando o Goberno comezou, a efectos prácticos, a despregar o seu programa de Goberno e tamén cando pasaron a formar parte do ordenamento xurídico galego dúas iniciativas lexislativas populares -normas promovidas por grupos de cidadáns- que quedaran pendentes da lexislatura anterior. Entre esas primeiras medidas figurou a lei que rebaixou o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na compra de vivenda ou a lei do catálogo de medicamentos, apoiada polos nacionalistas e que daría lugar a un forte conflito da Xunta co Goberno central, aínda presidido por José Luis Rodríguez Zapatero.

En 2011 a Xunta reformulou o Banco de Terras e situou o control do déficit no centro da xestión

Nese mesmo ano comezou tamén outro dos que pretenden ser emblemas da xestión de Feijóo: a reestruturación do funcionamento interno da Xunta en aras da "eficiencia" e da "austeridade". Esas foron dúas das intencións que o Goberno galego proclamou nese ano para impulsar a Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público (Lofaxga), unha norma de amplos contidos que mudou dende a estrutura das consellerías ata a dos entes paralelos, os coñecidos popularmente como 'chiringuitos'. No guión gobernamental teñen a mesma intención catro das leis aprobadas en 2011, un ano na que as modificacións de normas anteriores tiveron unha menor presenza -só foron dúas, unha delas a que reformulou o Banco de Terras- e no que o impulso lexislativo do Goberno foi, en boa medida, de 'autoconsumo', isto é, con sensible influencia no funcionamento da Administración pero con menor repercusión na vida diaria da cidadanía; é o caso, por exemplo, da Lei do Consello Galego da Competencia, da Lei de Patrimonio ou da Lei do Plan Galego de Estatística.

Non obstante, dentro desas normativas que poderían ser consideradas 'de autoconsumo' unha delas destaca polo seu fondo contido político: a Lei de Disciplina Orzamentaria. Anticipándose á modificación da Constitución aprobada o pasado verán esta regulasmentación sitúa o control do déficit no centro da acción do Goberno priorizándoo sobre o investimento ou, por exemplo, sobre as áreas sociais da xestión. 

É con este currículum co que chega o Goberno de Feijóo ao que podería ser derradeiro da lexislatura. Á espera de coñecer o calendario electoral do presidente, o propio Feijóo avanzou nos últimos días a súa intención de aprobar ata vinte e tres novas leis, un obxectivo que semella pouco menos que irrealizable no caso de que os comicios se celebren o vindeiro outono. Neste paquete o xefe do Executivo inclúe algunhas das normas que o seu Goberno considerara "urxentes" ao inicio da lexislatura, como a Lei de Publicidade Institucional.


Leis aprobadas dende o inicio da lexislatura
  Novas Modificacións Total
2009 3 7 10
2010 11 5 16
2011 13 2 15
Total 27 14 41

 

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

O presidente da Xunta asegura, tras o Consello da Xunta, que pechará a lexislatura con máis leis aprobadas que o Goberno bipartito.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Tres anos de reformas lingüísticas

Ademais de desbotar calquera tentación revisionista, no seu discurso de investidura en abril de 2009 Alberto Núñez Feijóo lanzou tamén outra promesa. O seu goberno, aseguraba o daquela futuro presidente, levaría baixo o brazo "un programa de acción" para "superar os estériles antagonismos e disensións ideolóxicas". Para Feijóo, as ideoloxías, malia seren "lexítimas", non poden ser "murallas insalvables". Este precepto xeral estendíao o presidente con especial vehemencia á cuestión lingüística. Co retorno do PPdeG remataría a "imposición" e retornaría o "consenso" e a "cordialidade lingüística", comezando "polas aulas".

As intencións formuladas por Feijóo hai case tres anos xa colisionaron coa realidade en diversas ocasións. Así, no relacionado coa lingua, unha das primeiras accións da actual Xunta foi reformar a Lei da Función Pública para eliminar a obrigatoriedade de realizar, cando menos, un exame de oposición en galego en cada proceso selectivo. Fóra do plano estritamente lexislativo, o Parlamento foi escenario de intensísimos debates a conta da aplicación do chamado decreto do plurilingüismo, norma que botou por terra o "mínimo" do 50% das materias escolares impartidas no idioma propio de Galicia e que deu lugar a multitudinarias protestas no primeiro treito da lexislatura.

Foron precisamente as proclamas lingüísticas dos populares na campaña electoral de 2009 -na que  buscaron o apoio de grupos como Galicia Bilingüe para, como teñen recoñecido dirixentes populares posteriormente, frear a entrada de UPyD en Galicia e 'pescar' nos caladoiros electorais máis conservadores- as que deron lugar a outra controvertida normativa, a Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa. Esta norma constitúe todo un caixón de xastre lexislativo no que se inclúen cuestións como o recoñecemento do profesorado como autoridade pública, pero no que tamén se dá sustento legal ás enquisas para que as familias do alumnado condicionen o reparto de materias entre galego e castelán.

A primeira iniciativa cidadá, contra o aborto

Alén da lingua -un asunto arrefriado polos populares, a comezar polo propio presidente, no segundo treito da lexislatura-, tamén contan cun marcado matiz ideolóxico, cando menos, outras dúas leis. A primeira delas é a que "establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada", froito dunha iniciativa lexislativa popular impulsada pola Red Madre, marca coa que o Foro Español de la Familia impulsou medidas semellantes en diversas Cámaras autonómicas. Entre outros preceptos, esta normativa implica o financiamento de propaganda antiabortista con fondos públicos ou a xestión por parte deste colectivo de servizos de atención á muller. A pasada semana, o Consello da Xunta puña en marcha un plan para desenvolver a lei, se ben Feijóo preferiu non concretar o seu custe económico.

A segunda lei de marcado cariz ideolóxico tamén ten que ver co ámbito familiar. A Lei de Apoio á Familia e á Convivencia, aprobada a comezos de 2011, recibiu o visto e prace cos únicos votos do PPdeG en medio da controversia e cun ditame negativo do Consello Económico e Social que, a grandes trazos, alertaba da intención da Xunta de devolver as mulleres a "roles tradicionais", como o coidado dos fillos e das persoas de avanzada idade, para así "aforrar" en "servizos sociais".

Feijóo asegura que superará o bipartito en produción lexislativa

Xunto ás catro normas que actualmente se atopan en tramitación parlamentaria (as leis de bibliotecas, de protección das persoas consumidoras, do deporte e da Área Metropolitana de Vigo), o presidente da Xunta arranca o que podería ser o derradeiro período de sesións completo da lexislatura marcándose un ambicioso obxectivo que, de cumprirse, suporía un verdadeiro exercicio de 'sprint' lexislativo. Segundo o manifestado por Feijóo ao remate do Consello da Xunta do pasado xoves a intención do Executivo pasa por impulsar ata vinte e tres novas leis. Non obstante, o xefe do Executivo introducía ante os medios o matiz de que esas leis serán aprobadas polo Parlamento "ou polo Goberno", o que podería dar lugar á técnica empregada xa polos seus antecesores no cargo, dar luz verde a anteproxectos de lei pouco antes das eleccións sen tempo para completar o trámite parlamentario.

Atendendo aos plans presidenciais, chegarían ata o Pazo do Hórreo de aquí aos comicios leis como a de Estradas -que xa recibiu o visto e prace do Consello- e outras de moi diversos ámbitos. Di Feijóo que estes textos lexislativos irán dende a Lei de Discapacidade á Lei de Xuventude, pasando por unha Lei de Medio Rural ou outras prometidas tanto polo Goberno do PPdeG como polo bipartito, a Lei de Publicidade Institucional e a Lei de Montes. Ademais, o Goberno ten previsto elaborar unha nova Lei da Xunta e do seu Presidente, sen que polo momento transcendesen os cambios que prevén introducir nela.