Pachi Vázquez: “Se Galicia soubera isto antes, Feijóo non sería presidente”

Pachi Vázquez, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, foi entrevistado esta mañá en RNE, nunha conversa que xirou a maior parte do tempo ao redor do escándalo das fotos de Alberto Núñez Feijoo co narco Marcial Dorado. Para Vázquez as explicacións dadas por Feijóo este luns "carecen de verosimilitude" por dicir "que en Galicia ninguén coñecía a Marcial Dorado no ano 95, cando no ano 90 os medios de comunicación facían grandes titulares situando a Dorado entre os grandes narcotraficantes galegos". Pachi Vázquez salienta que “non son só fotografías. É algo que pasou e que forma parte da historia máis negra que podemos ter no recente pasado de Galicia e Alberto Núñez Feijóo estívoas agochando de maneira interesada ata agora que saen á luz”.

Esixiulle que compareza no Parlamento e amose as "facturas cos testaferros” do tempo en que era secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade e secretario xeral do Sergas, entre 1992 e 1998

O líder dos socialistas galegos asegura que “se Galicia soubera isto antes, Feijóo non sería presidente” e esixiulle que compareza no Parlamento e amose as "facturas cos testaferros” do tempo en que era secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade e secretario xeral do Sergas, entre 1992 e 1998.

Vázquez engade que “das declaracións de Feijóo sorprende que non lle teña pedido perdón aos galegos" e critica "esa brabuconería de dicir que ninguén o amedrenta, cando aquí non se trata diso, trátase de explicar. E se o argumento é que non coñecía quen era Marcial Dourado, todo o que ven detrás cáese coma un castelo de naipes, porque iso non o cre ninguén. Cando fala do seu amigo Manolo Cruz, hai que dicir que este era o testaferro de Marcial Dorado. Compraba gasolineiras e as poñía a nome de Marcial Dorado”.

"Cando fala do seu amigo Manolo Cruz, hai que dicir que este era o testaferro de Marcial Dorado. Compraba gasolineiras e as poñía a nome de Marcial Dorado”

Vázquez afirmou que “en lugar de botar balóns fora, el ten que asumir un papelón: mentres Galicia a recorrían familias destrozadas loitando contra o narcotráfico, Alberto Núñez Feijóo estaba no iate con Marcial Dorado, recorrendo Andorra, Portugal e seguro que outros países de Europa. Co maior narcotraficante de Galicia". E lembrou que “no ano 93, só na área sanitaria de Vigo morreron 103 persoas por drogadicción. Estamos a falar de algo moi serio, dunha lacra que Galicia foi superando. Pero foron situacións moi dolorosas para o país”.

Pachi Vázquez concluíu dicindo que “se alguén me chantaxea ou me amedrenta vou á policía ou dou unha rolda de prensa. A toro pasado isto é unha desculpa”.

Pachi Vázquez, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.