Feijóo admite que os contratos da flota menor de Pemex tamén dependen dun concurso

Feijóo, nunha das xuntanzas mantidas en México © Xunta

Hai xa un ano que Pemex é unha convidada habitual dos discursos políticos e económicos en Galicia. Xa logo van alá doce meses dende o eufórico acto do Pazo de Raxoi no que o presidente da Xunta, acompañado de altos directivos da petroleira mexicana, anunciaba que estaleiros galegos se poderían encargar de catorce barcos remolcadores, sete deles integramente e outros sete en colaboración con empresas do país centroamericano. Sería un investimento de 310 millóns de dólares, "máis de 2,6 milóns de horas de traballo" e 2.500 empregos "entre directos e indirectos". Un ano e moita polémica despois ningún estaleiro galego traballa, polo momento, en barcos para Pemex e Alberto Núñez Feijóo, acabado de chegar da outra beira do Atlántico, recoñece agora que a posibilidade de que empresas de Galicia participen na renovación da flota menor da petroleira depende, como no caso dos incertos floteis, dun concurso público.

"Veremos antes de xullo a adxudicación e eu espero e desexo que a oferta dos estaleiros galegos sexa a gañadora", sinalou Feijóo este xoves ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta. "O presidente" mexicano, Enrique Peña Nieto, "non pode adxudicar un contrato de 240 millóns de dólares", evidencia, para a continuación expresar que o que trae de México, cando menos polo momento, son boas sensacións: "O que si digo é que saín moi satisfeito" da reunión con Peña Nieto "e que a oferta que presentan pode gañar ese concurso de 240 millóns de dólares". O encontro, di, serviu tamén para a "confirmación do acordo con PMI", isto é, do acordo para a construción dos floteis que el mesmo deu por feito hai meses.

Feijóo evidencia que o presidente mexicano "non pode adxudicar o contrato" se ben asegura que saíu "moi satisfeito" da reunión

Mentres o naval galego agarda, agora ata xullo, para saber se pode ser "o adxudicatario definitivo da flota menor", isto é, "barcazas, remolcadores e buques tanque", Feijóo prefire poñer o acento noutra "posibilidade", a de que "Pemex participe no capital dun estaleiro galego", cuxo nome "prefiro omitir, porque non me corresponde a min facer a negociación", pero que podería ser Barreras, segundo apuntan diversas voces nos últimos días. "Si me corresponde trasladarlles" aos dirixentes mexicanos "un interese en que invistan en estaleiros galegos" porque, se isto sucedese, a empresa beneficiaria sería "unha empresa do grupo Pemex" e isto traería consigo "facilidades para contratar" porque "non sería necesario licitar", isto é, non cumprirían os concursos públicos que agora son imprescindibles.

Neste escenario, e á espera de que algún proxecto se concrete, o titular do Executivo galego amosou este xoves ante a prensa todas as expectativas que trouxo na maleta. O gabinete de  Peña Nieto está a desenvolver o denominado Pacto por México, un plan que contempla "40.000 millóns de dólares en investimentos anuais" dos que, afirma, Galicia se podería beneficiar en ámbitos diversos. Por este motivo "nos poremos en contacto con empresas de consultoría para que presenten ofertas para estradas, hospitais" ou "investimentos hidráulicos". Do mesmo xeito, afirma, o "director da empresa pública do programa de acción social" do país azteca viaxará a Galicia para "ver a posibilidade de exportar leite galego". Resta saber, polo tanto, cantos destes plans teñen tradución en investimentos e, polo tanto, en emprego.

Feijóo, nunha das xuntanzas mantidas en México © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.