0 Gardados para despois

O PP abre a porta ao copagamento na Xustiza e a oposición pide impostos para rendas altas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

Despois dos discursos, as propostas. Tras a primeira sesión do debate de política xeral, centrada nos discursos do presidente da Xunta e dos voceiros da oposición, a segunda e última xornada do pleno centrarase no debate das propostas de resolución, as iniciativas concretas que PP, PSdeG e BNG apostan por que fiquen como resultado da discusión parlamentaria. Como adoita acontecer os os grupos da oposición presentaron un amplo volume de propostas, 301 os socialistas e 100 os nacionalistas, a maioría das cales, con toda probabilidade, baterán coa maioría absoluta do PP. Pola súa banda, os conservadores rexistraron 48 iniciativas que, esencialmente, recollen as propostas lanzadas por Alberto Núñez Feijóo, se ben introducen algunhas novidades. Nomeadamente, a súa primeira proposta de resolución presenta evidentes ligazóns con medidas xa postas en marcha noutras comunidades autónomas gobernadas polos conservadores e xa suxeridas polo Goberno central. Atendendo ao texto, o resultado podería ser que fique a porta aberta ao copagamento na Xustiza.

Gallardón e Aguirre teñen coincidido en apostar por que a asistencia xurídica gratuíta deixe de ser universal

Concretamente, a proposta que o PP sacará adiante dará lugar a que a Xinta inste o Goberno central  a "analizar", xunto coas autonomías, "os aspectos nos que debe basearse a reforma" da lei de asistencia xurídica gratuíta. Trátase, aseguran, de que "se eliminen as disfuncións que se dan coa actual lexislación e se mellore a xestión, garantindo a prestación a aquelas persoas que carecen de recursos para litigar". A preguntas de Praza Pública a vicevoceiera popular, Marta Rodríguez, evita falar de copagamento e reitera que o seu único "obxectivo" é "garantir ás persoas que non teñen cartos que poidan acudir nas mesmas condicións daquelas persoas que si poden afrontar o pagamento dun avogado". Non obstante, o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, e dirixentes como a madrileña Esperanza Aguirre xa teñen falado abertamente que, a partir de certos umbrais de renda, deixe de existir o dereito a solicitar a avogacía de oficio. 

Á marxe da cuestión xudicial os populares aprobarán daranlle tamén sustento aos que Feijóo tratou de situar como grandes titulares do debate: as fusións municipais e a supresión dalgúns organismos consultivos. Horas despois de que os alcaldes de Oza dos Ríos e Cesuras confirmasen que a súa unidade aínda é só unha "intención", o PP reclamará o apoio da Cámara para "manifestar" o "apoio" a "todas aquelas iniciativas tendentes a acadar a fusión voluntaria entre concellos". Do mesmo xeito, aprobarán finiquitar os vicevaledores do Valedor do Pobo, o Consello Galego da Competencia e o Consello Económico e Social. Non obstante, mentres que o presidente formulou que estes organismos fosen diluídos respectivamente no Instituto Galego de Consumo e no Consello Galego de Relacións Laborais, o PP matiza agora que se trata de realizar unha "integración".

Á marxe destes asuntos todo semella indicar que tamén suscitará debate coa oposición a proposta que os populares centran na política lingüística. Entre outros preceptos, esta iniciativa sinala que "para axudar á transmisión da lingua ás xeracións futuras de galegas e galegos, as políticas lingüísticas apoiaranse nas novas tecnoloxías e prestarán especial atención aos segmentos de idade correspondente á infancia e á xuventude". Mentres, tanto socialistas como nacionalistas coinciden en reclamar a aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade en 2004, e os nacionalistas abondan ademais na necesidade de derrogar o denominado decreto do plurilingüismo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Novas taxas á banca, fomento do emprego e memoria histórica

O voceiro socialista no Parlamento, Abel Losada, subirá á tribuna na segunda xornada do debate de política xeral para defender un paquete de máis de trescentas propostas de resolución que comezan por recoller as iniciativas xa lanzadas por Pachi Vázquez no seu discurso. Así, aínda que con practicamente nulas posibilidades de seren aprobadas polo PP, o PSdeG defenderá un "sistema fiscal máis xusto" con máis "progresividade", cun incremento do IRPF para as rendas máis altas. Ademais, os socialistas reclamarán a presentación dun proxecto de lei "para establecer unha imposición sobre os depósitos da banca", "imposibilitando o traslado deste gravame aos seus clientes", unha proposta que o PP xa avanzou que rexeitará.

O paquete económico que defenderá a formación que lidera Vázquez complétase coa petición de novas taxas en materia medioambiental e a posta en marcha dun sistema de bolsas para persoas desempregadas. Entre elas, apostan por crear "25.000 bolsas contrato de formación para mozos e mozas, dun ano de duración e unha contía de 500 euros mensuais". Ademais, en materia de vivenda, esixen que a Xunta impulse a recuperación das axudas ao alugueiro para a mocidade e que a entrega da vivenda abonde para saldar a débeda co banco das persoas que non poden facer fronte á súa hipoteca.

No ámbito institucional as propostas de resolución do PSdeG dedícanse, en boa medida, a instar ao Goberno de Feijóo a cumprir algunhas das promesas incluídas no seu programa electoral, caso por exemplo da Lei de Publicidade Institucional, considerada "urxente" polos conservadores no inicio da lexislatura pero que aínda non chegou á Cámara. Ademais, propoñen a reforma da lei de eleccións ao Parlamento para garantir a paridade nas listas, a través da situación alterna de homes e mulleres nas candidaturas dos partidos.

Ligado coa proposta de reforma electoral as propostas socialistas inclúen tamén iniciativas en materia de igualdade como a oposición á reforma da lei do aborto ou a supresión dos "anuncios de contactos" nos xornais impresos, un punto no que poderían confluír co BNG. Ese consenso cos nacionalistas poderíase producir tamén na petición de investigar as indemnizacións aos antigos directivos das desaparecidas Caixa Galicia e Caixanova, na esixencia de recuperar a gratuidade dos libros de texto ou na petición de posta en marcha de "medidas suficientes para impulsar a recuperación da memoria histórica" das persoas asasinadas na ditadura franquista.

Máis autogoberno e veto aos recortes

Blindaxe do público e máis autogoberno. Este podería ser un resumo das cen propostas de resolución que o BNG defenderá na segunda sesión do pleno de política xeral. A vicevoceira nacionalista na Cámara, Ana Luisa Bouza, foi a encargada de presentar un paquete de iniciativas que comezan coa reclamación de diversas transferencias de competencias ao Goberno galego, a comezar pola aplicación da vixente Lei de Policía, isto é, co despregamento da Policía Galega para substituír as actuais competencias das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, unha petición na que tamén coinciden os socialistas. Ademais, o Bloque defenderá que sexa a Xunta quen xestione directamente todos os servizos públicos de emprego, a inspección de traballo, a formación profesional e os aeroportos.

Como xa avanzara a voceira nacionalista, Ana Pontón, no seu discurso do primeiro debate, as "alternativas" nacionalistas poñen tamén o acento na necesidade de reverter a destrución de postos de traballo en Galicia. Así, por exemplo, pedirán o apoio da Cámara para sacar adiante un Plan de Emprego Xuvenil e outro dedicado ao emprego das mulleres, tal e como esixe a Lei de Igualdade. Do mesmo xeito, o BNG considera que é posible contribuír a mudar a actual situación de crise econonómica incrementando a capacidade de recadación da Xunta mediante unha "refomra integral do sistema tributario", coa fin de "acadar un reparto máis xusto" das cargas entre os cidadáns. Nomeadamente, apostan por "rebaixar a 300.000 euros" o patrimonio exento no imposto de patrimonio e aplicar un tipo máis elevado no IRPF para as rendas superiores a 100.000 euros.

Segundo detalla a formación frontista, medidas como esta reforma fiscal permitirían frear a política de recortes, a comezar por derrogar a lei que reduce remuneracións e dereitos sociais ao persoal da Xunta, esixencia que tamén se inclúe noutra das propostas de resolución. Nesta liña, tamén se aposta por vetar os recortes no ámbito sanitario ou por reducir gastos "baleirando de contido" as deputacións provinciais mentres non poidan ser suprimidas definivamente.

Neste contexto tamén ocupan un lugar destacado nas propostas do BNG a petición de garantir o carácter laico de todos os actos e espazos públicos, o retorno da gratuidade dos libros de texto ou o freo definitivo aos edificios da Cidade da Cultura que están sen construír. No ámbito lingüístico, o Bloque aposta por derrogar o chamado decreto do plurilingüismo, aplicar o Plan Xeral de Normalización e incrementar a relación de Galicia coa lusofonía.