0 Gardados para despois

As fusións municipais de Feijóo baten con Baltar

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Primeiro a incineradora e agora, os concellos. Dous días despois de que o presidente da Xunta tentase capitalizar o debate de política xeral anunciando a fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras e cando apenas pasaron vinte e catro horas dende que os alcaldes de ambos municipios arrefriasen a operación reducíndoa a "intencións" o titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, decidiu poñerlle outra pedra no zapato a Alberto Núñez Feijóo. A preguntas dos xornalistas o tamén líder do PP ourensán protagonizou unha medida reacción na que, dende o "respecto" ao anuncio do xefe do Goberno galego, se desmarcou abertamente do roteiro marcado dende San Caetano.

Cando aínda ecoa o rexeitamento do pleno da Deputación á planta de tratamento de lixo inicialmente prevista pola Xunta para O Irixo Baltar coida que a primeira "reflexión" que cabe facer é "para que" serven as fusións municipais. El mesmo respóndese que o obxectivo -tamén marcado pola Lei de Administración Local- das unións debe ser "dar mellores servizos aos cidadáns". En Ourense, di, "iso veno facendo a Deputación dende hai anos". Recollendo o legado do seu pai Baltar sinala que a institución que preside é "pioneira" na prestación de "servizos intermunicipais, xestionados directamente polo goberno provincial". Nunha resposta nada casual, o popular  cita a "recadación municipal delegada" que a institución executa en "50 dos 92 concellos", a recollida de lixo en case medio cento deles ou o "ciclo completo da auga", ademais "doutras iniciativas" que, asegura, el mesmo presentará nas vindeiras semanas.

"A Deputación de Ourense é o maior fusionador de concellos, de facto, que existe en Galicia"

Neste contexto, Manuel Baltar faille envíalle o segundo recado do seu mandato a Feijóo. Pódense "aforrar custes mantendo a identidade política dos concellos" nun contexto no que, a xulgar polas xestións citadas, asegura, "podemos concluír que a Deputación de Ourense é o maior fusionador de concellos de facto que existe en Galicia". "Ese é o camiño", reitera para, a continuación, apoiar as súas palabras no discurso de Feijóo ante o Parlamento". "Como dixo o presidente Feijóo, hai dous tipos de fusión, a de facto e a real, nós vimos desenvolvendo a de facto". Así as cousas, asegura que se houbese algún tipo de "movemento voluntario" entre os municipios ourensáns de cara a unirse estaría "absolutamente a favor", pero os alcaldes da provincia "avogan por este tipo de servizos" prestados dende a Deputación. Por iso, di, "ningún alcalde de ningunha cor política" ten manifestado en Ourense a vontade de unirse a algún dos municipios veciños.

O presidente da Deputación de Ourense desmárcase da fusión de concellos que propón Feijóo e asegura que os alcaldes da súa provincia prefiren beneficiarse dos servizos da institución que el preside mentres manteñen "a identidade política".

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.