Industria di que o Estado agora si vai consultar á UE sobre o dique flotante

Corte simbólico de chapa nunha protesta do naval ferrolán © @BeatrizSestayoD

Enésima volta para o prometidísimo dique flotante de Navantia Ferrol. O director xeral de Industria, Ángel Bernardo Tahoces, acudiu este mércores ao Parlamento para responder unha nova pregunta sobre a crise do naval galego, neste caso do ferrolán, e máis concretamente sobre a tradución práctica que terán os cinco millóns de euros que o Goberno galego accedeu a incluír nos Orzamentos Xerais de 2013 para esta infraestrutura. Cos máximos responsables da empresa pública dicindo abertamente que non contemplan o dique e coa Comisión Europea confirmando que o Goberno español non realizou a indispensable consulta formal para saber se é legal construílo, Tahoces adentrouse de novo no bucle para asegurar que agora esa consulta si se vai producir.

"Levamos escoitado mentira tras mentira, anuncio tras anuncio; non se pode xogar coa desesperación da xente", reprochou a autora da pregunta, a socialista Beatriz Sestayo, para quen a "inmoralidade" do PP e, nomeadamente, a do presidente da Xunta "non ten límites". Feijóo, lembra, presentouse en campaña electoral como "garante do dique flotante", tamén prometeu un centro de reparacións do naval que crearía "2.000 postos de traballo". "Agora son 2.200 as persoas despedidas" durante a xestión "do mesmo presidente que anunciou remolcadores e quimiqueiros" de Pemex que tampouco dan chegado".

Sestayo: "Levamos escoitado mentira tras mentira, anuncio tras anuncio; non se pode xogar coa desesperación da xente"

"Non están respectando as formas nin un lexítimo Goberno de Galicia", retrucou o alto cargo de Industria antes de prometer que "en cuestión de días España vai presentar unha consulta formal á Unión Europea na que se lle vai preguntar se Navantia pode acometer a construción do dique flotante". A Sociedad Española de Participaciones Industriales (SEPI) ten "o compromiso de facer unha fronte común política e institucional para a posta en marcha dunha acción concertada ante a UE e conseguir o levantament dos impedimentos para a construción do dique flotante" e mesmo outro veto, o que impide a construción naval civil en Navantia Ferrol ata 2015. Se esa consulta ten "resposta favorable", os 5 millóns da Xunta "serán aplicados dun xeito inmediato para propiciar un pool investidor" para o dique, afirma.

"Gardo bastante máis as formas do que merecen", respondeu Sestayo, quen ademais subliña que o propio presidente de Navantia afirmou, nunha xuntanza con ela mesma, que "Bruxelas non é a escusa" para erguer ou non o dique. "Agora teñen que buscar unha nova mentira" porque cando Feijóo "prometái o dique flotante non falaba de Bruxelas, porque había campaña electoral". "Deixe de descualificarnos e únase a esa fronte común", insiste o director xeral quen, non obstante, tamén recupera a súa faceta de oposición ao bipartito para reprocharlle á deputada do PSdeG que "o señor Touriño e o conselleiro, señor [Fernando] Blanco non foron quen, en ningún momento, de sentar nunha mesma mesa" a todos os actores implicados para a construción do dique. O reloxo do naval segue a correr.

Sestayo, nun intre do debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.