Feijóo atrinchéirase na súa versión das fotos co narco e non ve "contradición" co xuíz

Feijóo, no Consello deste xoves © Xoán Crespo

O pasado luns a sala de reunións do PP no Parlamento quedou pequena para acoller os e as xornalistas que ían cubrir a rolda de prensa do presidente da Xunta sobre as súas fotografías con Marcial Dorado publicadas por El País. Este xoves aconteceu o propio na habitual comparecencia dos xoves tras o Consello da Xunta. De pouco serviu que Alberto Núñez Feijóo ofrecese explicacións sobre asuntos de diversas áreas de xestión do Goberno e tampouco que se fixese acompañar do vicepresidente, Alfonso Rueda, que expuxo un proxecto de lei sobre racionalización da Administración autonómica. Os informadores lanzaron toda unha batería de preguntas a respecto da relación do narcotraficante co xefe do Goberno. A maioría rebotaron simbolicamente no atril presidencial.

Feijóo, visiblemente molesto por que a polémica monopolizase a súa comparecencia, optou por atrincheirarse na súa propia versión dos feitos, a que ofreceu tres días antes. Entre rostros de tensión dos seus máis estreitos colaboradores o xefe de filas da dereita galega aferrouse novamente ás declaracións ofrecidas polo xuíz Vázquez Taín -que encarcerou a Dorado en 2003- en diferentes medios de comunicación para proclamar que "a infamia rematou". Ademais, e malia ao baile de datas a respecto do seu último contacto co narco -el situouno a finais dos 90 e o maxistrado refire chamadas telefónicas alén do ano 2000-, Feijóo ve demostrado que non hai "contradición" ningunha. "Me remito ás palabras do xuíz" e faino ademais "palabra por palabra" subliñando, non obstante, que non falou con Taín "nos últimos meses". "A última vez que falei con el foi na entrega do Códice Calixtino".

Feijóo asegura que o seu relato e o do xuíz concordan "palabra por palabra"

"O xuíz falou con claridade meridiana", afirma, nun contexto no que, para calquera cuestión que non sexa o xa dito, se remite á súa comparecencia parlamentaria do vindeiro mércores que, promete, ha ser "interesante". Mentres, entre respostas máis ou menos iradas aos xornalistas -"é unha pregunta ou é unha afirmación?, espetou nunha das ocasións nas que foi cuestionado- o titular da Xunta amósase "convencido" de que "hai que estirar" as instantáneas de 1995. "Os que querían montar unha infamia non o poden seguir estirando agás que sigan na infamia", tamén ante as "explicacións dun presidente responsable na Cámara", di, en referencia a si mesmo.

O presidente obvia aclarar se concorda coa proposta de censura previa que lanza o seu homólogo madrileño

Os eventuais contratos asinados entre a Xunta e as empresas de Dorado, as semellanzas e diferenzas deste caso coas fotografías de Anxo Quintana que lle serviron ao PP para esixir a dimisión do nacionalista cando era vicepresidente... estas e outras cuestións ficaron no tinteiro, igual que a posición do presidente a respecto das palabras do presidente rexional de Madrid, Ignacio González, que na mañá deste mesmo mércores pedía, nunha entrevista na emisora de Federico Jiménez Losantos, "límites" nos contidos que poden publicar os medios de comunicación, xa que "todo vale a efectos de publicación" e, no caso de Feijóo, a información "estalle producindo un dano social no medio da opinión pública".

"Dado que isto tivo unha repercusión nacional, supoño que [Ignacio González] quedaría moi sorprendido cando ve unha cousa nun xornal e, ás corenta e oito horas, ve un pronunciamento dun xuíz noutro xornal", responde Feijóo. O presidente "supón" que "é impactante para calquera responsable público" coñecer ver unhas imaxes como as que el protagoniza. Non obstante, non di abertamente se concorda coa aposta por recuperar a censura previa.

Feijóo, no Consello deste xoves © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.