Outra viaxe de Feijóo, outra "cortina de fume"?

Feijóo, durante a súa viaxe a México © Xunta

"Cortina de fume" e "manobra para desviar a atención". Así cualifica a oposición a viaxe que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realiza estes días a México. Moitas palabras e nada concreto. É o que se tira das noticias que o Goberno galego difunde desde a outra beira do Atlántico, ao destacar que o xefe do Executivo "apoia ante Peña Nieto a fase final das conversas entre Pemex e o naval galego para pechar novos contratos neste semestre", pero sen aclarar unha vez máis cando se comezarán a construír os floteis que se dan por "asinados" nin cando ou como se confirmaría a pretendida entrada da petroleira mexicana no accionariado dos estaleiros galegos.

Feijóo volve "apoiar" as "conversas" con México, pero segue sen poñer datas concretas para os encargos do naval

Así, a deputada ferrolá do PSdeG, Beatriz Sestayo, advertiu de que a viaxe é unha "cortina de fume" e que Feijóo regresará a Galicia “sen un só compromiso asinado, na mesma liña na que, por desgraza para moitos, nos ten acostumados”. A parlamentaria acusa o presidente de "condenar a morte a este sector estratéxico para Galicia” e de “rirse de milleiros de parados e dos que están a piques de estalo pola falta de pedidos". "Mentres, viaxa a México nunha clara manobra de desviar a atención despois de que se desen a coñecer as fotos en compañía do narcotraficante Marcial Dorado”, censura.

BNG e PSdeG ven na viaxe unha "fuxida" para "desviar a atención" tras a publicación das fotos de Feijóo co narco Dorado

A deputada pregúntase se os "presuntos contratos" asinados en campaña electoral con Pemex para a construción de dous floteis -e que tanta polémica crearon pola súa estrita confidencialidade- "quedaron no iate de Marcial Dorado". Malia que Feijóo anunciou xa en outubro o acordo e logo de que o Goberno previse o inicio dos traballos para principios de ano, nada se sabe nin en Barreras nin en Navantia destas dúas embarcacións. Por todo isto, Sestayo exixe a Feijóo "que deixe de tomar o pelo aos galegos e galegas estendendo a súa farsa a outros sectores determinantes para Galicia, como o lácteo, unha vez que o naval xa sabe das súas mentiras”.

Sestayo advirte que os acordos con Pemex inclúen cláusulas con condicións para concretar os pedidos

"Nada hai máis grave en democracia que utilizar as persoas para gañar unhas eleccións" e, neste sentido, citou os presuntos contratos dos floteis de Pemex, entre outros que agora xa se citan como “memorandos de entendemento de colaboración” nos que se contempla unha cláusula na que se fala de condicións económicas e oportunidade como cuestións determinantes á hora de concretar os diferentes pedidos “vendidos sen rubor ningún dende meses antes das eleccións autonómicas de outubro”.

Xavier Vence, voceiro do BNG, xa cualificara a viaxe de Feijóo a México como "unha fuxida das súas responsabilidades". "É improvisada porque non estaba prevista e non estba na axentada ata o día do debate no Parlamento sobre as fotos con Marcial Dorado", denunciara o voceiro nacionalista, nunha liña que tamén seguiu AGE.

“Ten pasado xa medio ano dende que Feijóo gañou as eleccións e aínda non se sabe nada do inicio duns pedidos que, aínda que claramente insuficientes, resultan de importancia para os estaleiros galegos de Barreras e Navantia”, engadiu a socialista Sestayo, que lembrou que en Ferrol xa hai máis de 2.200 persoas na rúa das empresas auxiliares pola inactividade dos estaleiros e persoal do principal enviada a Cartagena.

Sestayo aproveitou para esixir a Feijóo que “deixe de tratar de desviar a atención con viaxes carentes de contido” e “invista os recursos públicos en concretar co Goberno central e a SEPI, tal e como está aprobado polo propio Parlamento a instancia do grupo socialista, a construcción do dique flotante”, a verdadeira solución a curto e medio prazo para os estaleiros da ría de Ferrol. “Feijóo esqueceuse xa de falar do dique flotante, mentres Ferrol e a súa comarca desaparecen”, asegurou.

Feijóo, xunto ao presidente de México, Peña Nieto © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.