O BNG censura que o PP "utilice" a policía autonómica para "protexer a súa sede"

Antidisturbios ante o recinto do congreso do PP en Burela CC-BY-SA Praza Pública

"Utilización partidista das forzas de seguridade". Isto é o que, a xuízo do BNG, está a realizar o PP coa policía en xeral e, en particular, coa unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta, a popularmente coñecida como policía autonómica. A voceira do Bloque en materia de Xustiza e Interior, Tereixa Paz, vén de revelar que as ordes de servizo que serven para asignarlles as patrullas aos efectivos deste corpo policial figuran instrucións para vixiaren a sede autonómica do PP, en Compostela. Esta protección, asegura, prodúcese "todas as noites".

No marco dunha comisión parlamentaria Paz deu conta do contido de dúas destas ordes, unha correspondente a un día do pasado mes de febreiro e outra, de marzo. En ambos casos aos axentes encoméndaselles que controlen diferentes dependencias oficiais dependentes do Goberno galego -un dos cometidos desta unidade adscrita-, tales como complexos administrativos ou a Cidade da Cultura. A eses edificios públicos engádese un privado, a sede dos conservadores. Nomeadamente, na orde de febreiro figura a realización de "patrullas exteriores" ás once e media da noite e śa cinco da madrugada e na de marzo, "patrullas perimetrais a pé" ás once menos cuarto da noite, "patrullas exteriores a pé" ás dúas e media da madrugada e unha patrulla máis nas "inmediacións" ás seis e media.

O Bloque pregunta polo "custo que supón a utilización dos corpos policiais" para protexer actos ou locais do PP

Para Paz esta é só unha mostra do "uso desproporcionado de dispositivos policiais e da súa utilización ao servizo do PP". Isto, di, acontece tamén cunha "patrulla que permanece todos os días na porta da vivenda dunha conselleira coruñesa mentres esta realiza as súas actividades cotiás e antes de comezar o seu traballo", patrulla da que o Bloque tamén achega unha fotografía. Do mesmo xeito, acusa, o "uso abusivo" dos axentes, xa sexan ordinarios ou do corpo de antidisturbios, realízanse para "afastar a voz da cidadanía dos seus representantes e para protexer actos do PP", como no seu recente congreso provincial de Pontevedra, celebrado no recinto feiral de Silleda.

Neste contexto os nacionalista reclaman coñecer o "custe que supón a utilización dos corpos policiais neste tipo de actos e quen debería facerse cargo dos mesmos". A pregunta, formulada pola propia Tereixa Paz ao director xeral de Interior, Santiago Villanueva, só obtivo a resposta de que "os dispositivos se deseñan en función dun proceso de información previo acerca das posibles situacións de risco que se poidan producir, da conflitividade posible e do número de persoas que se prevé que asistan", sinala o BNG. Neste contexto, Paz pregúntase "cal é o risco real de persoas que só contrapoñen a súa voz fronte a policías antidisturbios" ou "se responde a algún risco verificábel" que os policías acudan cada noite á sede do PP.

Ordes policiais reveladas polo BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.