O BNG pide acelerar o relevo do Valedor tras tomar partido nas fotos de Feijóo e Dorado

O ex Valedor (esquerda) e o seu substituto provisional CC-BY Praza Pública

José Julio Fernández leva case un ano como titular en funcións da institución do Valedor do Pobo. Asumiu esta responsabilidade tras a abrupta saída do posto de Benigno López, quen deu en dimitir despois dunhas controvertidas declaración nas que apostaba por "suspender" temporalmente a aplicación da Lei de Dependencia e consideraba os recortes aplicados dende os diferentes gobernos como "imprescindibles, xustos e necesarios". Aínda que cunha menor repercusión que o seu antecesor no cargo Fernández meteuse hai poucos días nunha considerable poza dialéctica, ao reflexionar ante a prensa que as fotografías de Alberto Núñez Feijóo co narco Marcial Dorado, publicadas por El País, carecen de "interese xornalístico". Apenas dez días despois, xa hai unha petición de dimisión sobre a mesa.

O BNG vén de rexistrar dúas iniciativas para acelerar o relevo pendente no alto comisionado parlamentario. Por unha banda, todos os deputados do Bloque asinan unha solicitude de inclusión dun novo punto na orde do día do seguinte pleno, o "debate e votación da proposta de cesamento do Valedor do Pobo en aplicación do suposto contemplado na Lei do Valedor" no punto 4 do seu artigo 5.1, isto é, "por notorio incumprimento das obrigas e deberes do seu cargo". Para os nacionalistas as declaracións de Fernández sobre as fotos de Feijóo e Dorado "exceden das súas competencias" e "vulneran claramente a súa obrigad e manter unha completa imparcialidade no debate e de non posicionarse do lado de ningún partido político nin cargo institucional".

"O Valedor toma claramente partido nun debate político", di o Bloque

"Esta actuación non responde á defensa de ningún interese nin dereito cidadán nin colectivo", di o escrito do BNG, senón que "vai alén dunha disertación teórica ou xurídica" sobre a liberdade de información, toda vez que "emite un xuízo concluínte sobre un asunto concreto que non se corresponde con ningún expediente ou asunto que fose sometido á súa consideración. "O Valedor toma claramente partido nun debate político que se está a producir no noso país en relación con este asunto", abondan.

Nun sentido semellante exprésase o BNG na outra iniciativa que vén de rexistrar, neste caso para tramitar tamén o cesamento e "iniciar os trámites para o mantemento dun novo Valedor ou Valedora". Se este plan chegase a realizarse implicaría o reinicio das conversas que os grupos parlamentarios xa abordaran a finais da pasada lexislatura. Dado o tenso clima político reinante cabe agardar que o relevo sería notablemente complexo, toda vez que a lei esixe maioría cualificada da Cámara -tres quintos dos escanos- para sacar adiante o nomeamento.

O ex Valedor (esquerda) e o seu substituto provisional CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.