A Xunta disponse a controlar máis o horario do seu persoal

Reunión do Consello que abordou a orde © Conchi Paz

A Xunta segue a poñer a lupa sobre os seus empregados e empregadas. Unha semana despois de botar a andar o anteproxecto de Lei do Empregado Público, a norma que, como detallou Praza Pública, someterá o persoal da Administración a unha caste de exame permanente, o Goberno galego traballa xa nunha orde para regular os horarios de traballo. Presentada como un informe -documento sen valor legal ningún- no Consello da Xunta deste xoves, o proxecto é amosado polo Executivo como o vehículo para regular, por primeira vez, o teletraballo en Galicia. Así e todo, todo semella indicar que traerá tamén consigo tamén unha marcaxe máis férrea do funcionariado e demais persoal.

Entre as figuras normativas que incorporará esta orde está a denominada "compensación horaria". Segundo a escueta información ofrecida polo Goberno galego este recurso "permitiralle ao empregado público a posibilidade de recuperar, dentro da súa xornada laboral diaria, o tempo de traballo efectivo non realizado". Este precepto, unido á implantación dos novos sistemas electrónicos de control de horarios e, á súa vez, á denominada "avaliación do desempeño", que escruta o labor individual de cada traballador e traballadora, podería derivar nunha compensación máis ou menos forzosa ou, pola contra, na perda do denominado complemento de desempeño, que substituirá o actual complemento de produtividade.

A "compensación horaria" servirá para "recuperar o tempo de traballo efectivo non realizado", segundo a información avanzada pola Xunta

Esta compensación horario "será incompatible" co modelo de "horario flexible" que incorporará esta orde. Esa flexibilidade horaria será unha das modalidades posibles para o persoal da Administración autonómica xunto co "horario xeral" e o "horario especial". O horario xeral é o que contempla unha xornada laboral de 7:45 da mañá a 15:15 da tarde de luns a venres. No flexible o horario terá "unha parte fixa, de 9 a 14 horas" e outra, de 7 a 9 da mañá e de 14:00 a 18:30 da tarde, na que "o empregado público poderá completar a súa xornada de traballo". A súa concesión, que pode estar condicionada por cuestións como a conciliación da vida persoal e laboral, estará sempre supeditada "á cobertura das necesidade sdo servizo.

Pola súa banda os horarios especiais estarán reservados aos "postos de traballo adscritos a unidades de información e atención cidadá", aos "postos de apoio, de carácter técnico e administrativo -que poderán ter horario de mañá e tarde- e ás "unidades que o requiran polas peculiaridades das funcións que teñen asignadas". O horario será aínda máis elástico para os postos de libre designación. As persoas que desempeñen estes cargos "estarán sometidas á dispoñibilidade horaria que determine a autoridade competente para a adxudicación do posto".

A nova normativa, que agora será sometida á negociación cos sindicatos da función pública, regulará tamén o devandito sistema de teletraballo, desitnado ao persoal que teña unha antigüidade de máis de dous anos e dispoña na casa "do equipamento informático básico con acceso á internet, lector de tarxeta e teléfono móbil", elementos que "non serán facilitados, en ningún caso, pola Xunta de Galicia". Os traballos que poderán ser desenvolvidos desde a casa serán, por exemplo, "a elaboración de informes, asesoría, redacción e tratamento de documentos, inspección, xestión de sistemas de información ou análise e deseño de sistemas de información".

Reunión do Consello que abordou a orde © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.