PSdeG e BNG levan ao Parlamento o "machismo" do alcalde popular de Barreiros

Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros © PP de Lugo

"As feministas deixan de ser feministas cando casan e os ateos deixan de ser ateos cando cae o avión no que viaxan". A sentenza lanzada polo alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente (PP) durante un pleno municipal vai chegar ao Parlamento. Despois de que o rexedor conservador se expresase nestes termos durante un pleno municipal para rexeitar a posición de PSdeG e BNG sobre o repagamento nos comedores escolares imposto pola Xunta, socialistas e nacionalistas veñen de trasladar ao Parlamento o seu malestar ao respecto. "Ante o silencio dos responsables do PP tras as declaracións do alcalde", o "único xeito de que se pronuncien ante un feito reprobable é levalo á Cámara galega", di o PSdeG.

Así as cousas, o Grupo Socialista preguntaralle ao Goberno galego no pleno do Parlamento se "comparte as afirmacións sobre o feminismo, o ateísmo e o comunismo realizadas por Alfonso Fuente e se teñen previsto tomar medidas ao respecto", xa que "os cargos públicos sempre, e máis nestes momentos, deben dar exemplo de tolerancia e sensatez ante a cidadanía". Ao tempo o BNG, a través das deputadas Carme Adán e Tereixa Paz, demandan un "posicionamento claro de rexeitamento ás palabras machistas" do alcalde. "Nun momento de ataque aos dereitos das mulleres, estas sentenzas veñen confirmar a involución social á que nos quere levar o PP", di o Bloque.

O rexedor asegura que non se trata de "declaracións miñas", senón "dunha frase que atopei en internet e empreguei no transcurso dun debate"

Neste contexto, o propio Alfonso Fuente saía este martes á palestra para asegurar que "esas non son declaracións miñas", senón "unha frase que atopei en internet e que empreguei no transcurso dun debate sobre os comedores escolares, cando BNG e PSOE o único do que estaban a falar era da igrexa e da banca". "Entón -di- aludín a esa frase para amosarlles a incoherencia da sociedade e das persoas", a "incoherencia de criticar á Igrexa e á banca e despois ser os primeiros en pedir os seus servizos", di. Segundo Fuente "todas as noticias que están a saír" sobre as súas verbas son "por culpa dunha persoa que asiste ao pleno, que nin é concelleira nin nada", en referencia á lider local do PSdeG, e que "non atende nin entende".

"Non son declaraicóns miñas nin as comparto; xa sei que non a todas as feministas lles pasa iso, nin a todos os comunistas lles pasa iso, nin a todos os ateos", toda vez que, teoriza, "hai xente que é atea e sen ningún problema". "O problema existe cando a xente di ser unha cousa e logo fai o contrario e iso é o que está a pasar coa oposición". Non obstante, e malia insistir en que non comparte as reflexións que el mesmo lanzou, abonda para explicar que "unha feminista o que non pode é cambiar o seu criterio no momento no que casa, e está pasando". "Iso foi o que lles quixen facer ver no pleno con esas tres frases sacadas de internet", afirma.

Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros © PP de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.