0 Gardados para despois

Os alcaldes de Oza e Cesuras reducen a "intencións" a fusión que Feijóo deu por feita

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"O titular é moi bo". O alcalde de Oza dos Ríos, Pablo González, resumía deste xeito o efecto creado en apenas vinte e catro horas polo anuncio, lanzado polo presidente da Xunta no debate de política xeral, do anuncio do seu municipio co lindeiro de Cesuras. Pero a pólvora dialéctica disparada por Alberto Núñez Feijóo no seu discurso ante o Parlamento mollouse vinte e catro horas despois ao saír á palestra os "protagonistas" da operación, o propio alcalde de Oza e o seu homólogo de Cesuras, Julián Lucas. Convocados polo xefe do Goberno no Pazo de Raxoi, escenario das grandes solemnidades do Goberno galego, os rexedores botaron man de realismo para explicar que á súa unidade aínda lle queda moita tea que cortar e polo momento non é máis ca unha "intención", sinala González. Aínda que ambos amosan total disposición a constituír un único municipio, Lucas advirte de que este é "o inicio do proceso", un "primeiro paso" cuxa saída á luz pública se precipitou pola propia intervención do presidente, este martes ante os parlamentarios.

"A cousa deuse por feita, pero estamos no inicio", di o alcalde de Oza

Fronte á concreción de Feijóo, que no seu discurso deu por feito que a fusión sería "unha realidade neste 2012", os alcaldes arrefrían as expectativas tamén en canto a prazos ou no referido a detalles como o nome do municipio resultante. "Xa o veremos", responden. "A cousa deuse por feita, pero estamos no inicio", insiste o rexedor de Oza ao ser preguntado polo horizonte temporal da unión. Neste contexto, o precipitado do anuncio obsérvase tamén no feito de que en Cesuras a oposición municipal, formada por tres edís do BNG e un do PSdeG, tivo coñecemento da posible fusión na propia mañá deste mércores. "Díxenllelo esta mañá, non sabía que o ían adiantar vostedes", recoñeceu Julián Lucas en resposta aos xornalistas.

Inicialmente concibida como unha comparecencia sen preguntas, a solemnidade do acto veu da man do presidente. Nunha intervención na que introduciu un treito en castelán pola presenza das cámaras de televisións de ámbito estatal o xefe do Goberno galego tentou situarse como referencia estatal. A súa intención, afirma, é "trasladar a vontade expresada de forma solemne, diante de toda Galicia e para España" para iniciar a "adaptación da planta municipal de España". "Abrimos dende Galicia o reordenamento dun novo mapa municipal" para adaptar a estrutura dos concellos "do século XIX ao século XXI". Coa mesma terminoloxía na que asentou o seu discurso no debate parlamentario, o verbo máis conxugado polo presidente é "anticipar". O seu Executivo, di, favorece que Cesuras e Oza se "anticipen, con valentía e sen imposicións".

Feijóo tenta situarse como referencia do "novo mapa municipal" do Estado

Malia á escenografía orientada á pasar á posteridade o propio Feijóo deixa entrever que a fusión non está nin moito menos pechada. Partido da base de que "a maioría dos galegos está a favor das fusións", os alcaldes van ter "todo o apoio da Xunta, con independencia de como resulte" a negociación entre os concellos. Que estean dispostos a iniciar as conversas é, para o titular da Xunta, mostra de que hai "vida intelixente nos concellos e nos políticos locais". Con todo, o líder popular deixa sobre a mesa unha distinción: "esta iniciativa non parte de ningún político, esta iniciativa parte dos alcaldes que conforman os seus municipios".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Como se fusionan dous concellos?

A fusión de dous concellos está regulada esencialmente por dúas normativas, a Lei estatal de Bases de Réxime Local e a Lei de Administración Local de Galicia. O texto estatal, promulgado en 1985, establece que a "creación ou supresión de municipios" ou a alteración das súas lindes "se regulará pola lexislación das comunidades autónomas". "En todo caso", sinala o texto legal, este tipo de operacións requiren a "audiencia dos municipios interesados" e un "ditame" do Consello de Estado ou dos "órganos consultivos superiores" das autonomías, no caso galego, do Consello Consultivo. Á marxe destes preceptos, a lei establece ademais a consideración xeral de que o Estado, "atendendo a criterios xeográficos, sociais, económicos e culturais poderá establecer medidas que tendan a fomentar a fusión de municipios" para "mellorar a capacidade de xestión". Todas estas decisións, especifica, corresponden aos plenos municipais.

Na liña do ordenado pola Lei de Bases, a Lei galega de Administración local detalla en que consiste unha fusión municipal, isto é, "o resultado da súa unión, de xeito que se produza a desaparición de todos eles, creándose un novo no que o ámbito territorial e a pobiación se corresoondan coa suma dos municipios fusionados". "Como consecuencia da fusión, o novo ente poderá manter a denominación de calquera dos municipios ou establecer unha nova, explica. Neste sentido, "tanto a denominación como a capitalidade do municipio resultante" deberán "ser propostas dende o comezo do procedemento por parte dos municipios orixinarios", unha proposta que, no caso de Oza dos Ríos e Cesuras, aínda non existe.

Entre as posibles causas que motiven unha fusión a lei detalla diversos supostos: que "se confundan núcleos de poboación que sexan capitalidade" de dous concellos, cando "separadamente carezan de recursos suficientes para atender os servizos mínimos" ou "cando existan notorios motivos de necesidade ou conveniencia económica ou administrativa", entre outros. Se "concorren" estas causas, o "expediente de fusión" pódese iniciar "a instancia dos municipios interesados ou de oficio por parte da Xunta". Se o fai a Xunta, o Goberno galego ten que garantir "o investimento para o primeiro establecemento para os servicios mínimos".

Se Oza e Cesuras chegan a unirse darían lugar a un novo concello de 5.454 habitantes, isto é, superarían o umbral dos 5.000, relevante para a obtención de recursos doutras administracións. Se ao final ambos gobernos municipais chegan a un acordo non terían problemas para sacar adiante a decisión nos seus respectivos plenos, xa que o PP conta con 7 dos 11 concelleiros en Cesuras e con 8 dos 11 de Oza dos Ríos.