Para a oposición é “inescusable” que Feijóo compareza na comisión sobre a corrupción

Feijóo, nun intre da súa comparecencia © Conchi Paz

Haberá comisión parlamentaria de estudo da corrupción política. Pero o presidente da Xunta non comparecerá nela, polo veto exercido polo Partido Popular, que tamén vai colocar outros obstáculos no funcionamento da comisión, segundo denuncian os grupos da oposición. Este venres debatéronse as súas normas de funcionamento e segundo AGE "o PP está a confirmar as sospeitas de que non quere solucionar nin cambiar nada". O PP rexeitou as achegas presentadas polos grupos da oposición así como o debate dos cupos ou a posibilidade do voto cualificado.

Este venres debatéronse as súas normas de funcionamento e segundo AGE "o PP está a confirmar as sospeitas de que non quere solucionar nin cambiar nada"

Alternativa Galega de Esquerda considera "grave" que o PP continúa a mirar para outro lado ante un tema tan imporante como é a corrupción nas institucións "xa que está a atacar de xeito directo á cidadanía na actualidade e constitúe un problema estrutural do sistema capitalista". Yolanda Díaz insistiu en que "debe ser Feijoo o primeiro en dar explicacións" nesta comisión.

De igual xeito o socialista José Luis Méndez Romeu cualificou de “inescusable” a comparecencia de Feijóo na comisión. Méndez Romeu lembrou que Feijóo reúne a “dupla condición” de presidente da Xunta e do PPdeG, e máximo responsable de “adoptar decisións que están no corazón dos problemas de corrupción de Galicia, como o caso do Concello de Santiago". Para o PSdeG o presidente da Xunta “debera de abrir a quenda de comparecencias, pero non para que faga intervencións como a lamentable do pasado Pleno”. E sinalan que o Goberno “nega na Cámara o que ofrece en roldas de prensa, os datos son sistematicamente negados para ofrecelos deturpados e adulterados para desviar a atención sobre o presunto tráfico de influencias”.

Méndez Romeu advertiu que o veto do PP á comparecencia de Feijóo constitúe un “exercicio de ecapismo, ocultación e confusión” que provocará que “canto mais se agoche un asunto mais refulxa”

Méndez Romeu advertiu que o veto do PP á comparecencia de Feijóo constitúe un “exercicio de ecapismo, ocultación e confusión” que provocará que “canto mais se agoche un asunto mais refulxa”. Tamén acusou o PP de demostrar “desprezo” ao regulamento do Parlamento e ás resolucións expresas aprobadas pola Cámara e de crear un “caldo de escurantismo no que medran as condutas irregulares”.

Feijóo, nun intre da súa comparecencia © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.